O mexillón de río (Margaritifera margaritifera) é unha importante especie para o coidado dos ecosistemas fluviais. Ten un cometido esencial, xa que é un organismo filtrador e, ademais, funciona como bioindicador da calidade das augas. Non en tanto, a súa situación en Galicia é moi mellorable. Atópase en perigo de extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
Para protexela deste perigo, nos últimos anos, desenvolveuse no río Ulla o proxecto de conservación “Life Margal Ulla”, que tamén incluía á toupa de río, no que participou o Grupo de investigación Conservación de peixes e moluscos da USC (Copemol). Agora, a Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, acaba de aprobar unha axuda de 90.000 euros para dar continuidade ao traballo que desenvolven os investigadores do Campus Terra.
As accións xa desenvolvidas neste eido polo equipo de investigación da USC, liderado pola Mª Paz Odina Navarret, profesora do Departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da USC na Escola Politécnica Superior de Lugo, posibilitou a posta en marcha da única planta de cultivo desta especie existente na Península Ibérica.
Esta estación de cultivo, situada nas instalacións do centro ictioxénico do Veral (Lugo), nace como un proxecto piloto co obxectivo de lograr o manexo integral do ciclo biolóxico da especie, a fin de obter xuvenís viables para reforzar as poboacións do citado bivalvo na conca do río Ulla. Este obxectivo inicial levouse a cabo con éxito e, actualmente, mantéñense catro cohortes sucesivas de sementes, recollidas en ciclos anuais desde o ano 2013.
O mexillón de río pasou de ser un dos bivalvos máis comúns nas augas frías dos ríos do Atlántico Norte a atoparse ao borde da extinción na actualidade. Esta situación reflíctese na redución de efectivos e poboacións e vese agravada por unha significativa ausencia de recrutamento ao longo de toda a súa área de distribución. Precisamente son estas as circunstancias e os condicionantes que propiciaron que en Europa se estean a abordar medidas de recuperación centradas na mellora do hábitat fluvial e na posta en marcha de experiencias ex situ para reforzar ou reintroducir a especie.
O Campus Terra creou a única planta de cultivo da Península
As dificultades que presenta a conservación e o cultivo de ‘Margaritifera margaritifera’ propicia a necesidade de deseñar e pór en práctica protocolos experimentais de cultivo que faciliten a cría, melloren a supervivencia e aceleren o seu ritmo de crecemento. Cómpre lembrar neste senso que, unha vez rematado o proxecto Life, na actualidade cóntase cun número suficiente de exemplares que poderán ser introducidos no medio natural, con técnicas que permitan o seu seguimento, a fin de poder testar así o resultado das melloras realizadas no hábitat.
Estes aspectos que inciden nas dificultades que implica a conservación e recuperación desta especie están recollidos no proxecto presentado polo grupo de investigación Copemol da USC á Fundación Biodiversidade baixo o título ‘Conservación ex situ da náyade en perigo de extinción M. margaritifera: Implementación da actuación de cultivo do proxecto Life+ Margal Ulla’. A Fundación Biodiversidade acolleu con agrado a solicitude trasladada por este grupo de investigación do Campus Terra da USC e valorouna entre as catro mellores, polo que aprobou un orzamento total de 90.000 euros (50% cofinanciamento). O principal obxectivo desta nova actuación pasa por dar continuidade á actuación de conservación ex situ e desenvolver e optimizar protocolos de traballo.