Ricardo Beiras (centro) con investigadores do Instituto Tecnolóxico do Plástico.

Ricardo Beiras (centro) con investigadores do Instituto Tecnolóxico do Plástico.

Un proxecto galego para estudar os aditivos tóxicos nos plásticos

Ricardo Beiras dirixe o grupo Ephemare da UVigo que analiza os efectos na saúde e no medio ambiente dos polímeros industriais

Roupa, envases de alimentos e bebidas ou xoguetes son só tres exemplos que evidencian a presenza dos plásticos en multitude de obxectos empregados na vida cotiá. Aínda que o polímero virxe, que é a base dos plásticos e que se fabrica a partir do petróleo, non representa ningún perigo, dado que é totalmente inerte, o proceso para conferirlle ao produto de plástico propiedades como a cor, a flexibilidade ou a resistencia mecánica ou ao lume, implica o engadido de numerosas substancias químicas denominadas aditivos, algunhas das cales se sospeita que poden ser tóxicas.

Larvas de ourizo con microplásticos no estómago.

Larvas de ourizo con microplásticos no estómago.

“Os casos mellor coñecidos son as substancias que existían nas chupadeiras de biberón e xoguetes de nenos que alteraban o metabolismo das hormonas e que foron prohibidas neses produtos, aínda que se seguen a usar en moitos outros”, explica Ricardo Beiras, coordinador do proxecto Ephemare do Grupo de investigación Ecotox da Universidade de Vigo, que tamén lembra o caso das botellas de auga mineral que deixaron de fabricarse porque, cando se expoñían ao sol, contaminaban a auga con sustancias tóxicas.

No caso dos plásticos que chegan ao mar, especialmente preocupante resultan os microplásticos, fragmentos que miden menos de cinco milímetros de diámetro “é que constitúen un problema emerxente que é preciso abordar”, explica o investigador, que tamén sinala que algunhas alternativas, como as bolsas de plástico oxidegradable que, por exemplo, reparte a Xunta de Galicia nos mercados de Vigo, “son aínda peores pois levan un tratamento que as atomiza en microplásticos e impide a súa recuperación do ambiente’.

Co obxectivo de, por unha banda, estudar o impacto ambiental dos microplásticos de polímeros convencionais e biodegradables no medio acuático e, pola outra, avaliar a toxicidade dos aditivos empregados de xeito máis habitual na industria e seleccionar aqueles que presenten un menor impacto sobre o medio acuático, o Grupo de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña da Universidade de Vigo coordinará ata o ano 2019 un proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Economía, Industria y Competitividad con preto de 143.000 euros. Alternativas ambientalmente respectuosas para polímeros y sus aditivos químicos en medio acuático, Arpa Acua, é a denominación do proxecto, que se encadra dentro da convocatoria Retos de la Sociedad, e que segundo Beiras, persegue “ofrecer á industria alternativas ambientalmente respectuosas sobre a base da ecotoxicoloxía, parte da que se encarga a Universidade de Vigo, e a química analítica, da que se ocupa o Instituto Universitario de Medio Ambiente da Universidade de A Coruña”.

A Universidade da Coruña traballa neste proxecto en colaboración coa UVigo

O estudo, que desenvolverán os grupos de investigación das universidades galegas, contempla como gran novidade a comparación dos resultados ecotoxicolóxicos do impacto dos polímeros convencionais cos polímeros biodegradables, que a priori, segundo explica Ricardo Beiras, “deberían amosar un impacto menor”. Xunto a esta novidade, o proxecto contempla outra innovación como é a incorporación ao consorcio que desenvolve a investigación dun socio tecnolóxico do sector do plástico, neste caso o Instituto Tecnológico del Plástico de Valencia, Aimplas, que será o que prepare os materiais que serán obxecto de estudo, que se desenvolverá no ámbito do laboratorio, ao non contemplar este proxecto traballo de campo.

Arpa Acua compleméntase co proxecto europeo Ephemare, que investiga o efecto ecotoxicolóxico dos microplásticos no medio mariño, aínda que neste caso este traballo, que se prolongará ata 2018, ten como un dos seus obxectivos estudar se os microplásticos actúan como vector das substancias químicas presentes no medio aos organismo acuáticos. “Mentres, Arpa Acua trata de avaliar as alternativas a priori máis respectuosas para o medio ambiente, tanto nos polímeros, coma nos aditivos empregados”, destaca o investigador de Ecotox, que lembra que no ano 2015 producíronse 322 millóns de toneladas de plástico no mundo, 58 en Europa, das que se estima que uns cinco millóns acaban no mar cada ano.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.