En primeiro plano, antiga explotación de cobre, que funciona actualmente como canteira. Detrás, zona do xacemento que se prevé explotar. Foto: Atalaya Mining.

En primeiro plano, antiga explotación de cobre, que funciona actualmente como canteira. Detrás, zona do xacemento que se prevé explotar. Foto: Atalaya Mining.

A SGHN alerta contra as “deficiencias e contradicións” da mina de cobre de Touro

No seu informe, a entidade cualifica de "moi frouxo" o estudo socioeconómico e di que non se contempla a posible rotura dos diques

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), entidade científica e ecoloxista con máis de 40 anos de traxectoria, fixo públicas este mércores as súas alegacións ao proxecto de reapertura da mina de cobre de Touro e o Pino. O seu presidente, Serafín González, tamén científico do CSIC, cualifica de “moi frouxo” o estudo socioeconómico, un dos principais argumentos dos partidarios da mina. E engade que as hipotéticas condicións de vida que se poderían dar na aldea de Arinteiro, moi próxima á explotación, “poderían entrar na categoría de inaceptables“.

No documento de sete páxinas remitido á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a entidade introduce unha serie de “deficiencias e contradicións” atopadas no estudo de impacto ambiental presentado pola empresa que prevé explotar o xacemento. Estas son algunhas das críticas que fai a SGHN:

– Concentración de metais

Din que “non se proporciona información sobre concentración de metais e metaloides potencialmente perigosos (con concentracións ata 1.000 veces maiores que o promedio da codia terrestre), e a correspondente clasificación de perigosidade dos residuos mineiros”.

Curso de auga afectado polas filtracións da antiga mina de cobre.

Curso de auga afectado polas filtracións da antiga mina de cobre.

– Impacto en cursos de auga e mananciais

A SGHN remarca que o proxecto “tería un grande impacto sobre a auga e os ecosistemas acuáticas, ao contemplar o desvío dos regos do Burgo e das Pucheiras nun treito de 984 m. e de 1225 m., respectivamente, a supresión de 850 m do Rego da Reigada, a desaparición de ata 20 mananciais e 5 depósitos que abastecen de auga a non menos dun cento de vivendas e explotacións gandeiras, e posibles afeccións a outros mananciais próximos ás zonas previstas para depósitos de estériles”.

– Depósitos de estériles

A asociación afirma que “son realmente balsas de lodos permanentes, contidas por diques de 2806 e 3187 metros de lonxitude e alturas de ata 74 e 81 m, que se encapsularían ao final da súa vida útil”.

Aínda que a empresa si garante no seu informe a seguridade de ditos diques, a SGHN advirte que “no caso de fallar ditos diques enormes, que rodearían por dous dos tres lados á aldea de Arinteiro, a menos de 250 m de distancia das casas, o estudo recoñece que terían consecuencias moi altas en canto a perda de vidas humanas, danos ao medio ambiente e perdas económicas, e iso sen ter avaliados os seus efectos sobre a ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza, as especies ameazadas (nomeadamente Margaritifera margaritifera, o mexillón de río, e Galemys pyrenaicus, a toupa de río), a riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e o Humidal Ramsar Complexo intemareal Umia-Grove-Carreirón”.

“No caso de fallar os diques”, habería consecuencias “moi altas” en “perda de vidas humanas”, di a SGHN

Respecto aos depósitos, tamén conclúe a sociedade que “quedarían indefinidamente almacenados diversos compostos químicos empregados para separar o cobre e que teñen distinto grao de perigosidade para as persoas e o medio ambiente, con propiedades “irritantes”, “tóxicas”, “alerxénicas” e “nocivas”, como é o caso do Monobutil eter etilenglicol, Xantato amílico potásico e o Isopropil etil tiocarbamato, sobre todo este último, sospeitoso de causar cancro.

