Xoves 28 Marzo 2024

A invasión da mimosa en Galicia xa é unha realidade

É un feito constatable cada vez que percorremos as estradas galegas ou camiñamos polo bosque. A leguminosa Acacia dealbata, coñecida como mimosa, ocupa un lugar cada vez máis destacado na flora do noso territorio como especie invasora. E agora, un estudo científico realizado por investigadores da Universidade de Vigo e a de Coímbra e publicado en Science Direct analiza o comportamento desta especie e avalía o seu crecemento.

“O proceso de invasión está favorecido principalmente por perturbacións ambientais. Non en tanto, detectamos que esta especie está invadindo comunidades vexetais inalteradas ata o de agora, e os factores ambientais que inflúen na súa propagación nestes ecosistemas seguen sendo pouco claros”, explicou á Axencia Sinc Jonathan Rodríguez, investigador da UVigo e coautor do traballo.

Publicidade

As mimosas medran máis rápidos nos bosques de piñeiros

Para levar a cabo o estudo, os investigadores colocaron parcelas de mostraxe ao longo do bordo de invasión en cada comunidade de plantas e rexistraron os incrementos de altura e diámetro do tallo en exemplares marcados ao longo dos dous últimos anos. O número de novas árbores de mimosas rexistrouse ao final do estudo.

Entre outros factores, avaliaron as propiedades fisicoquímicas do solo, a cuberta vexetal nativa e as características da parcela, para determinar o seu efecto sobre o crecemento das mimosas. “Atopamos un patrón de crecemento diferente nas mimosas dependendo da comunidade de plantas estudadas”, destacou Rodríguez.

Así, os bosques de piñeiros tiñan uns incrementos significativamente maiores de mimosas en canto a altura e diámetro que os matos. Ademais, atopouse que durante a primavera, aumenta o ritmo de crecemento nos bosques de piñeiro, mentres que nos matos este crecemento mantense estable durante todo o ano.

É orixinaria de Australia e atopa en Galicia un clima semellante

En canto aos parámetros ambientais que inflúen no incremento da Acacia dealbata, atopouse un efecto negativo da luz e a orientación da parcela, pero tamén un efecto positivo no contido de potasio no solo e na orientación da parcela.

Deste xeito, deducíronse os impactos máis coñecidos da presenza da mimosa: redución da luz e da dispoñibilidade de auga no sotobosque, acidificación do solo, aumento do contido de nutrientes do solo, alteración das comunidades microbianas e as actividades enzimáticas do solo e diminución da cuberta vexetal nativa e da diversidade de especies no sotobosque.

A mimosa, orixinaria de Australia, atopa en Galicia condicións climáticas semellantes, que axudan ao seu desenvolvemento e naturalización. Traballos anteriores xa amosaran a importancia doutros factores, como a liberación dos enemigos naturais e as relacións mutualistas con outros organismos que favorecen a invasión.

“Fóra do traballo tamén observamos que as xeadas do inverno poden afectarlle de xeito considerable, sobre todo durante a floración. Non en tanto, a súa capacidade de aclimatación permítelle vivir en alturas que non acadan en Australia. De feito, na serra do Courel xa a atopamos a 1.000 metros de altitude”, sinala Jonatan Rodríguez.

Ata hoxe, varios estudos trataron o control desta especie mediante o control mecánico, conxuntamente coa aplicación de herbicidas no tocón, algo que resultou bastante efectivo. “Outra técnica que se está desenvolvendo en Portugal e que estamos probando en Galicia é o descortizado das árbores para favorecer que a raíz seque e, finalmente, morra a árbore”.

Os matos ben conservados frean o crecemento da mimosa

Alén destas técnicas, é importante destacar os traballos de conservación dos ecosistemas e evitar as plantacións forestais exóticas. Os factores ambientais que se dan nos matos ben conservados reducen a velocidade de crecemento e a aparición de novos individuos de mimosa, en comparación coas condicións dos pinares.

O equipo de investigadores concluíu que o mato natural podería ser unha barreira eficaz para frear a invasión das mimosas. Do mesmo xeito, suxiren que a súa xestión nos bosques de piñeiro reciba un trato preferencial no suroeste de Europa.

“En todo Portugal están tendo problemas similares coa invasión de varias especies de acacias. Por iso, consideramos que sería importante unir esforzos para atallar o problema, que afecta de forma global á Península, xa que as plantas non coñecen fronteiras”, conclúe Jonatan Rodríguez.

1 comentario

  1. Ring ring: Xunta de Galicia? Tut tut tut, o teléfono ao que chama está apagado ou fóra de cobertura permanente…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.