Fenda aberta no casco do "Prestige" pouco despois do accidente. Imaxe: Salvamento Marítimo.

Fenda aberta no casco do "Prestige" pouco despois do accidente. Imaxe: Salvamento Marítimo.

Que foi o que provocou o accidente do Prestige?

Investigadores de Noruega, España e Francia analizaron a posibilidade de que unha onda xigante provocara a fenda no casco do petroleiro

O único certo do accidente, ou polo menos iso declararon o capitán Mangouras e os tripulantes, é que na tarde do 13 de novembro escoitaron un golpe fortísimo, e cando se asomaron, viron que o casco do Prestige tiña unha fenda que xa non deixou de medrar.

Que foi o que provocou ese golpe? Moito se ten falado sobre as causas: díxose que varios barcos que navegaban polo corredor marítimo que pasa por diante da costa galega perderan parte da súa carga: contedores e troncos que, no medio do temporal, actuarían como proxectís letais contra o deteriorado monocasco do petroleiro. Falouse incluso, desde a conspiración, dun suposto submarino.

O barco recibía o embate de dous mares cruzados: o de fondo e o de vento

Con todo, tanto no xuízo como nas investigacións preliminares, a hipótese que espertou máis consenso, non sen debate, foi a dunha onda xigante, xerada no medio do temporal que axitaba o mar naqueles días. Foi o que afirmou no xuízo, por exemplo, o xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos, que declarou que “nunca vira unha onda tan grande” en toda a súa vida. Un detalle, con todo, que non mencionou nas declaracións previasHai dous anos, un equipo de investigadores noruegos, franceses e españois publicaron un estudo no que analizaban as posibilidades de que se tivese xerado unha onda xigante na zona do accidente. E concluíron que as condicións, segundo os datos recabados e os cálculos realizados, eran propicias, aínda que non extraordinarias, para que aparecera unha onda que viñera a rachar o xa feble casco do Prestige. Este último factor foi, con toda probabilidade, o máis relevante.

En conversa con GCiencia, un dos autores do estudo, o físico madrileño José Carlos Nieto Borge, experto da universidade de Alcalá de Henares, explica que o equipo empregou os datos meteorolóxicos daquel día con modelos meteorolóxicos “moi sofisticados” desenvolvidos pola universidade de Oslo. “Calculamos a probabilidade de que houbera unha onda xigante baseándonos no tipo de mar que había na zona naquel momento”.

Explica Nieto que existen, a grandes rasgos, dous tipos de mar: o ‘normal‘, no que “se coinciden unha onda de dous metros e outra de tres, pois fórmase unha onda de cinco metros”; e por outra banda, o mar ‘non lineal‘, “no que inflúen máis factores que poden magnificar o tamaño das ondas”.

Condicións “moi malas” no momento do accidente

O investigador español sinala que as condicións na zona onde rachou o casco do Prestige eran “moi malas” de por si. “Había tormenta,e dous mares cruzados: un mar de fondo que viña do noroeste e un mar de vento que viña do suroeste”. Así, o casco do petroleiro sufría os embates nun ángulo de 90 grados. “A situación era moi perigosa, e máis co estado que tiña o barco”, conclúe Nieto Borge.

É imposible predicir con toda exactitude a situación que se deu no momento do Prestige, xa que este tipo de ondas de gran tamaño son fenómenos puntuais, que aparecen e desaparecen en pouco tempo. José Carlos Nieto conta que, despois de realizar os cálculos, e cos datos que tiñan, “a probabilidade de que aparecese unha onda xigante era algo maior que se houbese un mar ‘normal‘”, aínda que non tan alta como no caso dun mar ‘non lineal‘, que era o que existía naquel momento.

Conclúe Nieto, e aínda que o obxecto do traballo non era analizar o estado do petroleiro, que as malas condicións nas que se atopaba o buque foron determinantes na catástrofe, alén da posibilidade de que a citada onda xigante desencadease o accidente.

Podes consultar o artigo completo: “Crossing sea state and rogue wave probability during the Prestige accidentnesta ligazón.

Ler máis: O Prestige e a ciencia, 15 anos despois

A memoria da catástrofe

A morte negra: máis de 100.000 aves atrapadas no chapapote

6 respostas a “Que foi o que provocou o accidente do Prestige?”

  1. X.R.

    Paréceme un artigo moi pouco serio, con vagas nocións de teoría de ondas (mar non lineal??) e nulas de hidrodinámica, interacción ondas buque, rumbos, frecuencias de encontro, espectros enerxéticos, alturas nominais, puntos Wanda utilizados, datos das boias de portos do estado e un longo etcétera. Artigo sensacionalista, pouco habitual en este marco científico. Falo como enxeñeiro naval especializado en dinámica do buque en ondas.

    • Ola X.R.,
      Grazas pola túa opinión.
      O artigo fala dun estudo realizado por físicos especializados en dinámica de ondas, que podes consultar na mesma información. O noso obxectivo, como sabes, é divulgar. É dicir, trasladar ao público xeral o traballo que facedes os expertos. Por tanto, é preciso ‘traducir’ e adaptar as investigacións, polo que non cabe engadir todos os conceptos que ti mencionas e trasladarllos ao público xeral, xa que non os comprenderían e o artigo perdería o seu sentido. Para iso xa están as revistas e artigos especializados que, como xa apuntei, podes consultar na propia información.
      E penso que de aí a “sensacionalista” ou “moi pouco serio” hai un treito considerable.
      Saúdos.

      • X.R.

