Augusto Pérez Alberti. Foto: USC.

Augusto Pérez Alberti. Foto: USC.

O xeógrafo Augusto Pérez Alberti estará na Campaña Antártica 2018

O catedrático da USC participará no proxecto Cronoantar, que estuda a evolución glacial nas illas King George, Livingston e Decepción

No xeo da Antártida, que cobre máis do 99% deste continente, están o 90% das reservas de auga doce que hai no planeta Terra. Nos últimos 60 anos, a temperatura alí aumentou 2,5ºC, o que conleva unha redución da presenza deste xeo. Na illa de Livingston, a área glaciada retrocedeu de 734 quilómetros cadrados en 1956 a 697km2 en 2004, e en King George, os glaciares retrocederon un 8,4% entre 1983 e 2006. Cómpre, por tanto, estudalas para adiantarse ao posible impacto do desxeo no clima global e no aumento do nivel do mar, que segundo o Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático podería ser dun 1 metro no ano 2100.

É unha experiencia persoal moi interesante e unha experiencia científica moi importante”, sinala Pérez Alberti

En pouco máis dun mes, a finais de xaneiro, estará alí, para estudalas in situ, o catedrático de Xeografía Fïsica da USC Augusto Pérez Alberti, que traballará en dúas fases, nas illas Livingston e Decepción, na Península Antártica, formando parte do proxecto Cronoantar, coordinado pola universidade de Oviedo, e no que tamén participan as universidades de Barcelona e Complutense de Madrid. O catedrático viaxará, así, por primeira vez á Antártida despois de toda unha vida de traballo estudando a xeografía de Galicia e doutras outras partes do Mundo, como a Terra do Fogo, o Ártico, o Himalaya ou os Andes. “É unha experiencia persoal moi interesante e unha experiencia científica moi importante”, sinala.

Cronoantar ten por obxectivo reconstruír temporal e espacialmente o proceso de deglaciación en varias das illas do arquipélago das Shetland do Sur, desde o último Máximo Glaciar Global ata hoxe. “Faremos mostraxes ao longo de rutas dende a parte máis alonxada dos glaciares ata ao fronte deles para poder levar a cabo datacións absolutas “, explica Pérez Alberti. Estas illas poden ser un espazo idóneo para constituír un laboratorio natural co que poder comprender os mecanismos de retroceso das masas glaciares nas últimas etapas de deglaciación. “É clave para entender se as altas taxas de retroceso glacial das últimas décadas xa se rexistraron ao longo dos últimos milenios ou se, pola contra, esta tendencia responde aos efectos do cambio global no continente antártico”, sinala o catedrático da USC.

O proxecto no que participa Pérez Alberti durará desde finais de xaneiro ata mediados de marzo. Foto: Marc Oliva.

O proxecto no que participa Pérez Alberti durará desde finais de xaneiro ata mediados de marzo. Foto: Marc Oliva.

Concretamente, o proxecto Cronoantar centrarase nos espazos libres de xeo existentes nas penínsulas Byers e Hurd (illa Livingston) e Fildes e Potter (King George). Usaranse datacións por isótopos cosmoxénicos sobre rexistros sedimentarios e erosivos de orixe glaciar, cos que se inferirá a cronoloxía do retroceso glaciar dos domos que cobren gran parte destas illas. A partir de evidencias xeomorfolóxicas e das idades obtidas, estableceranse as fases acaecidas durante a deglaciación e reconstruirase a extensión dos glaciares de cada unha de elas mediante sistemas de información xeográfica. Está previsto ampliar tamén o estudo á Illa Decepción, un cráter volcánico cun gran número de especies de plantas que non se atopan noutro lugar da Antártida, para poder coñecer a dinámica das súas costas.

Cos resultados obtidos, poderanse impulsar estratexias para “reaccionar a nivel global” ante o cambio do clima, sinala Alberti. “O clima cambiou e cambiará, pero se lle botamos gasolina, os procesos aceléranse, e a xente acaba caendo na conta cando hai episodios como os de este ano, con secas e fenómenos extremos”.

Conseguir delimitar cronoloxicamente esta retirada dos xeos é fundamental para entender a resposta ambiental e ecolóxica nos ecosistemas terrestres, sobre todo no referente á colonización de especies vexetais, á chegada doutra fauna, á evolución xeomorfolóxica e á formacióu ou degradación do permafrost, así como a emersión de novas terras anteriormente inundadas polo mar.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.