Venres 19 Abril 2024

‘As especies invasoras son a segunda causa da perda de biodiversidade no planeta’

Tense falado e escrito moito sobre especies exóticas invasoras en Galicia: a mimosa, a cortadeira, a unlla de gato ou o ailanto provocan numerosos problemas na biodiversidade do país, desprazando e e minando ás especies autóctonas. Sergio R. Roiloa, doutor en Bioloxía e investigador do grupo Biocost da Universidade da Coruña, percorreu bastantes países estudando como estas especies consiguen avanzar con semellante voracidade. Actualmente participa no proxecto CLOiNvader, financiado polo Goberno español, e na Red Alien Species Network, que financia a Xunta de Galicia e coordina a UDC, na que participan grupos das tres universidades galegas. Roiloa céntrase no estudo das especies clonais, un tipo de invasoras que se valen duns curiosos mecanismos para avanzar.

– Que son as especies clonais e por que son tan perigosas como invasoras?

Publicidade

“As especies clonais producen de forma asexual individuos xenéticamente idénticos”

– As especies con crecemento clonal caracterízanse pola produción asexual de individuos que son xeneticamente idénticos (clons). Cando esta reprodución asexual se produce mediante estolóns ou rizomas, as plantas clonais forman estruturas de individuos interconectados que se poden expandir ocupando grandes superficies. Algúns dos atributos asociados ao crecemento clonal das plantas, como a súa capacidade de intercambiar recursos entre os distintos módulos do sistema clonal (integración fisiolóxica), confírenlles certas vantaxes, como son unha maior capacidade para amortecer condicións de estrés, ou unha maior habilidade competitiva fronte a outras especies. Estas vantaxes poderían resultar especialmente importantes para explicar o éxito dalgunhas especies invasoras. Moitas das plantas invasoras máis agresivas son clonais, e por tanto poderiamos pensar que existe unha asociación entre a rápida expansión destas invasoras e o seu carácter clonal.

– E como chegaron ata aquí?

– Moitas delas foron introducidas deliberadamente por distintos motivos, como o seu uso en xardinería, ou pola súa capacidade para estabilizar noiros, por exemplo. Outras foron introducidas pola acción do home de maneira accidental, especialmente co gran incremento de tránsito de persoas e mercadorías asociadas á globalización.

– Cales son os principais danos que causan no ecosistema?

– As invasións biolóxicas son consideradas como a segunda causa, tras a destrución do hábitat, da perda de biodiversidade a escala global. No caso particular das plantas clonais invasoras, a súa maior habilidade competitiva, asociada á súa capacidade de integración fisiolóxica, poderíalles permitir desprazar ás especies nativas coa consecuente perda de diversidade. Un claro exemplo deste impacto sería o caso do Carpobrotus edulis, (unlla de gato) especie invasora clonal nativa de Sudáfrica que invade os nosos sistemas dunares costeiros, hábitats ademais especialmente fráxiles e con abundancia de especies de interese para a súa conservación. Por outra banda, non debemos esquecer que ademais destes danos ambientais, as especies invasoras tamén teñen uns elevados custos socioeconómicos, como son a aparición de novas pragas que afectan a cultivos ou gandería, danos en estruturas (como portos ou canles), etc.

A unlla de gato ("Carpobrotus edulis") ameaza unha poboación da especie nativa "Honckenya peploides" nunha praia do Grove. Imaxe: Sergio R. Roiloa.
A unlla de gato (“Carpobrotus edulis”) ameaza unha poboación da especie nativa “Honckenya peploides” nunha praia do Grove. Imaxe: Sergio R. Roiloa.

– Pode facerse unha ‘lista negra’ coas principais especies vexetais invasoras de Galicia?

– Existen varios criterios para ter en conta á hora de catalogar o perigo dunha especie invasora: o valor do hábitat sobre o que impacta, a súa capacidade de expansión, a superficie que está a ocupar, ou a complexidade que supón a súa erradicación. No caso de Galicia, especialmente problemáticas serían as mimosas (Acacia dealbata), a uña de gato ( Carpobrotus sp.), o plumacho (Cortaderia selloana), a cana (Arundo donax), o ailanto (Ailanthus altissima), a espartina (Spartina patens), Tradescantia fluminensis ou a vinagreta (Oxalis pes-caprae), entre outras. Ademais, debemos ter en conta que algunhas especies exóticas que neste momento non as catalogamos como graves, poderían converterse nunha ameaza real nun futuro próximo, por iso é polo que debamos destacar a detección e erradicación temperá como unha das prioridades na loita contra as invasoras.

– Hai conciencia na sociedade da gravidade do que supón este problema?

– Cada vez máis, si. O labor de divulgación realizado desde distintos estamentos (administración, asociacións ecoloxistas, etc), así como a importante función que tiveron os medios de comunicación para difundir esta ameaza, permitiron concienciar á sociedade desta problemática. Quen non escoitou falar da avespa asiática ou do plumacho? Evidentemente temos moitas máis especies invasoras, aínda que non sexan tan “mediáticas”, pero o importante é que a xente tomou conciencia desta ameaza. Ademais da actividade científica necesaria para coñecer os mecanismos e impactos das invasións, é imprescindible un labor de concienciación social que permita combater e evitar futuras invasións. Estamos ante un problema global que necesita a implicación de toda a sociedade.

– Que avances conseguiron ata agora co proxecto CLOiNvader?

“A división do traballo é un dos atributos máis interesantes do crecemento clonal”

– Un dos principais resultados do proxecto CLOiNvader foi demostrar a presenza dun proceso de selección positiva da capacidade para a división do traballo nos clons de Carpobrotus edulis durante o seu proceso de invasión. A división do traballo é un dos atributos máis interesantes asociados ao crecemento clonal. Consiste nunha especialización en diferentes tarefas dos módulos que conforman o sistema clonal. Sería o equivalente a un traballo cooperativo, que reporta un maior beneficio ao conxunto do clon, e por tanto permítelle expandirse dunha maneira moi eficaz.

No estudo comparamos poboacións de Carpobrotus procedentes de Sudáfrica (a súa área nativa) e poboacións de Galicia e Portugal (áreas especialmente afectadas por este invasor), e puidemos comprobar como os beneficios derivados da capacidade de división do traballo foron maiores nas poboacións da área invadida. Por tanto todo parece indicar a presenza dunha rápida evolución adaptativa favorecendo estes atributos clonales durante o proceso de invasión, e apoiando a hipótese de que a clonalidad favorece a capacidade invasora das especies. Os resultados deste traballo foron recentemente publicados en Frontiers in Plant Science.

– E que traballo queda por facer?

– Acabamos de iniciar unha nova vía sobre o estudo do papel da epixenética nos procesos de invasión de plantas clonais. A reprodución asexual podería limitar a capacidade de adaptación nas plantas clonais, e o que pretendemos é determinar ata que punto a transferencia de plasticidade fenotípica dentro dun sistema clonal podería amortecer a falta de selección natural baseada en reprodución sexual, e por tanto explicar o éxito invasor algunhas plantas clonais. Na actualidade temos dous experimentos en marcha en colaboración con grupos de China e Brasil para estudar as implicacións da epixenética no éxito invasor das clonais Alternanthera philoxeroides (nativa de Brasil e un invasor moi agresivo en China, e da cal se acaba de localizar unha primeira poboación en Galicia) e Hydrocotyle vulgaris (nativa en Galicia e invasora en China).

A web da Rede Alien Species Network recolle avistamentos de especies invasoras en Galicia. Fonte: invasoras.gal.
A web da Rede Alien Species Network recolle avistamentos de especies invasoras en Galicia. Fonte: invasoras.gal.

– Como vai o proxecto da Rede Alien Species Network?

– A Rede ASN, financiada pola Xunta de Galicia, inclúe a grupos de investigación das tres universidades galegas, e está coordinada polo grupo BioCost da Universidade da Coruña. Coa Rede o que se pretende é incrementar a colaboración entre o distintos grupo do SUG que investigan en distintos ámbitos da invasións biolóxicas, tanto no medio terrestre como o mariño, buscando sinerxias que nos permitan avanzar en desentrañar os mecanismos de invasión así como ofrecer posibles vías de xestión a este problema ambiental. Por outra banda a Rede busca visibilizar o problema das invasións biolóxicas á sociedade. Para iso desenvolve exposicións, conferencias, talleres, material audiovisual, etc. destinadas a concienciar ao público xeral da problemática que as invasións biolóxicas supoñen para o noso patrimonio natural.

– Estanse tomando as medidas suficientes desde as administracións e a cidadanía?

– Na maioría dos casos a loita contra as especie invasoras é un labor titánico. Requírense moitos medios humanos e técnicos, e por tanto o custo económico é alto. Na miña opinión as administracións están a tomar cartas no asunto, tomouse conciencia da problemática e estanse desenvolvendo distintas accións de control e erradicación de especies invasoras. Ademais, desde a administración tamén se están impulsando proxectos de investigación e divulgación que igualmente son clave para a solución do problema das invasións biolóxicas. En calquera caso, o camiño por percorrer aínda é moito.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así afecta o eucalipto á biodiversidade na illa de Tambo

Un estudo coordinado por Adega demostra que as áreas de maior riqueza natural son nas que hai unha menor presenza de 'Eucalyptus globulus'

Un biológo galego gaña un premio internacional pola súa tese sobre a fauna do Sáhara e Sahel

André Vicente Liz estudou máis de 100 especies de vertebrados para desenvolver estratexias de conservación da biodiversidade

Criaturas fantásticas e onde atopalas: así son as lesmas de mar en Galicia

Un grupo de científicos galegos vén de publicar un libro que analiza 120 nudibranquios tras 10 anos de investigación

A UVigo buscará solucións para a perda da biodiversidade mariña e costeira

Investigadores do grupo Future Oceans Lab participan nun proxecto europeo que actualizará as ferramentas e coñecementos para facer fronte a este problema