Venres 19 Abril 2024

Morre Bens, o lobo mariño rescatado na Coruña

O lobo mariño Bens non sobreviviu tras do seu rescate pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), a entidade encargada en Galicia da atención aos varamentos na costa galega. Na mañá do xoves día 4 de febreiro, a alerta da policía local da Coruña puxo en marcha á unidade móbil de asistencia á fauna mariña. Un exemplar macho de lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) acababa de chegar ao areal da praia de Bens na Coruña. Os técnicos determinaron que o seu grave estado de saúde obrigaba a trasladalo á Unidade de Coidados Intensivos do Centro de Coordinación de Varamentos da CEMMA, en Nigrán (Pontevedra).

O lobo mariño Bens.
O lobo mariño Bens.

O mesmo xoves ás 17:00 h ingresou. E foille detectada unha grave deshidratación, desnutrición, anorexia e esgotamento extremo. “Durante os seguintes días aplicáronse as técnicas de hidratación oral e suepidérmica e comezouse dar alimentación ao animal, mais non respostou axeitadamente”, afirma a CEMMA: “Neste tempo non recuperou actividade nin remontou a situación crítica coa que chegou varar”.

Publicidade

Na mañá do luns día 8 o estado do lobo mariño empeorou, caendo as súas constantes vitais e falecendo posteriormente. “A pesar dos esforzos dos especialistas, Bens non puido remontar o crítico estado co que chegou á costa galega”, explica a CEMMA nunha nota.

A necropsia evidenciou todo aquilo que a sintomatoloxía amosaba: o dixestivo absolutamente baleiro, pouca graxa ademais da presenza de dous plásticos pequenos no estómago. Se ben estes plásticos non teñen que ver directamente coa morte do animal, a CEMMA pensa que debería “facernos reflexionar sobre o uso e xestión dos residuos”.

Actualmente, estamos en tempada de forte presenza e varamentos de lobos mariños, que vai de novembro a abril. O empeoramento das condicións mariñas acrecenta a posibilidade de que máis exemplares cheguen á costa fuxindo das duras condicións do mar.

Medidas se atopas un lobo mariño

A CEMMA sinala que, aínda que pensemos que nunca nos imos atopar cun lobo mariño, as posibilidades de atopalos entre Fisterra e Ribadeo, durante a tempada invernal, non é tan rara. Por iso publica unha serie de recomendacións a ter en conta en caso de varamento:

– Chegan directamente dende as colonias de cría do norte e polo tanto están moi cansos, motivo polo cal poden baixar a terra a descansar e botar unha soneca tranquilamente.

– NON ACHEGARSE para evitar molestalo ou que responda agresivamente, mantendo unha distancia prudente xa que poden atacar e trabar.

– NON BLOQUEAR A VÍA DE FUXIDA cara ao mar, deixándolle unha alternativa por se quere e pode marchar.

– ATAR OS CANS se os levas, e procurar que non se acheguen ou a ataquen.

– MANTER SILENCIO, os berros e barullo porano alerta e nervioso.

– AVISAR canto antes ao 112 e colaborar coa Rede de Varamentos nas indicacións.

Hai que ter en conta que non todos os animais que chegan á costa precisan ser recollidos, só aqueles feridos ou que persisten en ficar no mesmo lugar durante días e amosen un comportamento patolóxico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

As candorcas volven a Galicia e non se sabe o porqué: “Deberían chegar a finais do verán”

Os expertos detectan un cambio no comportamento destes cetáceos, que en primavera adoitan concentrarse no Estreito de Xibraltar

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro