Salmónidos gravados polo equipo de Manuel E. Garci e Gonzalo Mucientes.

Salmónidos gravados polo equipo de Manuel E. Garci e Gonzalo Mucientes.

Así regresa o salmón aos ríos galegos

Científicos de Vigo documentan con imaxes a viaxe destes peixes para desovar en Galicia amosando a recuperación da especie

O salmón volve remontar os ríos de Galicia. Hai 30 anos, a finais dos 80, vivía a piques da extinción. Pero un intenso plan de repoboamento permitiu o retorno deste peixe, moi sensible á contaminación, malia os problemas cos encoros nas principais cuncas galegas.

Para ilustrar a recuperación do salmón, os investigadores Manuel E. Garci (de Bioimaxe) e Gonzalo Mucientes (de Ecoloxía Azul) están a preparar un documental que recolle imaxes en vivo do desove de salmónidos nos ríos Ulla, Tea, Miño e Lérez. “É un fito gravar en Galicia estas escenas, que amosan como as femias fan a cama para poñer os ovos fecundados polos machos”, explica Garci, realizador do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC) e que acumula premios de cine subacuático, como dous no último festival de San Sebastián polo seus audiovisuais SyngDOC’  e ‘Mareas Vermellas’.

Garci e Mucientes suman longas xornadas de gravación para este documental, do que GCiencia ofrece imaxes en primicia. “Deixamos cámaras subacuáticas durante horas para sorprender aos salmóns”, explica Garci: “o resultado é un proceso moi activo, no que os machos loitan entre eles para fecundar os ovos, mentres as femias moven as pedras para facer as camas de desove”.

Os salmóns volven tras unha longa viaxe ata Islandia, Terranova ou Groenlandia

Os salmóns fan un longo camiño para regresar aos ríos galegos. Tras criarse nas concas fluviais, saen ao mar e percorren incribles distancias ata Islandia, Terranova ou Groenlandia. Pasados dous anos, regresan aos mesmos ríos onde se criaron, para depositar os seus ovos e morrer.

Este proceso volve ser posible en Galicia grazas a un intenso programa de repoboamento que comezou hai case trinta anos. Porque o salmón estaba a finais dos anos 80 en situación de pre-extinción, castigado pola contaminación das concas e polos encoros que lle impedían remontar os ríos. Pero no ano 1992 comezaron estudos científicos no río Ulla, seguidos dun plan para retirar presas sen uso, mellorar a accesibilidade con pasos para peixes, unha regulación máis estricta da pesca e, sobre todo, a recuperación do salmón autóctono.

Centos de exemplares reprodutores foron capturados nos ríos Ulla, Tea e Lérez. Levados aos acuarios de Carballedo, foron criados alevíns que, a partir de 1997, foron soltados nos tres ríos. “Foi un traballo de moitos anos que agora dá os seus froitos”, afirma o biólogo Pablo Caballero, xefe de Medio Ambiente en Pontevedra.

Manuel E. Garci, mergullado para a gravación no río Tea.

Manuel E. Garci, mergullado para a gravación no río Tea.

Os salmóns criados son marcados, cortando a súa aleta adiposa -un resto evolutivo que non ten xa función ningunha- ou nalgúns casos cun dispositivo electrónico. “Grazas a isto, sabemos que os soltamos en Galicia pero que viaxan ata a costa norte de América”, explica Caballero, “e tamén podemos estimar cantos veñen de volta”. O resultado é un éxito: máis do 80% destes salmóns salvaxes autóctonos galegos recuperados volven ao mesmo río onde se criaron.

Paralelamente, Medio Ambiente da Xunta colabora con institucións académicas para estudos sobre o salmón galego. Dispoñen dun banco de escamas de salmóns dende os anos 50 do século XX, o que permite facer comparacións de ADN coas poboacións actuais. E traballan agora nun proxecto para analizar a recuperación dos salmónidos en varios ríos europeos, nun programa financiado pola UE.

As imaxes para o documental foron gravadas ao longo do mes de decembro de 2017. “O salmón comeza a entrar nos ríos galegos a partir de marzo”, explica Garci, “e van remontando, buscando as zonas máis movidas e osixenadas”. O momento cumio do desove está entre os meses de novembro e decembro. A gravación en zonas de rápidos dificultou aínda máis os traballos, realizados xunto a Gonzalo Mucientes, tamén un dos grandes divulgadores científicos a través da imaxe co seu grupo Exoloxía Azul-Blue Ecology.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.