        Estimado Manuel:
        Non era a miña intención menosprezar o voso traballo, a divulgación científica é moi necesaria. Se ben como ti dis non hay que dar unha sobredose de información ó público en xeral, tampouco se pode deixar de lado o rigor científico á hora de resumir esta información.
        Explícome:
        Accedín ó enlace do artigo completo no Journal, é certo que falan con maior detalle de ítems que eu comentaba anteriormente que faltaban, pode ser que nunha lectura diagonal do que resumiu o artigo pudese sacar algún concepto equivocado para alguén profano na materia, ninguén pode ser experto en todo, sin querer ser presuntuoso con esta aclaración.
        Pido disculpas por non ter lido na súa totalidade o artigo do enlace antes de comentar.
        Unha vez dito esto, tentarei dar a miña opinión que se ben non é exactamente a mesma, si que segue sendo crítica cas conclusións.
        1° O artigo é un traballo estatístico, elaborado por físicos, certo que “bebe” de artigos elaborados por expertos en hidrodinámica como o profesor Gedes etc.
        Baixo meu punto de vista a probabilidade da que falan non se corresponde ca realidade, e refírome a dous aspectos fundamentais.
        O primeiro, é que as “freak waves” como tal definen, non está probada a sua existencia, moitos hidrodinámicos discrepan de que existan. Polémicas a parte, o seu punto de partida é un mar bimodal con 90° entre ambos. Se observamos as fotografías e vídeos da madrugada gravados por salvamento marítimo non se chega a apreciar dito mar bimodal de maneira tan clara como falan no artigo.
        http://fotos00.laopinioncoruna.es/2013/03/06/646×260/perito-mais.jpg
        Por outra banda os datos das ondas da zona de navegación do barco son unha extrapolación de duas boias de portos do estado por un modelo numérico, cas suas limitacións.
        2° No xuízo do caso declararon expertos hidrodinámicos, é botaron por terra a tese da freak wave, tese que defendían os abogados da ABS (a sociedade de clasificación do barco).
        A sus conclusión foi un fallo estructural por mal estado de conservación do buque.
        3° Outro punto que me fixo tildar de sensacionalista o artigo, foi o comentario de que o xefe de máquinas “nunca vira unha onda tan grande” entendo que referíndose a esa suposta freak wave que daría consistencia ó artigo. Estaba o xefe de máquinas na ponte esa noite? As súas gardas cabe supoñer, son na máquina ou na sala de control. Na garda da ponte irá o capitán, o 1°, 2° ou quen sexa delegado por un destes tres. Pode ser que xusto no intre da aparición desa onda estivese o xefe na ponte tamén, se a situación era tan delicada. De calquera xeito non se pode dar consistencia a un artigo por un comentario subxectivo de observación visual.
        Espero ter sido constructivo.
        Agradecer enormemente o voso traballo de divulgación.
        Un saúdo

        • Ola de novo X.R.
          Moitas grazas pola túa aportación. Sen dúbida é construtiva e enriquecedora, para ter en conta. Sobre o que nos comentas:
          1: En todo momento falamos de probabilidades baseándonos no que vemos no artigo e o que nos conta o investigador, que tamén deixa claro en todo momento que fala de probabilidades. Que existan as ‘freak waves’, e que as probabilidades mencionadas se correspondan coa realidade ou non, a parte de ser unha valoración que, como di o propio físico, “é imposible de predicir para o momento do accidente”, forma parte xa dunha dimensión que lle corresponde, en todo caso, a quen revisa os artigos que se publican nas revistas especializadas e a profesionais especializados na materia, como é o teu caso. Non podemos estar a todo 🙂
          2: No xuízo hai opinións de todo tipo sobre as causas do accidente (vaia por diante o pésimo estado do barco): polo que consultei, e cos seus detractores, como en todas as hipóteses, houbo un certo consenso sobre o feito de que o forte temporal, e unha onda no medio deste temporal, foi o que veu a acabar de debilitar o feble casco do barco.
          3: sobre as declaracións do xefe de máquinas. Non pretendía dar consistencia ao artigo, simplemente menciono a declaración dunha persoa que ía a bordo do barco, e cuxo testemuño me parece canto menos relevante. Tamén recordo no texto, por certo, como lle recordou ao xefe de máquinas a avogada do Estado durante o xuízo, que na declaración en Corcubión non mencionara aquel feito, con todas as dúbidas que isto crea sobre a veracidade da declaración posterior.

          En canto a discusións sobre enxeñaría, aí xa non podo entrar, porque quedaría en evidencia ;).
          De novo, mil grazas pola túa aportación, os argumentos construtivos e, sobre todo, por seguirnos.
          Saúdos!

  2. Fernando R. Dacosta

    (Correción do anterior, escusas)

    Por temas laborais, por esas datas atopabame eu no porto de Vigo. 1 u 2 dias antes do suceso, (non lembro exactamente) un buque que se dirixia ao porto de Vigo perdeu parte da sus carga preto da zona do accidente. O feito é que dito buque entrou logo no porto de Vigo cunha escora moi evidente. Persoalmente e por observavilcións vividas ese día estou completamente seguro que o Prrstige colisionou con parte de esa carga a deriva.

  3. Fernando R. Dacosta

    Por temas laborais, por esas datas (1 ou 2 dias antes do suceso, non lembro exactamente) un buque que se dirixia ao porto de Vigo perdeu parte da sus carga preto da zona do accidente. O frito e que dito buque entrou logo no porto de Vigo cunha escora moi evifente. Persoalmente e por observavións vividas ese día estou completamente seguro que o Ptestige colidionou con parte de esa carga a deriva.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.