Martes 19 Marzo 2024

A praga da pataca xa invade Asturias de costa a costa dende Galicia

A praga da pataca avanza sen freo. Procedente de Galicia, xa ocupa toda a costa asturiana dende Vegadeo ata Ribadedeva, nun total de 240 quilómetros. E afecta tamén a municipios do interior do Principado. O goberno asturiano anunciou a pasada semana que ultima un decreto de erradicación que cree unha zona de seguridade, como o aprobado en Galicia. E xa comezou a recollida de pataca infestada en varios municipios.

Tecia solanivora Povolny

Mentres Galicia declara 31 concellos afectados, e unha zona ‘tampón’ doutros 16, a realidade é que a praga segue adiante. Agora coa comunidade veciña de Asturias. Como recordaba no xornal ‘El Comercio’ esta fin de semana o enxeñeiro agrónomo Guillermo García: “A polilla pode chegar a calquera zona, é unha bolboreta que voa, aínda que o xeito máis rápido de desprazarse é coa nosa axuda, con patacas que se levan dun sitio a outro”.

Publicidade

A conselleira de Desarrollo Rural asturiana, María Jesús Álvarez, reuniuse a pasada semana coa ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina. E o Principado publicará nos vindeiros un días un plan, coordinado coa Administración central. Pero a realidade é que a couza de Guatemala (Tecia solanivora Povolny), non para. En San Tirso de Abres, concello limítrofe con Lugo, foron retirados o pasado xoves 320 kgs de pataca. E a alerta chegou xa a Xixón, onde foi localizada a infestación na zona rural de Monteana. A empresa pública Tragsa encárgase de retirar a pataca.

En Galicia, a praga da couza de Guatemala avanzou con cifras exponenciais en menos de ano e medio. En novembro de 2015, a Xunta de Galicia anunciou a detección da praga en tres concellos, todos localizados na bisbarra de Ferrolterra: Ferrol, Neda e Narón. Pero 16 meses despois, a propagación foi enorme. Agora hai 31 concellos afectados e unha área de seguridade doutros 16. En conxunto, estes municipios suman xa o 17,2 por cento do territorio de Galicia.

En termos de superficie, as cifras son aínda máis preocupantes. Porque en novembro de 2015, a extensión da praga da pataca sumaba 173 quilómetros cadrados. En menos de ano e medio, esa superficie medrou ata acadar os 3.186 quilómetros cadrados. Os datos supoñen multiplicar por 20 a extensión en moi pouco tempo. Se ademais engadimos os 16 concellos da zona de seguridade, a cifra final é de 5.105 kms cadrados.

En Galicia a praga pasou de 3 a 31 concellos en menos dun ano e medio

Estes datos, aínda que sexan exponenciais, non son sorprendentes. Porque a couza de Guatemala (Tecia solanivora Povolny) ten demostrado antes a súa enorme capacidade de propagación. É orixinaria de América Central, onde tivo un grave impacto económico, pero pasou a gran velocidade a todo o territorio pataqueiro americano. Foi atopada en Venezuela en 1983, en Colombia (1985) e en Ecuador (1996). Na Unión Europea este insecto foi observado e identificado nas illas Canarias (1999-2006). En dende 2015 está en Galicia.

A Tecia solanivora Povolny é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization) polo que se considera unha praga de corentena, sometida a regulación e, por tanto, é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control.

Falamos dun pequeno insecto que estraga o interior do pataca. Os danos son causados pola larva prodúcense tanto en campo como en almacén, penetrando no tubérculo para alimentarse facendo galerías. O insecto pon os seus ovos na pataca, e son as larvas as que se alimentan do tubérculo, estragándoo. Por suposto non ten ningún problema para a saúde humana. Nin tampouco de seguridade alimentaria. En realidade o que fai é estragar as patacas. Arruina absolutamente as colleitas.

Nova en El Comercio.
Nova en El Comercio.

Actualmente, 31 concellos do norte de Lugo e da Coruña están en corentena para controlar e erradicar a praga da polilla guatemalteca. Na Coruña, son: Ferrol (82 kms cadrados), Narón (67), Neda (24), Ares (18), Cabanas (30), A Capela (58), Fene (26), Mañón (82), Mugardos (13), Ortigueira (210), As Pontes de García Rodríguez (250), San Sadurniño (100) e Valdoviño (88).

