Sábado 20 Abril 2024

Innovación contra os vertidos das conserveiras nas Rías Baixas

As Rías Baixas poden presumir de ser un dos ecosistemas mariños con maior biodiversidade a nivel mundial. Tampouco lles vai mal en canto a porcentaxe de industria conserveira: nas rías da provincia de Pontevedra concéntrase o 80% do sector en España. As augas residuais producidas por estas empresas de transformación son o cabalo de batalla do proxecto europeo Life Seacan,que  nos vindeiros tres anos e medio probará dúas tecnoloxías baseadas en procesos de biopelícula para a depuración dos vertidos industriais das conserveiras de peixe. Con esta iniciativa, coordinada pola Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga (Cetaquae na que participan as Universidades de Vigo e Santiago, preténdese reducir a contaminación por materia orgánica e nitróxeno que sorportan as rías debido á actividade industrial.  Na investigación colabora a Asociación Nacional de Conservas de Peixe, Anfaco-Cecopesca.

As Rías Baixas concentran o 80% da actividade conserveira de España
As Rías Baixas concentran o 80% da actividade conserveira de España

O proxecto Life Seacan ten un orzamento de 1,7 millóns de euros, dos cales o 60% son achegados pola Comisión Europea a través do Programa Life14, e un prazo de execución de tres anos e medio, dende setembro deste ano ata febreiro de 2019. Investigadores e expertos das universidades e centros tecnolóxicos e de investigación tratarán de aplicar estas tecnoloxías para mellorar a calidade da auga vertida e, así, minimizar o seu impacto medioambiental no ecosistema mariño. A viabilidade e eficiencia destes procesos testarase nas Rías Baixas, despois de ter realizado xa probas iniciais con correntes da industria conserveira de peixe a pequena escala.
A novidade destas tecnoloxías é a súa economía e sustentabilidade, xa que minimizan o consumo enerxético e a súa pegada de carbono e obtense unha auga de máis calidade para o seu vertido directo. Desta forma, presérvase a biodiversidade do medio natural, esencial para o desenvolvemento da actividade económica da industria conserveira que, no caso de Galicia, representa un 2,8% do PIB da súa economía. Ata agora tense confirmado a eficacia destes procesos de biopelícula en augas residuais de diversa natureza, pero non o teñen aplicado a correntes procedentes das conserveiras de peixe. As probas iniciais a menor escala demostran que se mellora a calidade da auga e se reducen o consumo enerxético e a pegada de carbono, en comparación con tratamentos convencionais.

Este tipo de depuración reduce o consumo enerxético e a pegada de carbono

O proxecto arrancou este pasado mes de setembro e os socios están inmersos na busca dunha conserveira na zona das Rías Baixas na que poñer en funcionamento o prototipo que poñerá a proba as novas tecnoloxías de depuración que nun futuro poderían substituír ás que se están empregando na actualidade. A participación viguesa centrarase na avaliación da biodiversidade do substrato da zona bentónica. Para iso están implicados neste proxecto os profesores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Jesús Souza Troncoso, Mariano Lastra e Jesús López, así como o investigador Marcos Rubal. Este equipo centrarase en facer un seguimento da biodiversidade da zona de descarga da conserveira antes e despois de comezar o uso das novas tecnoloxías. “Traballamos co substrato brando na zona de desaugue na que se instale o prototipo e comezaremos un mes ou mes e medio antes para ter así datos da biodiversidade co sistema actual”, destaca Souza Troncoso. Recollerán tamén datos nunha zona de control para poder comparar os resultados. O director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, centro de investigación da universidade viguesa, destaca tamén que nos tres anos e medio de duración do proxecto desenvolveranse varios workshops en Vigo para avanzar na investigación e divulgar o traballo entre a sociedade.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A pegada ambiental do turismo galego: as termas son a actividade máis contaminante

Un estudo nas Rías Baixas no que participan investigadores de Vigo e Santiago conclúe que os festivais e as visitas a xardíns son opcións máis sostibles

En que zonas das Rías Baixas hai plásticos flotantes? Este mapa ten a resposta

Un equipo do Grove leva dende 2016 realizando mostraxes na ría de Arousa e nas súas augas circundantes para estudar o lixo mariño en superficie

As candorcas volverán esta semana a Galicia

Os expertos confirman o avistamento de 'Orcinus orca' á altura de Braga, polo que se prevé a súa entrada nas Rías Baixas nos próximos días

Por que as candorcas entraron na ría de Arousa?

Os expertos non se sorprenden pero recoñecen que non hai constancia de que se producise un feito semellante, cando menos nos últimos anos