A FEG advirte no informe que o proxecto podería ocupar 122 quilómetros cadrados, chegando ás proximidades de Santiago de Compostela. Fonte: FEG.

A FEG advirte no informe que o proxecto podería ocupar 122 quilómetros cadrados, chegando ás proximidades de Santiago de Compostela. Fonte: FEG.

Un novo informe sobre a mina de Touro reitera os riscos de contaminación no río Ulla

A Federación Ecoloxista Galega informa "desfavorablemente" do proxecto e di que a Xunta denegou información sobre algúns expedientes da explotación

A plataforma veciñal que se opón ao proxecto de reapertura da mina de cobre nos concellos de Touro e O Pino, na comarca de Arzúa, deu a coñecer esta semana un novo informe desfavorable á explotación. Esta vez, por parte da Federación Ecoloxista Galega (FEG), que agrupa a varias das principais entidades ambientalistas do país. Neste documento, solicitado pola propia dirección xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, a FEG denuncia que o ente autonómico denegou e demorou a entrega de información que a propia FEG pedira para a elaboración do propio informe, amais de insistir nos riscos de contaminación na bacía do río Ulla.

Explica a agrupación ambientalista que desde a Xunta se lles estableceu un prazo de dous meses, ata o pasado 31 de outubro, para entregar o citado informe. Sempre segundo a versión da FEG, unha das entidades que a conforman, Verdegaia, solicitou en febreiro e xuño deste ano información para “obter antecedentes da administración de minas que permitiran valorar as implicacións máis amplas do proxecto”, sinala o documento. E nas dúas ocasións, a xefatura da sección de Minas da Coruña denegou esta información, alegando que os expedientes inclúen información “ambiental e doutros ámbitos”.

En primeiro plano, antiga explotación de cobre, que funciona actualmente como canteira. Detrás, zona do xacemento que se prevé explotar. Foto: Atalaya Mining.

En primeiro plano, antiga explotación de cobre, que funciona actualmente como canteira. Detrás, zona do xacemento que se prevé explotar. Foto: Atalaya Mining.

Ante esta situación, a FEG sinala que esta situación “representa unha vulneración das obrigas internacionais” en materia de transparencia e acceso á información que, paradoxalmente, impide á entidade completar o informe solicitado pola dirección xeral.

Do mesmo xeito que outros informes anteriores, como o presentado pola Sociedade Galega de Historia Natural, tamén crítico co actual plan, a Federación Ecoloxista Galega tamén advirte do fraccionamento do proxecto que presenta a empresa impulsora da reapertura. “A lexislación ambiental establece que a avaliación de impacto ambiental debe realizarse atendendo á totalidade do proxecto”, sinalan. Non en tanto, segundo alerta a entidade, “o fraccionamento de proxectos constitúe un mecanismo artificioso de división dun proxecto, ben para evitar trámites legais necesarios, ben para ocultar o seu impacto global ou para minimizar a oposición social ao mesmo”.

A FEG insiste en que o proxecto podería ter unha extensión moito maior

Segundo o estudo socioeconómico do proxecto, a empresa Atalaya Mining dispón de dereitos para investigar os posibles xacementos de Fuente Rosas e Fuente Rosas Oeste, situados moi preto do aeroporto de Lavacolla e a autovía Santiago-Lugo, polo que a extensión do posible proxecto podería ser moito maior, acadando 122 quilómetros cadrados, unha superficie maior que a de todo o concello de Touro.

O documento tamén alude á “inconsistencia con proxecto de restauración vixente”, toda vez que seguen existindo vertidos da explotación que funcionou entre 1974 e 1988; a “infravaloración do problema das drenaxes ácidas de mina”, que causou preocupación entre veciños da zona e mesmo o sector pesqueiro e marisqueiro da bacía do río Ulla, e que chegou recentemente ao Parlamento Europeo a través dunha pregunta do deputado do PSOE José Blanco, na que se cuestionaba a compatibilidade desta explotación cos espazos da Rede Natura do Ulla-Deza e a Ría de Arousa.

Neste punto, o informe amosa que un estudo incluído na documentación aportada pola empresa, asinado polo investigador Bernd Lottermoser, recoñece “o risco de concentracións significativas de metais pesados como o cadmio, cobalto, cobre, molibdeno, antimonio, selenio e cinc que poderían afectar con facilidade as augas subterráneas e superficiais”.

Curso de auga afectado polas filtracións da antiga mina de cobre.

Curso de auga afectado polas filtracións da antiga mina de cobre.

Amais, no escrito da FEG sinálase a “destrución do patrimonio cultural” do castro da Copa, que xa denunciara a SGHN, e que segundo a entidade ecoloxista, “revela indiciariamente a existencia dun delito contra o patrimonio histórico, tipificado nos artigos 323 e 324 do Código Penal”.

Por todos estes puntos, a FEG “informa desfavorablemente” sobre o proxecto. Non en tanto, apuntan que a conclusión do informe é preliminar, “á espera de que a Sección de Minas da Xefatura Territorial de Economía, Emprego e Industria da Coruña forneza a esta entidade os expedientes administrativos e informes solicitados”. Conclúe a agrupación ecoloxista que ” se está producindo unha fragmentación artificiosa dun proxecto mineiro de dimensións maiores”, que poñería “en risco severo da vida e integridade de núcleos de poboación, e das fontes de abastecemento de auga para consumo humano e agrogandeiro”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.