En Lugo son: Abadín (196 kms2), Alfoz (78), Barreiros (72), Burela (7), Cervo (78), Foz (100), Lourenzá (62), Mondoñedo (143), Ourol (142), A Pontenova (136), A Pastoriza (175), Ribadeo (109), Riotorto (67), Trabada (83), O Valadouro (111), O Vicedo (76), Viveiro (109), Xove (89)

A Xunta prohibe que se cultive pataca neles un mínimo de dous anos e ata novo aviso. Ademais, establece unha zona tampón nun territorio doutros 16 municipios limítrofes. Esta franxa de control e vixilancia intensiva abarca cinco quilómetros arredor do límite dos concellos con praga, en Pontedeume, Monfero, Xermade, Muras, Vilalba, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, As Somozas, Moeche, Cerdido, Cedeira e Cariño. En cinco destes concellos, os das Somozas, Moeche, Cerdido, Cedeira e Cariño, ao abarcar esta franxa o 95 % da súa superficie, establécese como zona tampón todo o territorio.

Neste espazo decrétanse unhas medidas de control menos restritivas que nos concellos infestados; entre elas, deberase aplicar un tratamento fitosanitario durante a fase de tuberización do cultivo e antes da colleita; levarán a cabo inspeccións visuais pola autoridade competente, instalando trampas con feromona sexual; os tubérculos colleitados non se poderán destinar a seménte mentres a praga non se considere erradicada na zona infestada, e nas zonas de almacenaxe aplicaranse diferentes medidas, como instalar mallas.

‘A tecia solanirova pode voar’, recorda un experto sobre a súa dispersión

Tamén se deberán declarar todas as plantacións de patacas que se fagan.Na zona infestada, a Xunta ordena desenterrar todas as plantacións existentes no “tempo máis curto posible” e establece un prazo de quince días hábiles para que quen aínda non declarase os seus cultivos o faga nas oficinas agrarias da Xunta.

Esta listaxe será determinante para establecer un calendario para recoller as patacas porta a porta, outorgar subvencións e, no seu caso, evitar as sancións, que poden oscilar entre 300 e 3.000 euros. Quen teña patacas almacenadas para autoconsumo nos 31 concellos infestadosdeberán entregalas aos servizos oficiais para a súa destrución. Para iso, os propietarios tamén deberán cubrir un formulario indicando canta pataca teñen gardada.

Outras medidas para acabar coa couza nos 31 concellos son a obrigatoriedade de desinfectar os almacéns nos que se gardaban patacas de campañas anteriores e de destruír os sacos e caixas que estiveron en contacto con elas. Nestes almacéns só poderase gardar e vender pataca procedente de zonas libres de praga. E, ademais, terán que levar un rexistro con todas as entradas e saídas de tubérculos, así como da súa orixe e destino. Nestes 31 concellos só poderase comercializar pataca para o consumo directo, que deberán ir preparadas e envasadas para o consumidor final, prohibíndose a comercialización a granel.

Das medidas de control non se libran tampouco os transportistas, que deberán cumprir esixentes protocolos, e van deseñarse rutas de reparto “seguras” para que os camións saian sempre baleiros da zona infestada.

A incógnita é saber se estas medidas servirán para frear unha praga que ata o de agora ten demostrado a súa alta capacidade de expansión. En Galicia, en somentes 15 meses multiplicou por vinte a superficie afectada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Limia asfíxiase coa instalación de 42 pozos para regadíos: “Non hai auga, os ríos están secos”

Tres sociedades científicas presentaron alegacións contra o proxecto por poñer en risco a biodiversidade e o patrimonio natural

Os vermes que ameazan os cultivos multiplícanse en Galicia: a praga que ninguén esperaba

O crecemento desmesurado desta poboación vén provocado polas altas temperaturas e a humidade entre o final do verán e o inicio do outono

A Doñana de Galicia: como os regadíos na Limia secan os ríos dende hai 25 anos

A extracción de augas subterráneas para as plantacións impacta na biodiversidade da comarca, con especies en perigo de extinción

Un informe revela que a contaminación nas augas subterráneas da Limia “pode atribuírse” ás macrogranxas

Un estudo realizado pola UVigo tomou mostras de 76 pozos privados da comarca e máis da metade presentaban nitratos