Venres 29 Marzo 2024

Os paxaros que nacen de pais máis vellos viven menos

Desde hai tempo a comunidade científica ven observando en distintas especies, incluída a humana, que a descendencia de pais máis novos tende a vivir máis tempo que a descendencia de pais maiores, pero este fenómeno, denominado ‘efecto Lansing’, resultou difícil de documentar experimentalmente. Agora, investigadores da Universidade de Vigo en colaboración coa universidade de Glasgow, en Escocia, demostraron a existencia deste efecto en paxaros. Empregando diamantes cebra (Taeniopygia guttata) e un deseño de reprodución controlada, o investigador do grupo de Ecoloxía Animal José C. Noguera demostrou que os pais ao envellecer, especialmente os de maior idade, producen crías cunha vida máis curta. Estes achados, publicados recentemente na prestixiosa revista Proceedings of the Royal Society of London B,  tamén amosan un posible mecanismo xenético implicado neste ‘efecto Lansing’ , o acortamento dos telómeros –secuencias repetitivas de ADN que cobren os extremos dos cromosomas e xogan un importante papel no envellecemento celular e na prevención da degradación cromosómica-.

José Noguera, investigador do grupo de Ecoloxía Animal da UVigo. Foto: Duvi.
José Noguera, investigador do grupo de Ecoloxía Animal da UVigo. Foto: Duvi.

“A descendencia de pais de avanzada idade amosa con frecuencia unha menor lonxevidade, aínda que os mecanismos que dan lugar a ese efecto Lansing aínda se descoñecen”, explica o investigador vigués, ao que engade que se ben herdar telómeros máis curtos por parte de pais maiores podería ser un mecanismo que o explicara, “xa que a lonxitude telomérica é un bo preditor da esperanza de vida nalgunhas especies”,  os estudos levados a cabo ata a data en diferentes especies non atoparon resultados concluíntes. “Pola contra a maioría das evidencias que existen proveñen de estudos non experimentais nos que é difícil excluír diversas fontes de erro”, recalca Noguera, quen tamén advirte que é difícil extrapolar os resultados a outras especies.

Publicidade

No estudo que agora acaba de publicarse  proporciónanse probas que apoian a existencia do ‘efecto Lansing’ nesta especie e demostran que a redución da lonxitude telomérica durante a fase embrionaria podería ser un importante mecanismo que determine este fenómeno. Por unha banda, levaron a cabo un estudo lonxitudinal que amosa que a lonxevidade da descendencia relacionouse negativamente coa idade do pai no intre da reprodución. Despois, como segundo paso para desentrañar as posibles causas, empregaron un enfoque experimental para examinar si se poderían detectar ou non os efectos paternos prenatais sobre a lonxitude dos telómeros nos paxaros descendentes. “Atopamos que os embrións de diamante cebra enxendrados por machos vellos tiveron telómeros máis curtos que os embrións producidos polas mesmas nais cando se reproduciron con machos novos”, apunta o investigador.

Noguera subliña que é difícil extrapolar os resultados a outras especies

Dado que a variación na lonxitude telomérica embrionaria persiste durante o período posnatal nesta especie e que os individuos que presentan telómeros máis curtos amosan unha menor esperanza de vida, o estudo demostra que unha redución na lonxitude telomérica impulsada paternalmente podería, ao menos en parte, ser a base da redución da esperanza de vida nos fillos de pais de idade avanzada.

Para levar a cabo este estudo o equipo formou 44 parellas de machos e femias de diamantes cebra. Logo rastrexaron a supervivencia dunha cría de cada parella de paxaros. A porcentaxe de descendentes supervivintes de pais maiores, segundo descubriron os investigadores, diminuíu drasticamente a menos do dez por cento nos primeiros 16 meses. Mentres tanto, a porcentaxe de descendentes que sobreviven de pais máis novos diminuíu lenta pero constantemente no transcurso de aproximadamente cinco anos.

Noutra fase do estudo, o equipo traballou cun grupo separado de diamantes cebra, emparellando a cada unha das 32 femias cun macho novo de arredor de catro meses ou un maior de catros anos. Nunha segunda quenda de reprodución, emparellaron ás mesmas femias con machos do grupo de idade alternativa. Extraeron material xenético dos embrións resultantes e mediron a lonxitude dos telómeros. Foi así como o equipo descubriu que os embrións de diamantes cebra de pais maiores tiñan telómeros máis curtos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos

Dez preguntas sobre a ameaza da gripe aviaria en humanos

Ata a data non foi detectada ningunha transmisión de persoa a persoa e os expertos consideran que o contaxio é "difícil"

Os ecoloxistas alertan da “desaparición inminente” da tartaraña cincenta en Galicia

Adega pon o foco na eucaliptización, os parques eólicos e os pesticidas como ameaza principal á Ave do Ano 2023

Primeiro caso de gripe aviaria en humanos en España: cales son os riscos?

O investigador da USC Gonzalo Fernández asegura que os "poucos contaxios" notificados ata o momento foron leves ou asintomáticos