Bombeiros ante o lume en Galicia. Foto: Diario dun bombeiro.

Bombeiros ante o lume en Galicia. Foto: Diario dun bombeiro.

Incendios en Galicia: claves dunha traxedia única na Europa atlántica

Científicos galegos analizan os lumes en Galicia e Norte de Portugal, mentres os incendios se apagan pero o problema continúa

Unha reportaxe de Eva Rodríguez
Xornalista de SINC

De todas as rexións da fachada atlántica, só en Galicia e norte de Portugal os lumes son un problema moi grave que irá a máis. Nos últimos días falouse de incendiarios, terrorismo ambiental e cambio climático; pero esas explicacións poden resultar simplistas. Biólogos que levan décadas estudando os incendios do norte peninsular identifican as verdadeiras razóns desta onda.

O domingo 15 de outubro prendía en Galicia un lume que non será fácil de esquecer. Centos de persoas saían á rúa para axudar nas tarefas de extinción, as lapas chegaban ás casas e alcanzaban o centro da cidade de Vigo. Levaba días ardendo pola zona de Ourense, a provincia máis castigada, pero ninguén esperaba tal magnitude simultánea.

bombeiro

O lume é un vello coñecido en Galicia, Asturias e o norte de Portugal. Na década dos noventa xa se falaba de miles de hectáreas queimadas pola ‘cultura’ do lume, herdada do seu uso como unha ferramenta agrícola e gandeira. Pero na península ibérica pasa algo atípico: de todas as rexións da fachada atlántica europea, as únicas zonas onde os incendios forestais son un problema perpetuo son o norte de Portugal e Galicia.

Serafín González Prieto, doutor en bioloxía, director da Sociedade Galega de Historia Natural e científico titular do CSIC, leva anos estudando este fenómeno: “O uso do lume foi común na historia da humanidade; con todo, noutras zonas deixou de utilizarse e aquí continúa. A isto hai que lle sumar que de todas as rexións da fachada atlántica europea, Galicia e norte de Portugal teñen os peores indicadores demográficos. Hai un despoboamento moi acusado e un envellecemento moi forte do medio rural. A utilización histórica do lume xunto con ese crac demográfico e económico ten desmadrado o problema”.

Segundo os informes de incendios dos axentes forestais, preto do 99% dos que se rexistran en Galicia teñen causas humanas e o 75% son intencionados. O resto son accidentes ou neglixencias. Os intencionados están ocasionados por incendiarios, é dicir, persoas que os causan deliberadamente, dos cales moi poucos son pirómanos “cun trastorno psiquiátrico moi específico”.

“Adóitase usar o termo pirómano de forma confusa, o que conduce a que se sobrevalore o papel destas persoas nos lumes. Segundo as estatísticas, en Galicia provocan un 6,5% dos incendios, cifra que podería estar mesmo sobreestimada pola falta de comprensión deste termo mesmo entre os axentes forestais”, explica María Calviño Cancela, bióloga e investigadora da Universidade de Vigo.

A científica galega acaba de publicar un estudo na revista Forest Ecology and Management sobre a interacción das causas humanas, naturais e climáticas dos incendios, e en particular do risco nas zonas próximas a casas e poboacións. Calviño colabora desde hai anos con Julia Touza Montero, da Universidade de York (Reino Unido), coa que publicou varios artigos relacionados cos lumes asociados á vexetación e aos cambios nas políticas forestais. “Estamos pendentes de publicar un estudo sobre o efecto disuasorio dos arrestos, con resultados positivos”, di Touza.

Determinar as motivacións dos incendiarios é moi difícil mentres non se lles descubra e interrogue. As estatísticas parten sobre todo de suposicións realizadas polos axentes de incendios nos seus informes.

Os científicos apostan por gastar máis en prevención que en extinción

“Existe unha intencionalidade, sen dúbida, e as bases sociolóxicas son complicadas por múltiples factores, pero todos eles se relacionan cun envellecemento da poboación. A pregunta que me fago é: se Galicia desde o ano 90 cada vez gasta máis diñeiro en extinción (debe de ser a rexión de Europa con maior gasto, cuns 175 millóns de euros anuais nos dous últimos anos), por que 37 anos despois o problema segue sendo igual de grave?”, expón González Prieto.

Os datos das últimas catro décadas proporcionados polo Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia mostran un descenso da superficie queimada do 25 ao 35% por década, a pesar de que o número de incendios aumentou de 1976 a 2005 (só se produciu un descenso na última década). Isto suxire que as medidas de extinción melloraron en efectividade, pero o número de incendios é elevadísimo, cunha media anual de 0,13 lumes por km2, só superado por Portugal, segundo os últimos datos da Comisión Europea.

Reconto de focos activos rexistrados polo Effis. En vermello, os das últimas 24 horas, e en laranxa, o dos últimos sete días. Fonte: Effis.

“Imaxinemos que no canto de gastar o diñeiro en extinción se investise en prevención e no desenvolvemento sustentable das zonas que tradicionalmente se queiman. En darlle un futuro económico, ambiental e demográfico a esas áreas. Cada vez gástase máis, pero non se gasta ben. É unha economía do lume que segue crecendo”, indica o investigador do CSIC.

Para Calviño Cancela, estar preparado para algo tan excepcional como o vivido nos últimos días supoñería uns custos moi difíciles de asumir para calquera sociedade. “Non temos un problema coa eficacia de extinción de incendios, á que se dedican moitos recursos, pero si co número deles que se producen”.

