Marcos Rodríguez Pantoja. Imaxe: RTVE.

Marcos Rodríguez Pantoja. Imaxe: RTVE.

O neno lobo de Sierra Morena vive en Galicia e precisa axuda

A asociación Amigos das Árbores da Limia impulsa varias actividades para recoñecer a figura de Marcos Rodríguez Pantoja, que hoxe ten 72 anos

Non é preciso ir ata Disney nin ler a Kipling. A poucos quilómetros do centro de Ourense vive desde hai xa bastantes anos un Mowgli cunha vida moito máis real e crúa. E ten nome, tamén real: Marcos Rodríguez Pantoja. Hoxe xa conta 72 anos. E 12 deles pasounos sen contacto algún con humanos, protexido polas mandas de lobos de Sierra Morena, entre La Mancha e Andalucía. Un neno lobo.

A súa historia é bastante coñecida, e máis desde que en 2010, o director Gerardo Olivares levara a súa vida ao cine no filme Entrelobos. Marcos naceu en 1946 en Añora (Córdoba) e a súa vida xa foi dura dabondo antes de ter que vivir só no monte. A súa nai morreu cando era neno, o seu pai casou de novo e a nova nai levábao a base de paus. Acabaron abandonándoo, ou vendéndoo – esta parte da súa biografía non queda clara –, e empezou a coidar dun rabaño de cabras ao outro lado da Sierra Morena, xa en Ciudad Real, acollido por un pastor, ata que perde contacto con calquera vínculo humano e bótase ao monte.

Desde os 6 ata os 17 anos, aproximadamente, estivo sobrevivindo entre lobos, protexido pola manda. Non fixo esforzos por volver ao mundo humano, porque para el, ese era un mundo hostil. Cazando, pescando, e medrando en plena natureza. Gran parte da infancia, a adolescencia e a xuventude sen ningún tipo de estímulo social; unha eiva que deixou unha pegada definitiva no seu desenvolvemento. En 1963, unha persoa viuno gabear polas rochas e deu aviso á Garda Civil, que o recolleu do monte.

O antropólogo Gabriel Janer estudou o seu caso durante anos

Comezou entón un difícil proceso de reinserción na sociedade, lastrada polo tempo que pasou illado. Apenas sabía falar, camiñaba a catro patas, descoñecía a maioría das convencións sociais. “As estruturas do seu pensamento creceron a un ritmo diferente e dunha forma distinta de como o fixesen no seo da sociedade”, o que amosa unha evidente “problemática da irreversibilidade dunhas determinadas aprendizaxes cando estas se produciron – ou non – durante os anos cruciais da vida”, expuxo nunha ampla investigación o catedrático de Antropoloxía Gabriel Janer, que estudou durante anos a vida de Marcos.

O que fora neno lobo, xa maior, percorreu varias zonas de España na súa nova vida. Estivo nun asilo en Madrid, viaxou a Mallorca en busca de traballo, e finalmente, tras varias idas e voltas, acabou en Fuengirola, onde o atopou un galego que lle ofreceu unha casa que tiña nunha aldea ourensá. En Galicia vive desde entón, moi ben integrado cos veciños da aldea. Conversa con eles, fai rutas polo monte, dá charlas en centros educativos e colabora con iniciativas en defensa do lobo, o que foi o seu compañeiro durante tanto tempo.

“Que se sinta útil”

E agora, Marcos precisa axuda. “Vive só, nunha pequena casa prestada por un veciño, e conta cunha pequena pensión non contributiva”, explica Xosé Santos, da asociación Amigos das Árbores da Limia, que iniciou unha campaña para botarlle unha man. “A casa é moi fría, e hoxe vaina quentando cunha estufa de butano, pero estamos axudándolle para comprar unha pequena caldeira de pellets“.

