Turbeira ardendo na chaira da Limia. Imaxe: Amigos das Árbores.

Turbeira ardendo na chaira da Limia. Imaxe: Amigos das Árbores.

A Limia segue ardendo once meses despois dos incendios

Varias zonas de turbeiras permanecen en combustión desde a primavera no entorno da lagoa da Antela, preto de Xinzo de Limia

As turbeiras, aínda que pouco coñecidas, son un elemento clave para o ciclo da auga e a retención de carbono para reducir o efecto invernadoiro. Representan a metade do total das zonas húmidas do mundo. Ocupan un 3% da superficie terrestre do planeta, pero almacenan máis carbono que toda a biomasa dos bosques da Terra. E en Galicia, algunhas turbeiras levan moitos meses ardendo.

No entorno da desaparecida lagoa de Antela, na comarca da Limia, houbo un incendio no mes de marzo de 2017. Extinguiuse o lume na superficie, pero non se lle prestou atención ao lume que continuaba baixo a terra. As turbeiras, compostas por depósitos de restos vexetais almacenados durante centos ou miles de anos e colmatados pola auga, poden arder paseniño durante meses se non se actúa sobre elas.

Desde a asociación Amigos das Árbores da Limia reclaman que se apaguen estes lumes, que tamén se produciron en brañas de alta montaña, como nas cabeceiras dos ríos Navea e Arnoia, moi afectadas polos incendios de outubro. Ao arder, as turbeiras perden a súa capacidade de retención de auga e, polo tanto, deixan de nutrir aos caudais dos regatos da zona. E ademais, segundo indica Xosé Santos, membro da asociación ecoloxista, a seca dos últimos anos provocou que o lume puidese adentrarse máis nestas zonas de turbeiras. Todo isto afecta negativamente á calidade dos ecosistemas.

Amais, ao secaren, as turbeiras descompóñense e liberan carbono á atmosfera en forma de CO2. Segundo datos aportados pola convención Ramsar, o acordo internacional para protexer as zonas húmidas do planeta, xa foron drenadas o 15% das turbeiras do planeta. E aínda que só representan o 0,4% da superficie terrestre, son responsables dun 5% das emisións de CO2 con orixe humana.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.