Da mesma opinión é Mercedes Casal, directora do grupo de investigación Ecoloxía do Lume na Universidade de Santiago de Compostela (USC), que leva máis de corenta anos estudando os incendios nesta comunidade: “Hai situacións nas que os medios están desbordados ao concentrarse moitos incendios en poucos días e con factores meteorolóxicos desfavorables. O que se debe facer é potenciar as medidas preventivas”.

“Vivín incendios forestais de preto -engade González Prieto-, asistín a pequenas queimas autorizadas, pero cando as condicións se poñen complicadas, se hai unha onda desa magnitude, é inmanexable. A xente ten que descansar, non podes mandar a persoas esgotadas a se xogar a vida para apagar un incendio. O que hai que evitar é que haxa tantos lumes”.

Duras críticas á xestión do territorio

Tanto Casal como González Prieto son moi críticos coa xestión do territorio en Galicia e en gran parte de España. “Mesturouse a edificación co monte -di a científica da USC-, co cal aumenta o risco para a poboación humana, as súas vivendas e propiedades, e ademais a técnica de extinción xa non corresponde a criterios estritamente forestais“.

O drama é maior porque en Galicia e en Portugal nos últimos anos os incendios ocorren moi preto de zonas habitadas. A Lei de Incendios Forestais de Galicia establece a normativa para a protección nestas zonas. “É necesario cumprir o establecido na Lei, e mesmo manter maiores perímetros de protección das zonas urbanas ou industriais”, salienta Casal.

González Prieto lamenta: “Se Galicia se caracteriza por algo, desgraciadamente, é pola carencia de ordenación e xestión do territorio. Isto, unido ao abandono dramático do medio rural, é o caldo de cultivo idóneo para esta situación”.

En total, faleceron catro persoas nos incendios de Galicia e 41 en Portugal, pero a traxedia non acaba cando se apagan as chamas. Os lumes teñen consecuencias sobre a saúde humana, o medioambiente e a erosión dos solos.

“O fume altera á atmosfera gravemente, prodúcense efectos ambientais, perdas materiais de vivendas, de animais. Máis tarde, virán as perdas de solo por choivas intensas e erosivas que deterioran os ecosistemas forestais, os ríos e as rías. Os problemas non rematan cando se apaga o lume, senón que empezan outros?, afirma González Prieto.

“O ano que vén volveremos falar disto e seica a superficie queimada será máis grande e haberá máis mortos“, subliña o investigador do CSIC.

Eucaliptos, piñeiros e clima: combinación fatídica

A proliferación de plantacións forestais de especies moi inflamables, como piñeiros e eucaliptos, sen dúbida favorece a rápida expansión dos incendios, sobre todo cando se atopan semiabandonadas e acumulan moita cantidade de biomasa.

“Un problema importante é que non se dan os incentivos adecuados para que un propietario evite o risco que supón utilizar especies con alto risco. O dono da parcela recibe os beneficios derivados da alta produtividade destas árbores, pero non asume o enorme custo que causan os incendios”, explica Calviño Cancela.

En diversos estudos do seu grupo comprobaron como os bosques caducifolios nativos típicos desta zona, dominados por carballos, teñen un risco de incendio moito menor que estas plantacións, polo que constitúen unha defensa natural e barata fronte aos incendios. “Volven cometer os mesmos erros: primar as plantacións de especies produtivas e moi combustibles, non intercalar áreas de devesas nin bosques refuxios de biodiversidade, non protexer estradas nin casas da proximidade do lume futuro”, reprocha Casal.

‘Precisamos cambiar o enfoque e apoiarnos máis no coñecemento científico’

En canto ao clima, as condicións de moi baixa humidade do aire, altas temperaturas e ventos moi fortes, unidas a unha vexetación moi seca despois de meses practicamente sen precipitacións, favoreceron unha rápida expansión.

“O esperable, coa evolución actual, é que as condicións climáticas vaian a peor. É dicir, imos enfrontar a tempadas máis longas de incendios forestais e en peores condicións, con temperaturas máis altas e secas máis intensas”, declara José María Fernández Alonso, investigador do Centro de Investigación Forestal Lourizán da Xunta de Galicia. O científico acaba de publicar un artigo no European Journal of Forest Research que analiza a interacción de factores como o vento para localizar as zonas máis sensibles á propagación de lumes en Galicia.

Fernández Alonso tampouco ve que a solución sexa aumentar as dotacións, senón reorientalas. “Tanto na súa formación como posiblemente na súa flexibilidade temporal, e apoiarse máis se cabe no coñecemento científico, porque se nos imos enfrontar a novos escenarios de cambio climático, a acumulación de medios non será a resposta”.

“Con todos estes puntos en contexto -salienta González Prieto– queda claro que se hai unha vaga de incendios é moi difícil poder atallalos, a non ser que teñamos un coche de bombeiros por cada pobo. Hai que axudar a conservar os parques naturais que se queimaron, as zonas da Rede Natura 2000 que arderon e as especies ameazadas que morreron calcinadas. Necesitamos cambiar o enfoque totalmente”.

Unha resposta a “Incendios en Galicia: claves dunha traxedia única na Europa atlántica”

  1. Jose R

    Esto se debe a que los políticos no son patriotas,no les interesa el país.Solo miran para su sillón.Se trata de descalificar al que gobierna y hacerlo caer,y así nos va señores.
    En este país la DEMOCRACIA es una perversión de la palabra.
    Todo lo que se lee,interpreta,comenta,especula es rellenar folios y programas señores.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.