Efectos das lapas nun dos lumes analizados, que tivo lugar en Oia en 2013. Fonte: Duvi.

Efectos das lapas nun dos lumes analizados, que tivo lugar en Oia en 2013. Fonte: Duvi.

Desenvolven un modelo de risco para predicir os incendios máis severos

O traballo de investigadores da UVigo, Lourizán e a USC céntrase nos lumes que teñen lugar nas zonas con superficie arborada

Factores como a forza e a dirección do vento, o tipo de vexetación ou a existencia de pendentes resultan determinantes para que un incendio forestal cause maiores danos nas masas arbóreas. Co propósito de predicir que zonas de monte serán máis proclives a sufrir “lumes de alta severidade”, aqueles nos que as lapas afectan ás árbores na súa totalidade, o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal José María Fernández desenvolveu, xunto con investigadores do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, un modelo estatístico que, en base a unha serie de variables topográficas, meteorolóxicas e relativas aos combustibles vexetais, diferencia que parcelas teñen máis risco de sufrir este tipo de lumes fronte a outros de “baixa ou media severidade”.

Os resultados deste estudo recóllense no artigo que Fernández asina xunto a José Antonio Vega e Enrique Jiménez, do CIF Lourizán, e Ana Daría Ruiz e Juan Gabriel Álvarez, da USC, na revista European Journal of Forest Research. “O que nos interesaba é ver se en base aos datos que recollemos dos incendios, somos capaces de predicir onde vai ocorrer isto nunha zona que non ardeu”, explica da investigación que desenvolveu no CIF Lourizán e que parte da análise de diferentes incendios que Fernández realizou para a súa tese de doutoramento Condicións de inicio e propagación dos lumes de copa en masas de piñeirais, defendida na EE Forestal.

O investigador José María Fernández, da Escola de Enxeñaría Forestal. Fonte: Duvi.

O investigador José María Fernández, da Escola de Enxeñaría Forestal. Fonte: Duvi.

Ademais de diferenciar dous tipos de zonas, o desenvolvemento deste modelo permitiu tamén definir un “ránking de variables”, comprobar cales dos ítem incorporados á análise resultan determinantes para a severidade dos lumes. “Chegamos ás conclusións de que ocorreron de forma máis frecuente en zonas con alta velocidade do vento, o cal era lóxico, en zonas onde as copas do arborado están máis preto do solo, que isto tamén era algo que se sabía pero que tiñamos que testar desta maneira, e en zonas máis expostas ao sol”, relata Fernández. Tamén, que os lumes de alta severidade son máis frecuentes en zonas “con alta rugosidade do terreo”, lugares nos que o solo presenta maiores variacións de altura nun curto espazo, o que “favorece que, dalgún modo, teñamos un fluxo de vento máis turbulento”, explica o investigador, que recoñece que esta era “quizais a variable que menos agardabamos, porque a topografía normalmente analizábase en base as pendentes, que favorecen un comportamento máis extremo do lume”.

A investigación que Fernández desenvolveu en Lourizán para a súa tese de doutoramento, dirixida por José Antonio Vega, centrábase nos chamados “lumes de copa”, incendios caracterizados polo paso das lapas da copa dunha árbore a outra, provocando que estas ardan por completo. Trátase pois de lumes de “alta severidade”, que, como recoñece, traen consigo “moitas implicacións”, en primeiro termo, nas propias tarefas de extinción, xa que “non é o mesmo enfrontarse a lapas de oito metros que de 25, que son algo realmente imparable”. Pero tamén, porque unha vez sufocadas, non só se perde unha masa arbórea, senón que “o solo queda totalmente exposto á acción da choiva, que vai provocar un arrastre dese material” xerando “repercusións negativas máis aló da zona do incendio”.

“Non é o mesmo enfrentarse a lapas de oito metros que de 25”, sinala Fernández

Por outra banda, existen lumes que “queiman os matos que se atopan na superficie” sen apenas afectar ás árbores. Trátase dos catalogados neste artigo como de “baixa severidade”, aos que se suman aqueles nos que “a copa da árbore amarelou, nas que ves que o arborado está realmente afectado”, pero que, aínda que este remate morrendo, permitirán unha rexeneración do terreo.

Partindo de catro casos analizados para a súa tese, os lumes sufridos en Ponte Caldelas, Oia e A Fonsagrada en 2013, e un acontecido en Laza en 2010, os autores e autoras deste artigo realizaron, por unha banda, “unha análise espacial das zonas que arderon”, para diferenciar nestas o grao de severidade dos lumes. Por outra, compilaron unha serie de información de diferentes fontes, co propósito de incorporar o maior número de variables posibles ao modelo.

Empregando a técnica estatística Random Forests, esta serie de variables contribuíron a definir un modelo estatístico capaz de discriminar entre zonas máis proclives de sufrir lumes de alta severidade, “cunhas capacidades de axuste de entre o 78% e o 94%”. Trátase, como engade Fernández, dun modelo capaz de predicir a unha escala de 25 metros, cales son susceptibles de sufrir lumes de alta ou baixa-media severidade, polo que, e dado que parte do uso de datos de carácter público, “podería ser realmente útil para un xestor forestal”. Poder distinguir nos terreos analizados, que parcelas “parecen críticas” constitúe “un xeito de axudar na toma de decisións sobre tratamento preventivos”, engade este investigador.

“É unha ferramenta máis, tampouco quere dicir que isto sexa a solución absoluta”, conclúe dun modelo ao que recoñece “certas limitacións” e que permite tamén “probar con distintos modelos sinópticos” e realizar simulacións de vento que permitan coñecer “a fraxilidade dun monte” con, por exemplo, ventos do nordés ou do sur, cos que os lumes adoitan propagarse por Galicia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.