Os medios colombianos fixéronse eco do desmesurado avance do toxo no departamento de Cundinamarca. Imaxe: Caracol TV.

Os medios colombianos fixéronse eco do desmesurado avance do toxo no departamento de Cundinamarca. Imaxe: Caracol TV.

Unha perigosa planta invasora chamada toxo

O "ulex europaeus" está incluído entre unha das 100 especies exóticas máis daniñas do planeta, e xera problemas medioambientais en América e Oceanía

Nas últimas semanas circulou entre numerosos usuarios galegos das redes sociais unha reportaxe do informativo colombiano Noticias Caracol sobre unha planta que se converteu nunha “gran invasora” no país. Entre outros termos, definíase a esta especie como “inimiga da vida” e dicíase que “agride páramos, arrasa campos e invade as nosas cordilleiras”, sendo “unha das depredadoras máis agresivas da natureza“.

O particular do asunto é que a especie que se menciona é o toxo de toda a vida, que na primavera tingue Galicia de cor amarela coas súas chorimas. No noso país, este arbusto convive en relativa harmonía co resto da flora e está fondamente enraizado na nosa cultura popular. Non en tanto, noutros lugares do planeta, a súa presenza non é tan benvida.

O Ulex europaeus supón un grave problema medioambiental en vastas zonas de América e Oceanía. É tal a súa proliferación que o Grupo Especialista en Especies Invasivas (ISSG), dependente da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), incluíu ao toxo arnal entre as 100 peores especies invasoras do mundo.

Entre os efectos que causa nas zonas invasoras, a IUCN subliña a súa “tenacidade“, cualificándoa de “extremadamente competitiva“. Engade que “altera as condicións do solo, fixando nitróxeno e acidificando o terreo; e incrementa o risco de incendios debido ás súas follas e sementes altamente inflamables”.

No caso de Colombia, algúns expertos mencionan que o “retamo espinoso“, tal e como o chaman no país suramericano, chegou alí desde Europa a mediados do século XX durante a construción dun encoro que abastece ao sur de Bogotá. Os construtores pretendían frear a erosión a través da plantación do toxo, pero o seu crecemento descontrolouse.

O toxo puxo en perigo o hábitat dunha planta nativa dos Andes

En Colombia, o problema medioambiental é especialmente grave no Páramo de Sumapaz, un rico ecosistema montañoso situado nos Andes setentrionais. Aquí medran, paseniño, as plantas do xénero Espeletia, coñecidas como “monxe das alturas“, uns emblemáticos arbustos da cordilleira andina. Fronte a elas, o toxo medra rapidamente e pon en perigo a supervivencia desa planta nativa.

Tamén en Estados Unidos, Nova Zelanda, Australia ou Chile hai unha ampla preocupación co toxo. No país chileno chámano “espinillo alemán“, debido a que foi introducido polos colonos xermanos a comezos do século XIX para cercar as súas vivendas.

En Galicia, do mesmo xeito que en gran parte de Europa Central e Occidental, o toxo está considerado como unha especie autóctona. Non en tanto, segundo o Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, o goberno español mantén medidas de control en Canarias, onde si está considerada como alóctona e xerou bastantes problemas con especies nativas.

3 respostas a “Unha perigosa planta invasora chamada toxo”

  1. Bròtùil Artai Choche

    Pois se en Oceanìa lles parece que o toxo é unha especie invasora, eu pregúntome se non é mais invasor o eucalipto.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.