Imaxes da procesionaria na súa fase de eiruga, e na etapa previa, no niño. Fonte: Wikipedia / Basotxerri - CC BY SA 4.0.

Imaxes da procesionaria na súa fase de eiruga, e na etapa previa, no niño. Fonte: Wikipedia / Basotxerri - CC BY SA 4.0.

Procesionaria: a eiruga que pode matar teu can

Este insecto, que adoita baixar das árbores a partir de febreiro, ten uns pelos urticantes perigosos debido á toxina thaumatopina

En febreiro comeza a pasear por Galicia a procesionaria (Thaumetopoea pityocampa), un insecto que recibe este nome pola peculiar forma de desprazarse que teñen os seus individuos cando abandonan as árbores despois da fase larvaria e se dirixen baixo terra para formar o seu casulo na etapa de crisálide. En fila de un, as eirugas forman ringleiras que ás veces chaman a atención dos humanos e outros animais.

Unha curiosidade que, ás veces, pode resultar perigosa. Alén dos danos que causa nos piñeiros e dos cedros, nos que é unha importante praga, a procesionaria pode ser letal para os cans e daniña para os máis cativos. A razón está nos seus pelos urticantes, que poden desprenderse e aboiar no aire, e que posúen unha toxina chamada thaumatopina. En contacto coa pel pode provocar reaccións alérxicas e irritacións nas mucosas que, nos casos graves, chegan ás naúseas, a visión borrosa e a dificultade para respirar. Nas persoas máis sensibles, chegan a causar reaccións anafilácticas que poden ser graves. Nos cans, ao estar máis próximos ao chan, non é preciso sequera que entren en contacto directo co insecto, debido á que procesionaria pode liberar os seus pelos urticantes en caso de se ver ameazada.

Así, se as mascotas amosan síntomas como salivación excesiva, inquedanza, inflamación da lingua, a cara ou os ollos, ou vómitos, cómpre actuar e levar ao animal a un veterinario. Se a lesión avanza, pode producirse unha necrose na lingua ou algunha hemorraxia interna que acabe causando a morte.

Parasito de piñeiros e cedros

Non en tanto, durante a súa fase de larva, a procesionaria tamén causa serios problemas nos piñeiros e os cedros. Aliméntanse das acículas – o nome que reciben as follas en forma de agulla dos piñeiros – e chuchan a resina das árbores, debilitando moitos destes exemplares. A súa presenza é notoria debido aos seus niños, semellantes a tea de araña. Unha vez chuchada á árbore, van na busca dunha nova vítima.

A praga da procesionaria preocupa en varias zonas de Galicia. En Vigo, os técnicos retiraran xa en decembro, só na zona do Castro, máis de 200 niños. A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu en decembro un aviso para alertar da elevada actividade da procesionaria nos piñeiros da provincia.
O seu ciclo dá comezo cada verán, cando os adultos poñen os ovos nas follas do piñeiro. Ao ir medrando, á altura do inverno, xa son visibles os niños nas ponlas das árbores afectadas pola praga.

Unha resposta a “Procesionaria: a eiruga que pode matar teu can”

  1. Ferri

    Só comentar unha cousa, polo menos na zona de Morrazo, se coñecen como rapacús, o de procesionaria oinno por primera vez en Madrid. Unha aperta

Deixar unha resposta a Ferri

Preme aquí para cancelar a resposta.

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.