Galicia no Atlas Global de Xustiza Ambiental

O ‘Prestige’, Corcoesto e a ría de Pontevedra, no mapa mundial de conflitos ecolóxicos

O novo Atlas Global de Xustiza Ambiental inclúe tres puntos críticos en Galicia entre 1.400 conflitos medioambientais

Case 1.400 conflitos ecolóxicos localizados no Atlas Global de Xustiza Ambiental, dos cales tres se sitúan en Galicia e na súa costa: a marea negra do Prestige, a mina de ouro de Corcoesto e a contaminación da ría de Pontevedra.

O proxecto Environmental Justice Organizations, Liabilities and Trade (EJOLT) lanzou este 3 de marzo, Día Mundial da Natureza, unha nova fase deste atlas mundial: un mapa interactivo que cataloga miles de casos de resistencia contra os proxectos e industrias que danan o medio ambiente e a saúde dos cidadáns, e no que se observa que España é o país de Europa con máis conflitos rexistrados.

O EJAtlas é un proxecto de investigación colaborativa dedicado a dar soporte ás organizacións de xustiza ambiental e que conta co apoio da Unión Europea. Coordinado polo profesor Joan Martínez Alier, do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía Ambientais da Universidade Autónoma de Barcelona (ICTA-UAB), esta nova plataforma púxose en marcha na reunión de peche do proxecto, nunha conferencia internacional sobre xustiza ambiental organizada pola Oficina Europea de Medio Ambiente en Bruxelas.

Segundo a editora do EJatlas, a profesora Leah Temper, “o novo sitio web fará aínda máis claras as conexións entre as actividades económicas, as empresas e os impactos ambientais, o que mellorará en grande medida o seu uso polas organizacións de xustiza ambiental e as comunidades locais afectadas”.

Aínda que o mapa se puxo en marcha o ano pasado, agora ofrece melloras substanciais nun novo sitio web, entre as que se inclúen a cobertura de preto de 1.400 casos de conflitos medioambientais en todos os continentes, aportados por máis de 130 colaboradores; o aumento da cobertura dos países e rexións do mundo onde a información é difícil de conseguir, como China, Kazaxistán ou o Sahara Occidental; unha nova interfaz dinámica e permanentemente actualizada, mellora da busca e filtros, ou mapas que combinan novas capas de datos xeoespaciais en cuestións tales como a escaseza de auga, extensión de zonas forestais ou concesións mineiras e petroleiras.

Contaminación na ría de Pontevedra

Ría de Pontevedra no Atlas Global de Xustiza AmbientalO proxecto sinala as industrias pesadas instaladas na contorna de Pontevedra como as causantes das verteduras e contaminación que afecta á ría “desde hai anos”. En concreto, apúntase á planta de celulosas ENCE e a química ELNOSA, produtora de cloros e derivados, como responsables dun conflito medioambiental que afecta desde 1963 a unha poboación potencial de 963.511 persoas, segundo indica a propia ficha técnica do EJatlas.

Os impactos ambientais visibles son: contaminación do aire, perda de biodiversidade (fauna, agro-diversidade), quentamento global, perda de paisaxe e degradación estética, contaminación acústica, contaminación do chan, contaminación da augua e perda de calidade.

Entre os impactos potenciais se enumeran: contaminación das augas subterráneas, alteracións a gran escala de sistemas hidroxeolóxicos.

E entre os impactos socioeconómicos visibles apúntanse: perda de medios de vida, perda de coñecementos, prácticas e cultura tradicionais, e perda da paisaxe e do sentido de lugar.

“Estas industrias afectaron negativamente a algunhas economías locais da ría”

A ficha informativa do atlas recolle varios titulares de prensa sobre procesos xudiciais contra os directivos destas empresas e salienta que as sentenzas contra estes “nunca se aplicaron e as multas non se pagaron”. Tamén se resumen as accións e campañas emprendidas pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, que traballa a prol dun “modelo de desenvolvemento sostible baseado no uso racional dos recursos mariños e forestais, e dun modelo de turismo alexado da idea do turismo de masas”, explícase.

O EJatlas lembra que “até mediados de 2013 se supoñía que estas empresas sairían da ría no ano 2018. Porén, o Goberno español extendeu o permiso para que se queden outros 75 anos”, apúntase.

O informe tamén salienta que “estas industrias afectaron negativamente a algunhas economías locais da zona, especialmente ós produtores de moluscos” e que, por mor da contaminación, “os mariscos capturados na ría teñen unha etiqueta de categoría C (é dicir, bastante baixa)”.

Mina de ouro en Corcoesto

Corcoesto no Atlas Global de Xustiza AmbientalÉ o conflito máis recente e máis mediático do momento en Galicia. Os plans da empresa canadense Edgewater para extraer ouro en Corcoesto nunha gran mina a ceo aberto disparou as alarmas en Galicia.

A ficha do EJatlas lembra que foi en 2011 cando Edgewater solicitou por primeira vez permiso á Xunta de Galicia para desenvolver unha mina de ouro de 700 hectáreas para operar durante 13 anos (incluíndo 3 anos para a construción da infraestructura e outros dous para actividades de restauración). A empresa calculou que podería extraer un total de 1.095 millones onzas de ouro. Segundo os seus documentos, o investimento total tería sido de 651.824.167 euros e o proxecto crearía 271 postos de traballo directos durante os oito anos de operacións extractivas.

A ficha informativa lembra que a oposición a esta mina de ouro a ceo aberto comezou en 2012, logo de que a Xunta a considerase un “proxecto industrial estratéxico”. “Desde entón, a oposición ó proxecto chegou de diferentes partes da sociedade (dalgúns grupos parlamentarios galegos e de colectivos civís e ambientais)”, explícase.

“Afírmase que as consecuencias para a zona serían ambiental e socialmente devastadoras, sobre todo polo uso de cianuro. Ademais, a mina a ceo aberto localizaríase a 140 metros do río Allóns, un Lugar de Importancia Comunitaria na lexislación medioambiental europea. De feito, un accidente mineiro como un derramamento de residuos mineiros na zona podería afectar a Costa da Morte, unha zona de protección medioambiental icónica, recoñecida como unha área especial para as aves. Obviamente, o proxecto mineiro tamén afectaría radicalmente as persoas que viven na zona (en vilas como Cabana de Bergaintiños, Coristanco, Carballo ou Ponteceso), onde están moi estendidas as pequenas economías vinculadas á gandería (de feito, 1.000 pequenos negocios deste sector se atopan na área de influencia do proxecto mineiro)”, explícase.

“Un accidente mineiro podería afectar a Costa da Morte, unha zona de protección medioambiental icónica”

O informe salienta a crecente oposición a esta mina, liderada por diferentes grupos como Salvemos Cabana, Adega, Verdegaia, Contraminate e Sociedade Galega de Historia Natural, entre outros moitos, organizados en dúas plataformas: Plataforma Cidadá Salvemos CabanaPlataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, cun “forte impacto nos medios de comunicación rexionais e nacionais”, subliña o texto.

Finalmente, coméntase que en xullo de 2013, o Goberno autonómico de Galicia decidiu que este proxecto “non tiña nin as condicións ténicas nin económicas necesarias para ser aprobado polo momento”.

“O 15 de outubro de 2013, cancelouse a licenza para o proxecto de minería de ouro en Corcoesto. Porén, a compañía ten a intención de apelar a decisión e algúns activistas cren que o proxecto foi cancelado en parte por razóns económicas, debido á caída do valor do ouro, e que podería reiniciarse se o seu prezo se recupera no futuro”, advírtese.

O impacto deste proxecto afectaría directamente a unhas 20.000 persoas, segundo os datos recollidos polo EJatlas, e as consecuencias medioambientais potenciais serían: contaminación do aire, perda de biodiversidade (fauna, agro-diversidade), inundacións, quentamento global, perda de paisaxe e degradación estética, contaminación acústica, contaminación e erosión do chan, deforestación e perda de superficie vexetal, contaminación de auga superficial e diminucón da súa calidade, contaminación das augas subterráneas ou o seu esgotamento, alteracións a grande escala de sistemas hidroxeolóxicos ou verteduras de residuos mineiros, entre outras, ademáis de altos niveis de cianuro.

Prestige

Prestige no Atlas Global de Xustiza AmbientalA vertedura do Prestige, a maior catástrofe ecolóxica en Galicia e a maior marea negra na historia de Europa, é o terceiro conflito medioambiental localizado polo EJatlas na nosa autonomía. O informe lembra as enormes dimensións deste desastre que “contaminou miles de quilómetros de litoral e máis dun millar de praias das costas española, portuguesa e francesa, ademais de causar un gran dano á industria pesqueira local”.

Así se resumen aqueles dramáticos momentos:

“O 13 de novembro de 2002, mentres o Prestige transportaba unha carga de 77.000 toneladas métricas de dous graos diferentes de fuel óleo pesado, un dos seus doce tanques estoupou durante unha tormenta fronte a Galicia, no noroeste de España. Ante o temor de que o barco se afundise, o capitán pediu axuda dos equipos de rescate españois, coa expectativa de que o buque se levase a porto. Non obstante, a presión das autoridades locais obrigou ó capitán a dirixir o barco asediado lonxe da costa e cara o noroeste. Segundo se informou despois da presión do Goberno francés, o buque foi unha vez máis obrigado a cambiar o seu curso cara o sur, en augas portuguesas, co fin de evitar poñer en perigo a costa sur francesa. Temendo pola súa propia costa, as autoridades portuguesas ordenaron de inmediato a súa armada que interceptase a embarcación en crise para evitar que se achegase máis. Mentres os gobernos de Francia, España e Portugal se negaban a permitir que o buque atracase nos seus portos, a integridade do petroleiro monocasco íase deteriorando rapidamente e pronto a tormenta pasou factura cando se informou de que unha sección de 40 pés no casco de estribor rompera, liberando unha cantidade substancial de fuel. Sobre as 8:00 da mañá do 19 de novembro, o barco partiuse polo medio. Afundiuse esa mesma tarde, liberando máis de 20 millóns de galóns estadounidenses (76.000 m3) de petróleo no mar. Informouse de que o petroleiro se atopaba a uns 250 quilómetros da costa española nese momento. Antes, unha mancha de fuel xa chegara á costa. O capitán grego do Prestige, Apostolos Mangouras, foi detido, acusado de non cooperar cos equipos de salvamento e de danar o medio ambiente. Tras o afundimento, continuaron as fugas de fuel óleo. Filtráronse aproximadamente 125 toneladas de petróleo ao día, contaminando os fondos mariños e a costa, especialmente ao longo do territorio de Galicia. A área afectada non só é unha rexión ecolóxica moi importante, con arrecifes de coral e moitas especies de quenllas e aves, senón que tamén soporta unha importante industria pesqueira. A contaminación costeira pesada obrigou ao goberno rexional a suspender a pesca de altura por seis meses”.

A resposta civil non tardou ante o que se considerou unha neglixencia por parte dos gobernos central e autonómico:

“Miles de voluntarios limparon a costa coas súas mans, sen protección e sen apoio institucional nin financeiro”

“O 21 de novembro de 2002 creouse a Plataforma Nunca Máis como unha resposta cidadá ante o desastre ecolóxico e a xestión gobernamental. Nunca Máis estaba formada por máis de 200 grupos: colectivos de mariñeiros, asociacións culturais e ambientais, grupos políticos, sindicatos, veciños, vendedores de peixe… Esta plataforma foi creada co fin de evitar futuros desastres ambientais, para restaurar os danos e esixir para responsabilidades políticas a nivel rexional, nacional e europeo. Estes grupos e organizacións asumiron a xestión da crise ao longo de toda a costa galega. O exemplo máis rechamante da acción colectiva foi a presenza de miles de persoas que se ofreceron como voluntarios para limpar a costa coas mans (é dicir, coas ferramentas máis básicas e inadecuadas e sen protección de seguridade axeitada) e que non recibiron nin apoio institucional nin financeiro”.

O texto publicado polo EJOLT subliña os logros acadados pola acción social, as protestas nas rúas das cidades galegas e no resto do Estado, e a presión mediática, como foi, por exemplo, “a aprobación dun plan de emerxencia” e de partidas económicas para cubrir as perdas dos pescadores. Porén, no que respecta ás consecuencias penais, só o capitán Mangouras pagou por aquel desastre.

“En novembro de 2013, os tres xuíces do alto tribunal concluíron que era imposible establecer a responsabilidade penal e o capitán Apostolos Mangouras, o enxeñeiro xefe Nikolaos Argyropoulos e o ex-director xeral da Marina Mercante española, José Luis López, foron declarados non culpables dos delitos contra o medio. Non obstante, o capitán foi acusado de desobedecer as autoridades gobernamentais, que querían aqueles vellos tanques de 26 anos o máis lonxe da costa posible. Segundo o tribunal, a decisión foi correcta e Mangouras, de 78 anos nese entón, foi declarado culpable de desobediencia e foi sentenciado a unha suspensión de nove meses. O goberno español decidiu lanzar unha apelación á sentenza en contra da exención da responsabilidade civil do capitán”, conclúe a ficha do EJatlas. 

Os impactos medioambientais visibles enumerados no EJatlas son: perda de biodiversidade (fauna, agro-diversidade), perda de paisaxe e degradación estética, contaminación do chan, derramanento de petróleo, contaminación das augas de superficie e diminución da súa calidade.

Tamén se engaden outros danos potenciais como a contaminación das augas subterráneas ou o seu esgotamento e alteracións a grande escala de sistemas hidroxeolóxicos.

No referente ó impacto na saúde dos cidadáns, enuméranse: exposición a riscos complexos descoñecidos ou incertos (radiación, etc.), enfermidades profesionais e accidentes.

Por último, sobre o impacto socioeconómico saliéntase: aumento da corrupción e da cooptación de diferentes actores, perda de medios de vida e perda de coñecementos, prácticas e cultura tradicionais.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.