Informes da Xunta alertan de eivas na mina de Touro e O Pino

As explotacións gandeiras “poden ver afectados tanto o subministro como a calidade da auga da que se abastecen ao producirse a destrución dos acuíferos e a contaminación química derivada da disolución química e arrastre dos diferentes compostos químicos na auga de chuvia”; “as explosións e voaduras poden repercutir no benestar animal”; “pode ocasionar unha intoxicación por cobre na gandaría”; respecto ás voaduras “non se fai unha avaliación detallada sobre o seu impacto na poboación”; “non se fai unha avaliación dos posibles materiais radioactivos naturais que se poden atopar asociados ao cobre na explotación (uranio, torio e radio e produtos da súa desintegración, como o radon)”.

Parágrafo dun dos informes, elaborado pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.
Parágrafo dun dos informes, elaborado pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Son algunhas das numerosas consideracións que se inclúen nos informes emitidos por organismos da Xunta de Galicia respecto do proxecto mineiro de Touro e O Pino. A pasada semana, despois de reiteradas solicitudes de veciños da zona, agrupacións ecoloxistas e partidos políticos, e despois das peticións de transparencia por parte da Valedora do Pobo, o ente autonómico deu acceso a unha serie de 14 informes sobre o proxecto.

Publicidade

Os documentos, que suman en conxunto máis de 360 páxinas, están elaborados non só pola Administración autonómica (consellerías de Medio Rural, Medio Ambiente Sanidade e varias direccións xerais) senón tamén polos concellos de Touro e O Pino, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e o Instituto Geológico y Minero de España.

Os informes de dúas entidades ecoloxistas xa advertiran das “deficiencias” e riscos de contaminación

A finais do pasado ano, a SGHN e a FEG xa fixeran públicos os seus informes, nos que alertaban de “deficiencias e contradicións” e riscos de contaminación no Ulla. As novas eivas sinaladas fanse públicas a moi poucos días da manifestación en contra da mina prevista para o domingo 10 en Santiago de Compostela.

Publicidade

Esta semana tamén se coñeceu a valoración do proxecto por parte de Augas de Galicia; un informe no que se reflectía a contaminación por metais pesados e unha elevada acidez nos cursos de auga próximos á antiga explotación, que pechou en 1986, e arredor da cal se pretende poñer en marcha o novo proxecto mineiro. Os problemas respecto á vella mina tamén aparecen reflectidos no informe da consellería de Medio Ambiente; dise que “non hai unha descrición das repercusións que esta mina tivo sobre o medioambiente, con especial fincapé nos factores e prácticas que propiciaron o impacto medioambiental do que o propio proxecto se fai eco de maneira implícita”.

Cuestións sen argumentación científico-técnica

O informe de Medio Ambiente, dos máis contundentes, fala tamén de “inconcrecións“, “incongruencias”, e de “cuestións non tratadas que precisan dunha argumentación con base científico-técnica sólida e contrastada” respecto da impermeabilización dos residuos perigosos.

Porén, os reparos ao proxecto son numerosos e diversos. Os informes dos concellos de Touro e O Pino recollen, respectivamente, 21 e 24 aspectos que se deberán ter en conta para solucionar as eivas do proxecto actual.
As diferentes direccións xerais que emitiron as súas valoracións tamén son claras: desde Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias alértase de diversos riscos para a gandaría; desde Montes fálase da dificultade de recuperación da capacidade agrícola e forestal do terreo; e desde Sanidade sinálase a ausencia de actuacións ante os riscos de liberación de químicos nin da posible rotura dos depósitos de estériles.

Ante esta situación, desde a asociación ecoloxista Adega sinalan que Industria, a consellería da que depende a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, “debería rexeitar” o proxecto. Porén, entidades naturalistas, veciños e partidos políticos advirten de que non se descarta que, unha vez emendadas as eivas, un novo proxecto podería saír adiante ao abeiro da nova lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, bautizada por algúns sectores como Lei de Depredación, que facilitaría os trámites ás iniciativas mineiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que foi dos pellets: as seis grandes incógnitas do accidente do ‘Toconao’ un ano despois

As bólas plásticas chegaron de forma masiva a Galicia a comezos de 2024 pero a día de hoxe non se sabe onde están almacenados nin se existe un plan para a súa xestión

Galicia inicia un cribado para detectar cardiopatías conxénitas en neonatos

A proba comezará a realizarse o 2 de decembro a todos os bebés nados en territorio galego e será indolora e non invasiva

Así é o novo plan da Xunta para reducir os niveis de radon en cinco anos

Sanidade realizará medicións en centros educativos, sanitarios e de traballo, así como nos fogares, para analizar a exposición ao gas

Detectadas larvas de mosquito tigre por primeira vez no Porriño

A Consellería de Sanidade cre que a poboación do insecto xa está introducida no municipio, xunto aos de Moaña, Vigo, Redondela, Vilaboa e Cangas