As miñocas son unha fonte de riqueza para os solos e de nutrientes para diversos depredadores. Foto: Duvi.

As miñocas son unha fonte de riqueza para os solos e de nutrientes para diversos depredadores. Foto: Duvi.

As miñocas, ameazadas polo arado intensivo nas leiras

A UVigo lidera unha investigación mundial sobre o impacto da agricultura nas poboacións destes vermes

Como “un labor inxente, unha maratón… de longa distancia…”. Así cualifica a catedrática do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo María Jesús Iglesias Briones o traballo que durante máis de 15 anos desenvolveu xunto ao docente e investigador do University College de Dublin Olaf Schmidt e que conclúe, entre outras cuestións, que a agricultura intensiva, sobre todo o arado convencional do solo, ten efectos moi prexudiciais para as miñocas, en especial nas de maior tamaño e nas que viven na superficie, ata o punto de que, incluso cesando estas actividades, as poboacións, nalgúns casos, necesitarán como mínimo unha década para recuperarse. Ao longo dos anos, Iglesias Briones e Schmidt realizaron unha revisión cuantitativa de estudos sobre o efecto das prácticas agrícolas intensivas sobre as miñocas desenvolvidos entre 1950 e 2016, en varios países dos cinco continentes, para o que utilizaron a meta-análise, unha técnica estatística complexa que permite comparar os resultados numéricos obtidos nos diferentes traballos e darlle distinto peso segundo o número de réplicas, durante canto tempo se realizou o estudo e poder obter unha media estandarizada que se pode comparar de xeito obxectivo.

María Jesús Iglesias Briones, catedrática da UVigo. Foto: Duvi.

María Jesús Iglesias Briones, catedrática da UVigo. Foto: Duvi.

“En 2000 saíu unha ‘review’ sobre o efecto das prácticas agrícolas intensivas sobre as miñocas e sorprendeunos o número de citas que recibiu o traballo, a pesar de que se trataba do que chamamos unha revisión narrativa, é dicir, non hai análise de datos, é un reconto de votos, o que din estes e aqueles e elabora unhas conclusións”, explica a catedrática da Universidade de Vigo, que detalla que a metodoloxía empregada no seu traballo Conventional tillage decreases the abundance and biomass of earthworms and alters their community structure in a global meta-analysis, que vén de ser publicado na revista Global Change Biology “é de gabinete, pero moi intensa”, incluíndo recompilación de traballos, selección, tabulación de datos, así como reunir e completar información que non aparece nos estudos seleccionados, para a continuación pasar á categorización para poder comparar variables continuas, cálculo do valor estandarizado e o error asociado, análises, gráficos e interpretacións. A investigadora da Universidade de Vigo encargouse de realizar todas as análises, “pero discutimos moito durante a selección de artigos, como categorizalos e os dous recompilamos información que faltaba. A axuda de Olaf foi inestimable cos artigos en alemán e eu encargábame dos traballos en español, portugués, brasileiro… así que tirei moito del e respondeu á presión!”, explica Iglesias Briones.

Conclusións do estudo

Que o arado convencional do solo dana as poboacións de miñocas en todo o mundo e que canto máis fondo se ara o efecto é peor, así como que as especies máis afectadas polas prácticas intensivas son as de maior tamaño, que constrúen galerías verticais, semipermanentes (anécicas), xunto coas máis pequenas que viven na superficie (epixeas), son algunhas das conclusións do traballo, que foi publicado en Global Change Biology, unha revista “importantísima, cun factor de impacto alto, 8.44 en 2015”, lembra Iglesias Briones.

Xunto a estes resultados, o traballo tamén reflicte que cando se utilizan prácticas máis sostibles como a agricultura de conservación ou aquelas que non implican arado, como por exemplo sementar directamente, as poboacións de miñocas increméntanse de xeito significativo, “aínda que haberá nalgúns casos que agardar uns dez anos para ver signos de recuperación completa das poboacións”, explica a investigadora da Universidade de Vigo, que alerta que caso de persistir as prácticas convencionais as poboacións de miñocas continuarán diminuíndo.

O estudo recomenda prácticas “máis sostibles” na agricultura

Os resultados deste estudo, segundo os seus autores, pódense traducir en consellos prácticos para as e os agricultores, como evitar o arado e o volteo profundo do solo. “Evidentemente o mellor sería deixar de arar os solos ou facelo moi superficialmente, de xeito que unicamente afecte aos 10-15 centímetros do horizonte do solo. Esas máquinas que cortan tallos profundos no solo e danlle volta é o peor. Matan as miñocas, destrúen as súas galerías e estruturas bioxénicas e polo tanto, eliminan o ‘arado natural’ e todos os beneficios que achega como incorporación de materia orgánica, mellora da estrutura do solo, porosidade, reciclado de nutrientes”, explica a investigadora que lembra que as miñocas tamén son alimento para moitas especies, por exemplo teixugos, ourizos e diversas especies de aves e se elas desaparecen, tamén o farán eles.

Unha segunda medida que contribuiría a reverter a situación sería que os residuos da colleita non se eliminen da superficie do solo e que non se queimen, é dicir non deixar os solos nus trala colleita, e realizar achegas orgánicas (abonos verdes, emendas orgánicas). “Cunha redución da intensidade do manexo e un incremento das achegas orgánicas, as agricultoras e agricultores conseguen protexer as miñocas, que precisan estas achegas orgánicas como alimento e ademais, así como a moitas outras especies que tamén poñen aí os seus ovos e ao solo, xa que favorecer o aumento de carbono do solo é bo para a fertilidade e do clima”, explica Iglesias Briones.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.