– Núcleos de poboación

Informa a SGHN que no estudo de impacto ambiental “non se menciona que a menos de 1 km da contorna da explotación mineira existe unha vintena de núcleos de poboación, unha gardería, unha residencia da terceira idade, unha piscina municipal, unha área recreativa, o Centro de Interpretación do Río Ulla e o Centro de Protección Civil, que en maior ou menor medida sufrirán as vibracións de 6 voaduras diarias (cada unha con entre 9 e 16 toneladas de explosivos), e tampouco os posibles efectos dos micro-terremotos sobre a estabilidade dos diques das balsas de estériles”.

– Estudo socio-económico

Cualifican de “pouco riguroso” o proxecto neste sentido con “datos erróneos, contraditorios ou desactualizados”.
Sobre o emprego, a SGHN sostén que “sobreestima nun 20% os empregos directos reais que crearía a mina” ao tempo que “subestima en máis dun 50% a importancia do tecido produtivo do sector primario” na zona. Sobre o desemprego, sostén que “presenta datos desactualizados e hoxe non válidos sobre o paro na comarca”. E engaden que “chega a comparar os datos dos censos agrarios de 1999 e 2009, cando na propia páxina do Instituto Galego de Estatística se advirte expresamente que ditos censos NON son comparables pola metodoloxía empregada”.

O estudo “sobreestima” os empregos que creará a mina e “subestima” a importancia do sector primario

No que atinxe á demografía, asunto no que tamén incide o proxecto de forma especial, debido ao problema do despoboamento rural, a SGHN di que se empregan “datos inexactos“, comparando a situación de minas de Asturias, e ademais “esquecendo que durante o periodo de actividade da antiga mina de cobre con Río Tinto a evolución demográfica dos concellos afectos foi peor que no periodo posterior coa mina parada”.

Un tema especialmente salientable para a entidade ecoloxista é que nos datos de renta per cápita, o estudo da empresa baséase no ingreso medio por fogar da Área de Santiago (comarcas da Barcala, O Sar e Santiago), cando nesa enquisa do Instituto Galego de Estatística a comarca de Arzúa, xunto coas de Ordes e Terra de Melide, inclúese na Área da Coruña suroriental, “polo que a análise que se fai é totalmente errónea“, di a SGHN.

– Patrimonio arqueolóxico

Sobre este punto, saliéntase a situación do castro de Copa. Segundo a SGHN, sinalan que o enclave foi destruído nos traballos de rexeneración ambiental da antiga mina de Río Tinto. A entidade vincula esta destrución ao “forte incremento do prezo internacional do cobre” a partir de 2002, á solicitude e aprobación da concesión da explotación, en 2010 e 2011, e á realización de novos sondeos na mina en 2012. Por todo isto, a asociación solicitou ao Secretario Xeral de Cultura que abra unha investigación para aclarar os feitos e “no seu caso, depurar as responsabilidades legais”.

Así, despois destas argumentacións, a SGHN solicita á Xunta “que se rexeite o Estudo de Impacto Ambiental do proxecto e se esixa a elaboración dun novo”. Este documento debería engadir, sempre segundo a entidade, “os datos de concentración de metais potencialmente perigosos e a correspondente clasificación de perigosidade dos residuos mineiros”; “unha simulación dos efectos humanos, sanitarios, económicos e ecolóxicos” dun posible accidente causado pola rotura dos diques; unha “análise seria e rigorosa” da poboación e o tecido produtivo, o recurso auga, a paisaxe, as especies ameazadas e os espazos naturais protexidos que se citan nas alegacións.

Tamén esixen á empresa a contratación dun seguro de responsabilidade civil suxeito á lexislación da UE, e piden que non se autorice a afección aos hábitats de conservación prioritaria e as especies ameazadas, xa que non concorren, segundo a SGHN, “ningunha das consideracións establecidas” na Lei do Patrimonio Natural e a Biodiversidade e a lexislación comunitaria sobre o mesmo eido.

Para concluír, piden unha intervención arqueolóxica “previa, exhaustiva, independente e supervisada pola Consellería de Cultura na zona do castro de Copa” e no resto da superficie que afectaría o proxecto; e a instalación dunha rede automática de monitoreo de calidade ambiental das augas que saian da mina, con acceso libre en tempo real na web de Augas de Galicia”.

Aquí podes consultar o informe íntegro da SGHN (PDF)

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.