Juan Picos apunta que un mellor coidado das masas forestais evitaría a propagación do nematodo.

Juan Picos apunta que un mellor coidado das masas forestais evitaría a propagación do nematodo.

“O plan de erradicación ten matado, polo de agora, máis piñeiros que o propio nematodo””

O profesor Juan Picos, de Forestais de Pontevedra, analiza as consecuencias dunha praga que chegou de América en 1999

A aparición dun novo caso positivo do verme nematodo do piñeiro en Salvaterra do Miño fixo medrar a preocupación entre o sector forestal do sur da provincia de Pontevedra. As severas medidas de erradicación que impón a Unión Europea obrigan a restrinxir a talla e o transporte de madeira de conífera nun raio de 20 quilómetros arredor do foco. A situación supón un “desafío” que afecta a moitos sectores, sostén Juan Picos, profesor da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra.

– Que supón este novo positivo do nematodo do piñeiro en Galicia?
-É un caso paradigmático, no que entran en xogo moitos aspectos do sistema forestal: o mercado, a xestión dos recursos, a fitopatoloxía, a política forestal, etc. É un desafío para todos os que formamos parte del. En Galicia temos capacidade para afrontar o problema, pero non deixa de ser un caso moi interesante.

-Por que entran en xogo tantos factores?
-En gran parte por motivos comerciais, case en maior medida que os aspectos biolóxicos en si. Priman os motivos comerciais porque o nematodo é un organismo declarado de cuarentena pola Unión Europea. Isto supón que en canto aparece un caso, o obxectivo é declaralo, illalo e erradicalo o antes posible. A UE declara que non ten a praga do nematodo no seu territorio porque isto obrigaría a unhas medidas de prevención que afectarían ao mercado da madeira dentro do continente. O verme procede de Canadá e Estados Unidos, que si recoñecen a praga no seu territorio. Deste xeito, a UE establece unha especie de ‘proteccionismo’ contra a madeira que vén de Norteamérica. De aí veñen estas medidas tan restrictivas.

Picos apunta que a UE establece “unha especie de ‘proteccionismo’ por motivos comerciais”

-Cal é a situación en Portugal?
-En Portugal xurdiu o primeiro caso no ano 1999. Delimitouse unha zona de restricións, pero comezaron a aparecer novos positivos espallados polo territorio. Ante esta situación, desde 2008 decidiron ampliar a vixilancia a todo o país para que o plan de erradicación fose máis efectivo. Desde entón, hai controis constantes en todo o territorio e, de xeito especial, ao longo da fronteira con España.

– Son efectivas as medidas de erradicación adoptadas en Galicia?
-O certo é que, polo de agora, tense matado máis piñeiros co proceso de erradicación que os que matou o nematodo en si. Pero como xa comentei, a cuarentena establecida pola UE obriga a tomar este tipo de medidas. Sacrifícase unha parte do territorio europeo (Portugal e as súas fronteiras) para preservar o resto. Hai dúbidas de se son son medidas realmente efectivas e proporcionais a nivel patolóxico, pero si que son obrigadas a nivel comercial. A detección de produtos de madeira procedentes de Galicia con presenza de nematodo podería bloquear as exportacións mesmo a nivel nacional.

– Cómo se ve afectada a zona de alto risco, de 20 quilómetros arredor do foco?
-Á madeira que está neste raio debe ser tratada como a que vén de Norteamérica. Debe cortarse e transportarse nunhas condicións especiais. Ademais, ten que quentarse e secarse nunhas condicións que causen a morte do nematodo. O problema vén de que non todas as empresas madeireiras dispoñen de instalacións que poidan crear esas condicións.

“A madeira que está nun raio de 20 quilómetros debe ser tratada como a que vén de Norteamérica”

– Como actúa o nematodo do piñeiro?
-Entra nas árbores utilizando como transporte o Monochamus, un insecto autóctono que se alimenta do piñeiro. O verme coloniza os canais resiníferos, bloquea a produción de resina, bloquea a transpiración e as follas empezan a desecar. En cuestión de meses, a árbore morre.

– Hai algún outro método de prevención?
-Sabemos por diversos estudos que o Monochamus aparece en maior medida en zonas onde o piñeiro está débil, moitas veces en casos relacionados con incendios,  un deficiente mantemento das plantacións ou a presenza de insectos perforadores. Deste xeito, unha mellor silvicultura que mantivera masas máis vigorosas podería reducir as posibilidades da aparición do nematodo. Tamén está estudado que hai especies de piñeiro tolerantes e outras resistentes ao nematodo, e mesmo se traballa en tentar atopar exemplares do  piñeiro do país que poidan tolerar mellor  a presenza do verme, co fin de incorporar estes caracteres nos plans de mellor xenética.

– Como pode afectar este novo positivo á comarca do Condado?
-A zona do Condado e do Rosal tradicionalmente distínguense pola boa calidade da madeira de piñeiro, polo que é normal que este novo caso xere preocupación no sector forestal. Se non hai alternativa, as fortes restriccións poden provocar que os propietarios abandonen a xestión, ou cambien de especie, mesmo ao eucalipto, contribuíndo á disminución do recurso de madeira de piñeiro xa moi castigado nas ultimas decadas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.