Unha das primeiras iniciativas para botarlle unha man a Rodríguez Pantoja terá lugar este venres en Xinzo de Limia. A partir das 20 horas, no café-libraría Itaca, proxectarase a película Entrelobos, e a continuación haberá unha palestra na que Marcos responderá ás cuestións dos presentes sobre a súa vida como neno lobo. Alén disto, poñeranse á venda diversos obxectos para sufragar a axuda a Marcos.

Porén, tal e como sinala Xosé Santos, “a mellor maneira de axudar a Marcos e intentar que se sinta útil e aportando o seu saber á sociedade. El é feliz contando a súa historia aos nenos e aos maiores, concienciando á xente da importancia de protexer ao lobo e á natureza en xeral”. Por isto, Amigos das Árbores xa ten en mente máis proxectos para recoñecer a importancia do testemuño de Marcos, como un dos poucos casos estudados de neno lobo que hai no mundo.

Tamén podes ler:

Así vivía o neno lobo en 1977

 

 

 

17 respostas a “O neno lobo de Sierra Morena vive en Galicia e precisa axuda”

  1. eduardo noia

    No ceip de vilarmide en Muxia tivémolo conosco e dúas ocasions, na estrea da peli que conta a sua vida e hai dous anos.Podedes contactar comigo para o que precisedes

  2. Celtia

    Boas! Pertenzo a unha asociación da facultade d3 bioloxía da USC na que tratamos de dar a coñecer mediante charlas e outras actividades diversos temas, un deles é o lobo ibérico. Sería moi interesante poder poñernos en contacto con Marcos, se fora posible.
    Grazas!

  3. Concepción López González

    Hola, pertenzo á asociación Semente Vigo, de ensino en galego, xa coñecía a historia de Marcos que me impactou no seu momento e me fixo reflexionar moito.
    Quero axudar a título particular aportando diñeiro pero tamén dende a asociación á que pertenzo facendo algún encontro ou charla que sería unha experiencia inolvidable para os cativos.

    Contactade comigo a través do correo para ámbalas dúas cousas.

    Grazas popo voso traballo botando unha man a este home.

  4. Hola buenos días , queremos aportar nuestra ayuda , como lo podemos hacer …
    tenemos una fabrica de embutido ..podríamos enviar comida cada cierto tiempo o aportar dinero ,
    lo que mejor os venga.

  5. Susana

    Ola!, son profe de infantil nun centro da área de Compostela e gustaríame ser información sobre como contactar para organizar unha charla no meu centro e cal sería o custe.
    Grazas!

  6. PAULA

    Pertenezco a unha anpa e gustaríame informarme da posibilidade de facer unha actividade con nenos. Tedes algún número de teléfono o que poida chamar para falar con vós

  7. cecilia

    Hola! me encantaria acudir a algun acto para poder escuchar su historia y ayudarle. soy de santiago y entre semana imposible acercarme alli. si se hace algo por Santiago o cerca avisadme por favor!

  8. Sandra

    Hola
    Estaria encantada de organizar en O Grove algo asi para que todo el mundo pueda conocer su historia y ayudar en lo que sea posible
    Agradeceria que se pusieran en contacto conmigo
    Gracias

  9. José Ángel Diaz Quintana

    Eu tamén presido unha anpa den Sarria e estaría disposto a contar con Marcos para unha actividade cos nenos, mandadenos un enlace para contactar,grazas

  10. Beatriz

    Boas noites, gustaríame saber cómo podemos organizar unha charla no centro escolar onde traballando para rapaces pequenos. Creo que a súa historia sería muy interesante para os menos e poderían aprender moitísimo. Gracias

  11. Maria Eva Perez Perez

    Ola, son a presidenta dunha anpa do Baixo Miño, gustariame poder organizar unha actividade no. noso centro e contar ca presenza de Marcos. Sería posible?? Agradeceria vos puxerades en contacto conmigo. Grazas!!

  12. Irene

    Hola! Son Directora nun colexio, o ano pasado dixéronme que fora contar a súa experiência a algún colexio, quería saber si viría polo colexio e o custo da actividade, gustaríame axudar. Zona do Barbanza na província da Coruña.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.