Mércores 24 Abril 2024

Os voitres aumentan a súa presenza nos montes galegos

Galicia nunca foi unha terra moi abondosa en voitres. E os que chegaban aquí, adoitaban vir de fóra. Non en tanto, os últimos dous decenios amosan unha tendencia crecente na presenza destes preeiros en varias zonas do país.

Este crecemento foi especialmente significativo na serra do Suído, entre as provincias de Pontevedra e Ourense. No último lustro, bandadas de ducias de voitres visitan esta zona, sobre todo nos meses de verán. Unha das persoas que os adoita acompañar é Óscar Martínez, fotógrafo aficionado e socio da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), que documentou a afluencia das aves ao Suído nos últimos anos no seu blog “Aves no sur da Dorsal galega”. “Atópanse en zonas de pedras ou toxos, e en lugares escarpados, e ás veces paran a descansar xunto á prea”, sinala Óscar.

Publicidade

A presenza do voitre foi “moi rara” durante a segunda metade do século XX en Galicia

Incluso se valorou a posibilidade de crear un comedeiro artificial, a onde se levarían os cadáveres do gando para que os preeiros dispuxeran de máis alimento. Sería o primeiro de Galicia. A idea partiu do naturalista Federico de la Peña co fin de “que estean máis tempo nestas zonas e se espallen a outros lugares” de Galicia, e incluso chegasen a reproducirse no país. Aínda que a proposta foi acollida positivamente por algúns cazadores e veciños da zona, a negativa dos propietarios das terras onde estaba previsto situar o comedeiro impediu que se materializase a idea.

Desde 2011, os datos do Noticiario Ornitoxeográfico Galego,  un catálogo de referencia para os avistamentos de aves xestionado pola SGO, refrendan o que se adoita comentar entre os cazadores,  gandeiros e demais veciños desta comarca: cada vez hai máis voitres. Despois de Mondoñedo, unha especie de ‘santuario’ que acumula máis do 20 por cento dos rexistros de toda Galicia, os seguintes concellos con máis avistamentos son O Covelo, A Lama, Fornelos de Montes e Avión, todos pertencentes ao territorio do Suído.

En Galicia medran os avistamentos de voitres negros (Aegypius Monachus), coma o da imaxe.
En Galicia medran os avistamentos de voitres negros (Aegypius Monachus), coma o da imaxe. Foto: Óscar Martínez.

Algúns expertos, como Juan Carlos Epifanio, levan moito tempo investigando a relación desta ave con Galicia. Nun dos seus traballos de referencia sobre o tema, sinala que a presenza do voitre común (Gyps fulvus), tamén chamado leonado,  “foi considerada como moi rara na segunda metade do século XX” en Galicia. Aínda así, segundo apunta Sergio París, secretario da SGO, “hai referencias sobre unha voitreira situada no concello de Alfoz nos anos 50”. Foi nos anos 90 cando se comezou a percibir o incremento de citas e referencias sobre o voitre común no noso territorio.

Os rexistros do catálogo da SGO mencionan un total de 317 avistamentos de voitre leonado no país desde 2001. Nalgúns casos, algúns moi recentes, como o rexistrado en Ourol (Lugo), en maio deste ano, avistáronse máis de 130 exemplares nunha mesma bandada. Sergio París cre que as causas de este incremento son diversas. “Houbo un crecemento de poboación na península Ibérica que tamén se deixou sentir en Galicia”, sinala. Dito aumento foi moi notable, xa que das menos de 3.000 parellas do ano 1979 pasouse a máis de 22.000 no 2009, segundo destaca o propio Epifanio no traballo mencionado anteriormente. O responsable da SGO tamén apunta á crise das vacas tolas, que obrigou a pechar numerosos comedeiros noutras zonas da península, polo que as aves “tiñan que viaxar a outros lugares na busca de alimento”.

Engade París que “o 95 por cento dos voitres avistados en Galicia son leonados”, aínda que non son menos importantes as outras dúas especies que tamén se achegan ao país. “Acompañando aos bandos de leonados, cada vez vense máis voitres negros” (Aegypius monachus), afirma. Os avistamentos desta especie (88 nos últimos quince anos) adoitan ser moito menos numerosos que os dos voitre común, pero hai motivos de sobra para o optimismo. “Hai anos era impensable que se puideran avistar con esta frecuencia; era un especie moi ameazada” e chegou a estar en perigo de extinción en varias zonas da península.

Non menos importante é o alimoche ou voitre branco (Neophron percnopterus). Tamén estivo en serio perigo, pero a súa presenza en Galicia mantívose, sobre todo en Ourense, na serra da Enciña da Lastra e no Macizo Central, e amosa signos continuos de recuperación.

O alimoche ou voitre blanco estivo en perigo pero mantívose sempre na serra da Enciña da Lastra.
O alimoche ou voitre blanco estivo en perigo pero mantívose sempre na serra da Enciña da Lastra.

A pesar deste optimismo, aínda non se aprecian evidencias de que os asentamentos sexan estables. As bandadas “son de aves xuvenís, que se dispersan en busca de alimento fóra da época de reprodución”, explica Sergio París, polo que probablemente se despracen temporalmente desde o centro e o sur da península, xa que “diariamente poden percorrer ata 100 quilómetros cando queren alimentarse”. Así, os avistamentos adoitan producirse entre os meses de marzo e outubro.

Aínda así, non todo son boas novas. En Galicia, os voitres atópanse cun inimigo ás veces letal: o muíño eólico. Desde a SGO calculan que “non menos de 80 voitres morren todos os anos por impactos das aspas”. É, con diferencia, a especie máis afectada por estes aparatos. As zonas polas que se moven estas aves adoitan coincidir coas de maior presenza de parque eólicos. Sinala Sergio París que “son zonas altas, con cabalos, vacas e outros animais salvaxes que lles poden servir de alimento” pero que, ao mesmo tempo, presentan un grave perigo, polo que sería conveniente, di, avaliar de xeito máis estricto o impacto ambiental destes parques.

Con todo, parece que a presenza desta ave, moitas veces deostada pola mitoloxía, non entraña ningún perigo para os ecosistemas galegos. Quen sabe se, nun futuro, pode pasar a formar parte da fauna autóctona.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Biotecnoloxía para mellorar o cultivo do viño mencía

A tese do investigador da UVigo Óscar Martínez afonda nas claves tecnolóxicas para mellorar xenéticamente os embrións da vide