O proxecto quere sacar rendemento aos refugallos do cultivo de kiwis.

O proxecto quere sacar rendemento aos refugallos do cultivo de kiwis.

Plan de Galicia e Portugal para sacar rendemento aos residuos do kiwi e da vide

Arranca o proxecto Bioamasa-Ap, con científicos de universidades e institutos de investigación transfronteirizos

A biomasa máis abundante, a xerada coa limpeza dos montes ou con actividades agrícolas como a poda das videiras ou dos kiwis, é un dos recursos con maior potencial da Eurorrexión, tanto desde o punto de vista enerxético como económico. Non obstante, pese ao seu elevado valor e a súa alta dispoñibilidade –máis de 50.000 hectáreas dedicadas a viñedo, máis de 12.000 toneladas de Kiwi producidas só en Galicia-, todos estes recursos están a día de hoxe sen valorizar. Conscientes desta realidade grupos de investigación de diferentes universidades e centros tecnolóxicos que levan anos traballando nestas cuestións uniron os seus potenciais no proxecto Biomasa-AP, financiado polo programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (Poctep), unha iniciativa liderada polo Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética, EnergyLab, e no que participa como socio o Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Universidade de Vigo, liderado polo catedrático José Luis Míguez Tabarés.

Reunión do grupo Biomasa-Ap.

Reunión do grupo Biomasa-Ap.

O proxecto arrancou este mércores cunha xornada de presentación na sala de conferencias da sede Afundación en Vigo na que participaron representantes de todos os socios implicados, cinco galegos e catro portugueses. Ademais de EnergyLab e o grupo GTE da Universidade, a parte galega do proxecto suma tamén a participación da Axencia Galega da Innovación (GAIN) que participa a través do Centro de Innovación e Servizos da Madeira (CIS Madeira), Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega). A eles súmanse os socios portugueses, neste caso, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC), o Instituto de Ciência e Innovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (Inegi), Agência de Energia do Cávado (Aec) e Agência Regional de Energia e Ambiente do Alto Minho (Area Alto Minho).

Tras a benvida institucional e a presentación do proxecto, tivo tamén lugar unha mesa redonda sobre o futuro da biomasa na Eurorrexión na que participaron representantes de todas as entidades implicadas, entre eles, o propio Míguez Tabarés.

A día de hoxe, tal e como lembrou o profesor José Luis Míguez Tabarés, toda esta biomasa non pode empregarse a grande escala nas caldeiras domésticas, xa que este tipo de instalacións esixen unhas calidades de biomasa que só poden ser alcanzadas por combustibles como os pellets ou as lascas de madeira. Ante esta situación Biomasa-AP propón a implementación de diferentes medidas dirixidas a valorizar enerxeticamente os residuos de poda, matogueiras, vide e kiwi, o que permitirá reducir os custos da súa xestión, xerar emprego a través da creación de novos produtos e mellorar, en definitiva, a competitividade dos sectores agrícola e forestal. “O que queremos é ir aos residuos non aproveitables, xa que todo o demais, a madeira boa, estase a empregar xa para outros usos. Agora trátase de determinar que aditivos hai que empregar para que ese material combustible poida empregarse nas caldeiras, sobre todo nas domésticas”, explicou o catedrático vigués, que fixo tamén fincapé en que “unha das cousas que estamos tentando traballar neste proxecto é o control da emisión das partículas, tanto no apartado de saúde como no que sería a corrosión das diferentes partes da propia caldeira. Eses efectos son os que tamén temos que estudar”.

Os refugallos da vide e do kiwi poden producir enerxía como biomasa

Cunha duración de tres anos o proxecto prolongarase ata decembro de 2019 e, durante este tempo, os socios traballarán conxuntamente para aplicar métodos e tecnoloxías innovadoras que permitan conseguir un uso enerxético optimizado desta tipoloxía de biomasa, que se caracteriza pola elevada dispoñibilidade na rexión e que, como consecuencia, conta cun elevado potencial enerxético e económico dun recurso que na actualidade non se valoriza.

Entre os resultados que se agardan conseguir, os responsables do proxecto fan fincapé, en que o obxectivo é que a biomasa se converta nun polo de desenvolvemento económico para a Eurorrexión. Trátase pois de conseguir un incremento da competitividade das empresas agrícolas e forestais pola diminución dos custos na xestión de residuos biomásicos grazas á mellora nos sistemas de recollida e a súa valorización enerxética..

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.