Imaxe dunha das primeiras expedicións do "Nautile", que atopou 14 fugas das que saían 125 toneladas diarias. Fonte: CSIC.

Imaxe dunha das primeiras expedicións do "Nautile", que atopou 14 fugas das que saían 125 toneladas diarias. Fonte: CSIC.

O pecio no fondo do mar: dos ´fíos de plastilina’ á ‘estabilidade’, por agora

A proa e a popa do Prestige, separadas por case catro quilómetros e a máis de 3.500 metros de profundidade, repousan nunha zona escarpada

Despois de seis días de errático paseo polo Atlántico, o Prestige non aguantou máis, partiu e afundiuse nas profundidades do océano. O naufraxio desatou a marea negra de maiores dimensións, que se espallou por centos de quilómetros de costa durante varias semanas. Co pecio botando fuel a toneladas, centos de persoas puxéronse a traballar para frear o vertido.

Apenas dúas semanas despois do afundimento, a 260 quilómetros ao oeste da ría de Vigo, o submarino francés Nautile baixou por primeira vez a comprobar o estado do Prestige. Viron que as dúas partes do petroleiro, separadas por case catro quilómetros de distancia, seguían vertendo fuel, con varios tanques destruídos durante o afundimento. A proa, nunha zona cha, a 3.820 metros de profundidade, e a popa, a 3.545 metros, asentada na base do noiro do banco de Galicia, cunha pendente do 30%, retida por un afloramento rochoso.

O pecio está nunha zona con risco de corrementos de terreo

As condicións da estrutura, segundo o informe, parecían ‘estabilizadas, do que se deducía que “non cabe esperar cambios inmediatos de non mediar axentes externos que os propicien”, sinalaban os expertos. Con todo, tamén destacaban que o fondo mariño da zona presenta “formas irregulares, de vales e cuíñas, algunhas con pendentes considerables”, onde “existen aportes continuos de sedimento que orixinan acumulacións de material que de cando en vez se sobrecargan e ocasionan deslizamentos do terreo”.

O outro factor externo que podería influír nos restos do barco é a sismicidade “latente, de magnitude baixa a moderada, que da lugar a pequenos terremotos en momentos puntuais”. Con estes datos, desde a Oficina Técnica de Vertidos Mariños da UVigo, que funcionou ata 2007, concluíuse que había risco “medio-alto” de desprazamento dos restos do barco, aínda que debido a que o fuel arrefriou e solidificouse, ademais do taponamento das fugas e os traballos de extracción, estes movementos non terían por que xerar novos vertidos de cantidades significativas.

O vertido do pecio

O primeiro informe do Comité Científico Asesor, despois de analizar os datos aportados polo batiscafo, falaba de 14 fugas, 9 na proa e 5 na popa, todas elas en zona de cuberta. Daqueles días é a célebre frase de Mariano Rajoy: “Observáronse uns fíiños, catro regueiros case solidificados con aspecto de plastilina en estiramento vertical”. E así era, realmente: foi un símil empregado polos científicos para describir a forma na que manaba o fuel das fendas. O que non contou o entón voceiro do goberno era algo que tamén dicía o informe do Comité, e que reproduciron os medios de comunicación aqueles días: aqueles ‘fíos’ saían a unha velocidade de 125 toneladas diarias.

Unha vez analizada a situación, dadas as condicións de presión e temperatura e o lugar onde estaba o Prestige, os científicos observaron que, a comezos de 2003, no interior do barco quedaban aínda 37.500 toneladas. Así, decidiuse taponar as fugas na medida do posible, nunhas operacións moi complicadas e costosas. Un ano despois, en 2004, encargóuselle a Repsol a extracción de parte do petróleo que ficaba no buque. Conseguiron recuperar un total de 13.600 toneladas ata outubro dese ano, cun ambicioso traballo de enxeñaría que despertou interese internacional.

Tras a extracción, realizouse tamén un traballo de biorremediación con nutrientes que favorecen a proliferación de bacterias con capacidade para degradar o fuel.

Fugas en 2006

Non en tanto, tres anos e medio despois do accidente, un equipo da universidade Autónoma de Barcelona observou restos de petróleo cerca da zona do afundimento. En xullo de 2006, o IEO detectou tamén as manchas, e recolleron mostras para analizar a súa procedencia. Demostrouse que viñan do Prestige, e que as fugas eran recentes, polo que se deduciu que o barco seguía expulsando fuel.

Despois disto, o Goberno encargoulle de novo a Repsol en 2007 unha expedición para comprobar o estado das fugas. Concluíse que a situación era “estable” e que as fugas eran “irrelevantes” de apenas uns litros ao día, polo que non supoñía unha ameaza para o ecosistema mariños. Desde entón, hai xa dez anos, non se fixeron novos traballos para comprobar o estado do pecio.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.