Sábado 20 Abril 2024

“Pedinlles, por favor, que deixaran de pasear o barco”

No medio da descoordinación e o caos dos primeiros días da crise do Prestige, Antonio Figueras Huerta (Vigo, 1957) comezou a traballar pola súa conta para loitar contra a marea negra. Naquel momento, xa como director do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, adscrito ao CSIC, pediulle a un coñecido que fora recoller mostras de fuel á Costa da Morte para saber como era o inimigo ao que se enfrontaban, foi ata as Cíes a recoller chapapote coas súas mans e pasou moitas noites en vela. Case un mes despois do accidente, o 9 de decembro, Figueras foi designado polo Goberno español como un dos expertos do Comité Científico Asesor que debía analizar a situación e propoñer solucións. Por tanto, viviu desde dentro a xestión realizada aquelas semanas.

– Como viviu aqueles días?

Publicidade

Con moita angustia e moita preocupación. Tiven a impresión – que ao mellor non é a realidade, e só é unha sensación persoal miña – de que en Madrid non se tiña conciencia do que aquilo supoñía, que non se valoraba o impacto que a marea negra  podía ter en algo fundamental para Galicia, como é o mar e toda a xente que vive del. E todas as pesadillas que tiña fixéronse reais. E así foi, que houbo que vedar a pesca e o marisqueo durante varios meses.

Figueras, á dereita da imaxe, como voluntario nas Cíes. Foto: Ciencia Marina y otros asuntos.
Figueras, á dereita da imaxe, como voluntario nas Cíes. Foto: Ciencia Marina y otros asuntos.

Pero o peor foi ver que había que actuar canto antes, e iso non se fixo. Pedinlles ás autoridades que, por favor, deixaran de pasear o barco e o meteran nun porto. Esa era a miña obsesión. Eu non son enxeñeiro naval, son biólogo; e non sei se era moi difícil levalo a un porto para pechar e confinar o fuel. Pero para min, o máis lóxico era intentar conter a marea negra nun porto e vaciar os tanques, e non deixar o barco no medio do mar, estendendo o dano. E cando vin que non o estaban facendo, que non ía chegar unha soa marea negra, senón moitas, angustiábame cada vez máis.

Cando se constitúe o comité científico asesor (9 de decembro), as cousas xa se comezaron a tomar máis en serio. Non se debería ter agardado tanto tempo, e o barco non tería que ter naufragado. Tamén é certo que cando o partido remata, todos somos excelentes adestradores, e aquela era unha situación moi fastidiada. Pero ben, que ao mellor só é a miña sensación.

– E como foi o traballo no comité asesor?

Chamoume Pedro Morenés -naquel momento secretario de Estado de Política Científica e Tecnolóxica – para que me incorporase ao traballo, e puxémonos en marcha. O noso principal labor foi enviar mensaxes que non contribuíran a confundir aínda máis á poboación; dar a información veraz e precisa a cada momento.

O traballo foi brutal, como en todas as situacións de emerxencia. Empezabamos ás 8 da mañá e terminabamos ás tantas da madrugada. Había xente de todas as ramas: enxeñaría naval, toxicoloxía, bioloxía, oceanografía, etc. E podo afirmar que a información que saía do comité científico asesor (non me refiro ás palabras dos políticos) era real e precisa.

– Que experiencias quedaron máis gravadas na retina?

O que máis me impactou foi chegar ás Cíes e ver a alfombra de chapapote que cubría todo. E o traballo, que era esclavo, como animais, intentando encher os contenedores de chapapote. Pero ao mesmo tempo, o ambiente era tremendamente solidario, todos co mesmo obxectivo: limpar todo o que fose posible. Os barcos bateeiros recollendo o fuel desde o mar, os mariscadores igual. Foi extenuante.

“Entristéceme que se poida pensar que o dano non foi tan grave; o mar é finito, coma todo”

Eu creo que iso foi a punta do iceberg, porque eu só vía Cíes. Imaxinaba o resto de Galicia e pensaba: ‘isto é a bomba. Se isto vai enganchando todos os cantís, todas as praias… isto é terrible’.

A outra vivencia foi seis meses despois, tamén nas Cïes, cando xa se limpiara case todo. Vin que o mexillón estaba volvendo a colonizar as rochas. E caes na conta da enorme capacidade de rexeneración que ten o mar. E isto é malo, porque a xente esquece moi pronto o malo que é contaminar o mar. Porque ve que, aparentemente, volve haber vida. Pero o mar é finito, como todo na Terra. Así que por un lado alegreime de que a recuperación fose rápida, pero por outro, entristéceme que se poida pensar que o dano non foi tan grave, porque o mar, polo menos o que podemos ver, rexenerouse.

– Crese que o dano ambiental foi menor do que se agardaba. Foi así?

Hai un problema que é sempre o mesmo: a liña de base, a información previa que sirve como elemento de comparación, unha base de datos común para toda a costa de Galicia. Non había datos de referencia anteriores. E aínda hoxe, ese traballo, a grande escala, homoxeneizado e dixerible, non existe. E por tanto, non podemos sacar conclusións claras de cal foi o dano xerado pola marea negra, máis aló de feitos puntuais.

Aquí temos un problema de prioridades e percepcións, do que é importante por un lado para o país, por outro, para a clase política e por outro, para a sociedade; son cousas que non sempre van na mesma dirección.

“A sensación é que se vén outra catástrofe, repetiremos o mesmo problema de improvisación”

En Galicia, o mar é prioritario, por todo o mundo que vive directa ou indirectamente del. E debería de haber, amais do traballo que xa fai o IEO, CSIC, Intecmar, as universidades, etc. un contenedor conxunto para todos eses esforzos. Pero claro, iso costa cartos, e depende das prioridades na toma de decisións. Por desgraza, unha catástrofe como o Prestige tócanos cada 20 anos, pola experiencia que temos, e cando volva, hai moitas cousas nas que seguiremos sen estar preparados.

E pasa tamén con outros problemas: os incendios, por exemplo. A realidade é tozuda. En Galicia morreron catro persoas: que tería pasado se morreran cen, se a xente que estaba rodeada polas lapas morrese asfixiada? Hai que estar preparados. Non se pode crear un comité de emerxencia a toda présa, un domingo pola tarde, a golpe de teléfono, cando xa está ardendo media Galicia.

A conclusión é que, se vén outra catástrofe, repetiremos de novo o mesmo problema de improvisación. E iso, a día de hoxe, non é aceptable. Pero claro, como nos din que estamos en crise constante, non se poden facer investimentos nese sentido.

– Queda algunha contaminación do Prestige, ou efectos aínda non estudados?

Non podo negalo, pero tampouco afirmalo. Coñezo á xente que está traballando, pero non hai unha coordinación xeral sobre todo ese coñecemento que se está xerando. E sobre os efectos na saúde humana, están as investigacións sobre os problemas dos voluntarios, e o mesmo cos estudos sobre os sistemas mariños, pero non houbo esforzos por parte da administración para facer un seguemento deses temas. E claro, se se quere investigación, hai que pagala e financiala.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte