As secas e outros fenómenos estremos centran o congreso.

As secas e outros fenómenos estremos centran o congreso.

Secas e inundacións centrarán en Ourense o II Congreso Internacional da Auga

O evento organizado pola UVigo traerá expertos mundiais en fenómenos meteorolóxicos extremos

Nun contexto de cambio climático global, sinalan os expertos, é un feito innegable que a incidencia de eventos extremos, como inundacións e secas, aumentará nas próximas décadas e se converterá nunha das principais preocupacións para os países desenvolvidos e en vías de desenvolvemento. Dada esta relevancia, esta é a temática elixida para o II Congreso Internacional da Auga que se celebrará os vindeiros 27 e 28 de outubro dentro do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga.

Moncho G. Gesteira, coordinador do congreso.

Moncho G. Gesteira, coordinador do congreso.

Segundo explican desde a organización da cita, o obxectivo deste encontro é “reunir a científicos de todo o mundo co fin de coñecer os últimos avances no eido da análise, a prevención e a mitigación das inundacións e as secas”. Do mesmo xeito, engaden, o congreso pretende reunir a diferentes axentes responsables da xestión da auga no ámbito local, rexional e estatal así como a membros de sectores produtivos que dependen en gran medida de auga con obxectivo último de lograr un valioso intercambio de información entre científicos, afectados e xestores. “O congreso contará coa participación de 75 expertos procedentes de centros de investigación dun amplísimo abano de países dos diferentes continentes, desde China a Estados Unidos”, explica Moncho G. Gesteira, docente da Universidade de Vigo e presidente do comité organizador do II Congreso Internacional da Auga: Inundacións e Secas.

Durante as sesións exporanse arredor de 25 comunicacións e 40 pósters, centradas no primeiro día no tema das inundacións e no segundo no das secas. Dentro da temática das inundacións os expertos reunidos afondarán en aspectos como os diferentes modelos de prevención, o cálculo de riscos ou os chamados ríos atmosféricos, que determinan como chegan a producirse as inundacións. Dentro da sección de secas trataranse cuestións como os índices que permiten establecer os niveis de seca ou as predicións neste eido.

Están previstas no congreso 25 comunicacións e 40 posters

As conferencias principais correrán a cargo de Luis Cea, da Universidade da Coruña, que falará do modelo matemático bidimensional para a simulación de fluxos en ríos e estuarios Iber; de Ricardo Trigo, da Universidade de Lisboa, que analizará os episodios de seca no Mediterráneo; e de Henny A.J. Van Lanen, da universidade holandesa de Wageningen, que intervirá sobre as tendencias de seca a gran escala en Europa, sobre o seu perigo e xestión. A conferencia de clausura correrá a cargo de Francisco Javier Sánchez Martínez, da Dirección Xeral de Augas do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que explicará a aplicación en España da directiva europea sobre inundacións.

A cita, que conta coa implicación na súa organización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a colaboración do Concello e da Deputación de Ourense, celebrarase de xeito paralelo á EGU Leonardo Topical Conference Series on the Hydrological Cycle, que do 25 ao 27 de outubro reunirá, baixo a organización do grupo EPhysLab da Universidade de Vigo, a un centenar de científicos da EGU, a Unión Xeofísica Europea, dedicada ao estudo dos fenómenos da terra. Moi en relación coa temática do II Congreso da Auga, o tema elixido para esta edición da EGU é a rama atmosférica do ciclo hidrolóxico, abordando todos os aspectos que van dende a evaporación da auga ata a súa precipitación. As dúas actividades desenvolveranse no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.