Imaxe captada por un dron na estrada N236-1, onde faleceron gran parte das vítimas: Vídeo: SIC Notícias.

Imaxe captada por un dron na estrada N236-1, onde faleceron gran parte das vítimas: Vídeo: SIC Notícias.

Un profesor da USC, entre os 12 expertos que investigarán o incendio de Pedrógao Grande

Edelmiro López, experto en política agraria e desenvolvemento rural, foi proposto polo Consello de Reitores das Universidades Portuguesas

A Asamblea da República de Portugal, órgano lexislativo do país luso, deu a coñecer a mediados deste mes a composición da comisión técnica independente que analizará os feitos acontecidos no tráxico incendio que asolou o centro do país no mes de xuño e que lle custou a vida a máis de 60 persoas.

Segundo a información aportada pola Asamblea, “os membros da comisión actuarán de forma independente no desempeño das funcións que lles están encomendadas, sen poder solicitar nin recibir instrucións da Asamblea, do Goberno, ou de calquera outra entidade pública ou privada”. A comisión reuniuse por primeira vez o pasado martes 18. Terá un prazo de traballo de 60 días, prorrogable nunha única ocasión por 30 días máis, para emitir un informe coas conclusións así como recomendacións pertinentes para previr situacións semellantes.

Edelmiro López Iglesias. Imaxe: USC.

Edelmiro López Iglesias. Imaxe: USC.

Unha das principais incógnitas por resolver é a causa do comezo do incendio, toda vez que non está confirmado se foi producido por causas naturais – nos primeiros momentos falouse dun lóstrego – ou se foi intencionado.

Dos 12 expertos que participarán na comisión, seis deles foron seleccionados polo Consello de Reitores das Universidades Portuguesas, e os outros seis foron escollidos polos grupos parlamentarios da Asamblea. Entre os nomes propostos polos reitores figura o e Edelmiro López Iglesias, profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

López Iglesias é profesor no Departamento de Economía Aplicada, que na actualidade dirixe. O seu labor investigador céntrase na economía e a política agraria, o desenvolvemento rural e a economía rexional. Ademais, foi director xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia entre 2005 e 2009, ademais de dirixir as entidades Agader e Fogga. Tamén foi director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC. En 2003 foi un dos redactores do Libro Blanco de la Agricultura y el Desarrollo Rural elaborado en 2003 polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Deste xeito, a USC será a única universidade europea de fóra de Portugal que avaliará os feitos. Xunto a López Iglesias, figuran nove expertos portugueses, un catalán (Marc Castellnou), xefe da área forestal do corpo de bombeiros da Generalitat de Cataluña, e Richard de Neufville, enxeñeiro do Massachusetts Institute of Technology.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.