Raquel Nieto, investigadora do grupo EPhysLab da Universidade de Vigo. / Foto: DUVI.

Raquel Nieto, investigadora do grupo EPhysLab da Universidade de Vigo. / Foto: DUVI.

Ríos atmosféricos causan o 90% das chuvias intensas en Galicia

Estas correntes de vento transportan vapor de auga das rexións tropicais ou subtropicais e poden acadar 400 km de ancho e dous de alto

Chuvia en Santiago

Chuvia en Santiago de Compostela. / Foto: Yearofthedragon.

Hai ríos non soamente na terra, senón tamén no aire. Son os chamados ríos atmosféricos, enormes e continuas correntes de vento que transportan vapor de auga das rexións tropicais ou subtropicais cara latitudes medias, que poden acadar unha extensión xeográfica duns 400 quilómetros de ancho e dous de alto e que poden levar unha cantidade de humidade comparable á canle do Amazonas. Trátase dunha especie de cintas transportadoras no aire que son as culpables de arredor do 90% das precipitacións intensas que se producen ao longo do ano no oeste da Península Ibérica. Son datos das primeiras conclusións do estudo realizado por un equipo de investigadores do grupo EPhysLab da Universidade de Vigo, liderado por Raquel Nieto e Anita Drumond, recentemente premiada como mellor científica nova na última edición dos MedCLIVAR Young Scientist Award 2014, celebrada en Ankara.

Con este traballo, titulado ‘O papel do transporte de humidade na precipitación extrema, inundacións e secas na vertente atlántica europea (THIS)’, os investigadores tratan de localizar as fontes de humidade que alimentan estas estruturas meteorolóxicas e que poden xerar anomalías climatolóxicas dependendo da convección e dos sistemas que se atope ao chegar á zona, como “precipitacións bastante copiosas ou intensas que poden dar lugar ao desbordamento de ríos, inundacións ou desastres naturais”. A idea é analizar como se produce ese transporte para poder ter unha maior previsión e marxe de reacción. “Sabemos que eses sistemas existen e que pasan dous ou tres veces ao día polo hemisferio norte. E coñecendo as características desas cintas transportadoras podemos calcular se un río ten capacidade para acoller toda esa auga, se os embalses poden acumular tal cantidade ou se se poden aproveitar esas precipitacións, gardar recursos e evitar desastres naturais”, salienta Nieto.

O estudo do grupo EPhysLab da Universidade de Vigo atópase na súa primeira fase e conta con financiamento da Xunta

As chuvias intensas destes ríos atmosféricos son ás veces un recurso máis que esperado nalgunhas rexións, como está a ocorrer en California, que sufre a peor seca dos últimos 1.200 anos e que podería terminar co torrente de precipitacións invernais que está a percorrer o Pacífico deixando moita neve e auga en forma de chuvascos rápidos. E é que, aínda que nalgunhas ocasións poden provocar desastres naturais, estes ríos atmosféricos poden ser de gran axuda, xa que, por exemplo, contribuíron a rachar co 40% das secas californianas dende 1950.

Entender as secas

Con este proxecto, que conta cun financiamento de 93.000 euros por parte da Xunta de Galicia, os investigadores queren analizar tamén o outro extremo climatolóxico: as secas. “Evidentemente igual que a humidade chega e pode provocar precipitacións extremas, tamén pode non aparecer e crear securas”, explica Nieto. Coñecendo a rexión da que procede este vapor, os expertos poden analizar que pasou exactamente nesa zona que provocara unha menor vaporización de auga do océano ou do continente. “O que pretendemos é entender os dous extremos, poder ligar eses fenómenos con condicións dinámicas atmosféricas e ver que patróns de circulación afectaron á súa aparición ou desaparición”, engade a investigadora.

Humidade procedente da banda subtropical

Raquel Nieto comezou o proxecto cunha estadía no Centro de Xeofísica da Universidade de Lisboa, onde traballou man a man con investigadores que xa teñen publicados traballos sobre ríos atmosféricos e onde creou o algoritmo necesario para identificar os sistemas da vertente atlántica europea dende a península ibérica ata Escandinavia, rexión na que se centra o estudo. Ademais de ser os culpables do 90% das precipitacións intensas na zona española, os primeiros resultados permitiron localizar a procedencia deste vapor de auga: a maior parte vén da banda subtropical por debaixo de 35 graos norte.

Son os primeiros pasos dunha investigación que irá calculando os ríos atmosféricos por bandas de latitude de 10 en 10 graos, uns resultados que foron xa presentados á comunidade científica en varios congresos a nivel europeo. A duración estimada do proxecto é de tres anos, sen embargo, como “vai avanzando bastante rápido”, os investigadores non desbotan “ir incorporando ao estudo novos aspectos que vaian xurdindo”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.