María Jesús Iglesias é a única española dentro dun grupo de máis de 120 expertos.

María Jesús Iglesias é a única española dentro dun grupo de máis de 120 expertos.

Unha galega no Atlas Global da Biodiversidade do Solo

María Jesús Iglesias, catedrática da Uvigo, forma parte do grupo de 120 expertos que estrean a histórica publicación

Un só gramo de terra contén millóns de organismos e, aínda así, o solo segue a ser un recurso descoñecido e esquecido. Albergar máis dun cuarto da biodiversidade do noso planeta e ser a base para os alimentos, combustibles, fibras e produtos médicos, son aspectos pouco coñecidos, cando non completamente ignorados, que poñen de manifesto a importancia duns solos que fan posible a vida na Terra. Se co obxectivo de recoñecer a súa importancia, Nacións Unidas declarou 2015 Ano Internacional dos Solos, agora é a Comisión Europea, a que rende homenaxe a este recurso coa publicación de The Global Soil Biodiversity Atlas, o Atlas Global da Biodiversidade do Solo, a obra máis completa que existe no mundo sobre a biodiversidade que albergan os solos. “Contén moitísima información ao longo dos seus oito capítulos e así, tras describir o solo como hábitat, céntrase en cada grupo de organismos, a súa distribución xeográfica e temporal, as funcións que desempeñan no ecosistema, os factores que causan perdas de biodiversidade, solucións e intervencións para evitar a perda de especies e aspectos educativos e de xestión”, explica a catedrática da Universidade de Vigo María Jesús Iglesias Briones, a única científica española que participa no atlas, que se presentou o mércores 25 de maio no United Nations Environment Assembly en Nairobi.

O atlas, publicado en formato dixital e en papel, está impulsado polo Global Soil Biodiversity Initiative, GSBI, que creou un panel de expertos e expertas, o Global Soil Biodiversity Assessment, GSBA, que en outubro de 2012 invitou á catedrática viguesa a formar parte dese grupo, que nos seguintes tres anos se reuniu, primeiro en Colorado (USA) para decidir a estrutura, os temas a tratar e establecer grupos de traballo e posteriormente dúas veces en Ispra (Italia) para acordar revisións e modificacións. A docente e investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal asegura que a invitación do GSBI sorprendeuna “porque son xente de gran recoñecemento mundial en ecoloxía dos ecosistemas terrestres”. A oportunidade de traballar con xente á que sempre seguiu profesionalmente é o que Iglesias máis valora da súa participación na obra, ademais do “recoñecemento profesional e persoal e a aprendizaxe, ao ter que ler moitos textos de grupos de organismos cos que non traballo”.

O atlas é froito dun traballo de tres anos a cargo de 120 expertos de 30 países

Cun estilo claro e sinxelo o Atlas Global da Biodiversidade do Solo inclúe textos, fotografías, figuras e mapas, froito do traballo desenvolvido ao longo de tres anos por máis de 120 expertos e expertas dunha trintena de países, baixo a supervisión dun panel de editores con representantes dos cinco continentes. Ademais de dar a coñecer o papel da biodiversidade do solo, este atlas tamén pretende ser unha publicación de referencia, non só para os e as investigadoras, senón tamén para os responsables políticos, xestores do medioambiente e a sociedade en xeral.

A catedrática da Universidade de Vigo encargouse da edición do capítulo II, no que se describe cada grupo de organismos que habitan os solos, o que supuxo un grande esforzo ao ter que contactar con expertos e expertas de todo o mundo, así como da elaboración dos modelos de páxina para que todas as descricións dos grupos fosen homoxéneas, así como de facer que se cumprisen os prazos e revisar todas as achegas para comprobar que cumprían os requisitos esixidos. “De xeito específico tamén me involucrei na descrición de tres grupos neste capítulo: Tardígrados, Enquitreidos e Colémbolos e nas etapas finais pedíronme axuda para revisar o capítulo IV, así como na elaboración dalgunas figuras para a introdución do capítulo II e incluso redactar a descrición dalgún grupo que faltaba. E por suposto, como todos dos demais editores revisar varias veces o produto final pata detectar erros e introducir melloras … Varios xa me dixeron que merezo unha medalla”, di en ton de broma Iglesias Briones.

Iglesias Briones agarda que esta publicación sirva para que a sociedade e tamén os e as xestoras políticos amplíen os seus coñecementos e descubran a importancia da biodiversidade edáfica e dos solos, que, lembra, carecen por exemplo, dunha directiva marco como no caso da auga, que leva en vigor dende o ano 2000. A investigadora da Universidade de Vigo participará, xunto a outros dous editores e dous representantes da Comisión Europea, na presentación do atlas no EuroScience Open Forum que se celebrará en xullo en Manchester.

2 respostas a “Unha galega no Atlas Global da Biodiversidade do Solo”

  1. Mis Felicitaciones Doctora Maria Jesus; me interesa adquirir la obra; dado que trabajo en temas relacionados con suelos (agricultura) en Argentina. Naci en un pueblo al sur de Vigo, hace ya muchos años.

    Un gran saludo.

    Benito

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.