Mércores 24 Abril 2024

O ranavirus ameaza aos anfibios de Galicia

En abril de 2010, unha fotógrafa que estaba tomando imaxes no embalse de Pontillón do Castro, que abastece á cidade de Pontevedra, atopouse de súpeto con centos de tritóns mortos nunha das beiras do encoro. No seu momento, o Seprona confirmou que non se atoparan mostras de contaminación nin de mortandade noutras especies presentes no mesmo embalse.

As investigacións revelaron posteriormente que os anfibios morreran infectados polo ranavirus, unha doenza que xa tiña provocada unha elevada mortandade noutras especies (tritóns verdes e ibéricos, cobras acuáticas, píntegas, etc.) en diferentes lugares da península Ibérica. Os principais síntomas deste virus coincidían coas evidencias atopadas nos tritóns de Pontillón: pel avermellada, sobre todo nas patas traseiras, hemorraxias internas e úlceras.

Publicidade

No encoro de Pontillón do Castro (Pontevedra) detectouse en 2010

Non foron os únicos episodios de mortandade no encoro pontevedrés. En xuño de 2015, membros da SGHN, acompañados polo investigador César Ayres, unha das persoas que máis de preto segue esta doenza na Península, atoparon máis tritóns mortos e cos mesmos síntomas. Ademais, hai outras investigacións que rexistraron episodios de mortalidade na parte portuguesa da Serra do Xurés Xurés, que se estende tamén polo sur de Ourense.

Como chegou o ranavirus a Galicia? Non existen evidencias claras de cales son os principais vectores de transmisión, pero no caso de Pontillón barállase que chegara a través de piraguas que estiveron en zonas infectadas e que posteriormente chegaron a este encoro, ou ben a través de cebos de pescadores deportivos. Con todo, tamén se alude á posible solta de especies exóticas no entorno deste embalse, xa que as primeiras cepas do virus que se detectaron en España procedían de Asia.

O acontecido neste encoro é obxecto de estudo para as investigacións realizadas sobre o ranavirus. Agora, un novo traballo publicado en Scientific Reports reactiva a alerta sobre este xénero de virus. O estudo baséase nos traballos que se levaron a cabo na Serra da Estrela, no centro de Portugal, onde desde 2009 se veñen detectando altas cifras de mortalidade. En España, amais do caso de Pontevedra, o episodio máis coñecido é o dos Picos de Europa, onde o ranavirus xurdiu por primeira vez en 2005, e que prácticamente extinguiu nesta zona varias especies de anfibios.  O primeiro caso coñecido en España data do ano 1992.

Sapos parteiros mortos a causa do ranavirus na Serra da Estrela. Foto: Gonçalo M. Rosa.
Sapos parteiros mortos a causa do ranavirus na Serra da Estrela. Foto: Gonçalo M. Rosa.

A investigación realizada en Portugal, asinada, entre outros, polo portugués Gonçalo Rosa e Jaime Bosch, do CSIC, alerta de que a cepa da Serra da Estrela é “hipervirulenta“. Amais, os científicos detectaron que, en moitas ocasións, os peixes poden actuar como portadores, o que dificulta en gran medida a situación.

Jaime Bosch, un dos principais expertos sobre este virus, sinala que “na actualidade, a única opción para loitar contra o ranavirus é evitar a súa dispersión, dado que o tratamento dos animais non é posible e, moito menos, a súa eliminación do medio natural”. Engade que a solución podería pasar tamén por establecer “controis severos nas fronteiras para evitar a entrada de novas cepas a través do comercio de especies exóticas”. Os investigadores conclúen, polo tanto, que esta doenza supón “un desafío crucial para a conservación da fauna silvestre” e “evidencia a necesidade de elaborar, de forma urxente, estratexias de conservación para os anfibios”.

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización