A catedrática Rosa Mosquera dirixe o proxecto no Campus Terra. Imaxe: USC.

A catedrática Rosa Mosquera dirixe o proxecto no Campus Terra. Imaxe: USC.

Xestión sustentable e apoio á biodiversidade para loitar contra os incendios

O Campus Terra da USC lidera en Galicia o proxecto europeo Open2Preserve, no que participan máis de 30 socios de varios países

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC lidera en Galicia o Open2Preserve, un proxecto europeo que acaba de recibir 1,7 millóns de euros de financiamento dos fondos Feder. O programa, que compoñen máis de 30 socios de España, Francia e Portugal, está orientado a proporcional modelos de xestión sustentable do monte que contribúan a minimizar o risco de lumes forestais, ademais de garantir a preservación dos servizos ecosistémicos e a calidade ecolóxica dos espazos abertos de montaña de alto valor ambiental susceptibles de ameazas.

A coordinadora do proxecto do Campus Terra é a catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC e profesora na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Rosa Mosquera Losada, que cifrou en arredor de 400.000 euros a partida económica dispoñible para o financiamento das distintas actuacións proxectadas na provincia de Lugo e no resto da xeografía galega ao abeiro deste proxecto transnacional.

O proxecto figura entre as 8 propostas aprobadas entre máis de 400 solicitudes

Mosquera salienta a pertinencia das medidas propostas polos promotores do Open2Preserve, logo de que este proxecto figure entre as 8 propostas aprobadas para o seu financiamento das máis de 400 solicitudes presentadas inicialmente á última convocatoria de fondos europeos. Rosa Mosquera, que tamén presidenta é da Federación Europea de Sistemas Agroforestais (EURAF) lembrou neste senso que os obxectivos fixados no Open2Preserve coinciden en gran medida coas necesidade xa advertidas nos espazos abertos de montaña das rexións do suroeste de Europa, zonas que están inmersas nos procesos de cambio global relacionados coas modificación do uso da terra e co cambio climático que afecta ao planeta.

A redución do pastoreo por herbívoros e o abandono dos usos tradicionais das terras nas últimas décadas están a provocar a homoxeneización da paisaxe e un descenso da biodiversidade dos seus hábitats, ao tempo que se produce unha elevada acumulación de combustible vexetal, o que implica un incremento dos riscos de lumes forestais, relatou Rosa Mosquera.

Outra das achegas á que aspiran os socios promotores do programa Open2Preserve está estreitamente relacionada coa loita contra os efectos do cambio climático, segundo precisou a catedrática da USC Rosa Mosquera, quen tamén coordina a división de cultivos da Alianza Científica Global contra as Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro Agrícolas, institución recoñecida como observadora oficial do Panel Intergubernamental do Cambio Climático (IPCC) e que participa na Alianza Global para a Agricultura Climaticamente Intelixente.

Daquela, o proxecto Open2Preserve, un proxecto transnacional que botará a andar en primavera logo da asemblea constitutiva que se celebrará nas vindeiras semanas na cidade francesa de Toulouse, busca definir novas estratexias para ofrecer solucións innovadoras que aseguren a sustentabilidade económica e a viabilidade a longo prazo do modelo de xestión, promovendo a creación de novos empregos e o desenvolvemento sostible da rexión.

Unha resposta a “Xestión sustentable e apoio á biodiversidade para loitar contra os incendios”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.