Encoro das Conchas, na conca do Limia, que sufriu varios episodios de contaminación por cianobacterias debido ao aporte de nitróxeno e fósforo producido pola actividade humana.

Encoro das Conchas, na conca do Limia, que sufriu varios episodios de contaminación por cianobacterias debido ao aporte de nitróxeno e fósforo producido pola actividade humana.

Investigan a orixe da contaminación por nitratos na conca do río Limia

O campus de Ourense e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil asinan un contrato para afondar no estudo dos verquidos

Cuantificar a orixe da contaminación difusa por presencia de nitratos na conca do río Limia mediante a realización dun estudo isotópico. Con este obxectivo, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, asinaron este xoves un contrato de servizos entre as dúas institucións. O traballo que levarán a cabo investigadores do campus de Ourense e técnicos do organismo de conca permitirá distinguir se a orixe destes nitratos se debe a fertilizantes químicos, residuos gandeiros ou outro tipo de residuos urbanos.

O proxecto forma parte da especialización como Campus da Auga

Agradecendo a confianza depositada nos investigadores da institución académica, Virxilio Rodríguez destacou como esta iniciativa se enmarca no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, proxecto no que, recalcou, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil é un aliado. “Desde o primeiro momento que iniciamos o proceso de especialización nos están respaldando”, subliñou o vicerreitor. Salientando como para a confederación hidrográfica o Campus da Auga é tamén “un aliado estratéxico en todo o que teña que ver coa I+D”, Francisco Marín explicou como o obxectivo último do contrato asinado este xoves é “coñecer o problema para poder buscar solucións”. Ademais, recalcou, con esta iniciativa “queremos potenciar a I+D territorial”, contribuíndo á formación de profesionais no eido da auga.

Por parte da Universidade de Vigo, o equipo participante estará liderado por Jesús Simal, catedrático desta institución, doutor en Farmacia, director do Departamento de Química Analítica e Alimentaria e coordinador científico do Centro de Investigación Agroambiental e Alimentaria do Campus da Auga. Por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil estarán Alberto de Anta, comisario adxunto de Augas, e Alberto Bueres, director do laboratorio da Comisaría de Augas. O investimento que realiza o organismo de conca nesta contratación ascende a 20.691 euros con IVE incluído.

Sinatura do acordo. Imaxe: Duvi.

Sinatura do acordo. Imaxe: Duvi.

O obxectivo do contrato, que ten unha duración dun ano, é coñecer a orixe da contaminación por nitratos nas augas da conca baseándose na composición isotópica do nitróxeno e o osíxeno dos nitratos, que é diferente segundo a súa orixe. O estudo das relacións isotópicas do osíxeno e nitróxeno, explican os investigadores, permitirá distinguir se a orixe dos nitratos se debe a fertilizantes químicos, residuos gandeiros ou outro tipo de residuos urbanos (efluentes domésticos e industriais). “Resulta necesario monitorizar a evolución isotópica dos nitratos na conca, para desenvolver medidas preventivas dirixidas a reducir dita contaminación nas augas da zona, e ademais verificar o funcionamento das actuacións de control que se leven a cabo”, destaca Jesús Simal.

No desenvolvemento do proxecto realizarase unha posta a punto da metodoloxía analítica para a determinación de relacións isotópicas de nitratos en auga; analizaranse aproximadamente 15 mostras mensuais en diferentes puntos da conca e finalmente realizarase unha interpretación científica dos resultados obtidos. “Os valores obtidos para o contido de nitratos totais e as relacións isotópicas de osíxeno e nitróxeno serán empregados para a estimación da súa orixe (orgánica ou inorgánica) e as posibles fontes de contaminación en cada caso (fertilizantes minerais, esterco animal, descargas domésticas, etc.)”, comenta Simal. Durante o estudo, engade o investigador, determinaranse as relacións isotópicas en materiais potencialmente contaminantes na conca, como xurros de porco, esterco de vacún e de galiñas, fertilizantes minerais nitroxenados utilizados na zona, lodos de depuradora, residuos urbanos e industriais. Os valores atopados serán comparados estatisticamente con valores reportados na literatura científica. A información obtida deste estudo, sinálase desde a confederación hidrográfica, empregarase na redacción dunhas recomendacións sobre os usos do solo nas subconcas do Limia.

Unha resposta a “Investigan a orixe da contaminación por nitratos na conca do río Limia”

  1. Fernando Insua

    Enésimo estudio para investigar o obvio, que a carga gandeira na Limia é insostible. Que as terras da Limia son moi sensibles debido a que son terreos areosos e se lavan todos os anos nas épocas en que permanecen inundados. Por outra banda, por que os técnicos e comerciais da zona seguen recomendando abonar con abonos químicos, despois de abonar con enormes cantidades de abonos orgánicos? algúen analizou os niveles elevadísismos de nutrientes que teñen os solos agrícolas da Limia?.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.