Un novo balance sobre os incendios de 2017, que afectaron a Galicia especialmente entre o 12 e o 16 de outubro, eleva a superficie queimada ata as 61.901,67 hectáreas en todo o ano. Arderon 29.278,33 hectáreas de superficie arborizada (o 3,033% do total), e 32.623,34 hectáreas de mato e monte baixo (o 2,094% do conxunto desta superficie no país). Os datos, que publicou este martes Praza, fíxoos públicos o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente.
Por provincias, Ourense volveu ser, de novo, a provincia que máis ardeu de España, con 30.309,23 hectáreas, case a metade do total de Galicia. E aínda así, os montes ourensáns arderon tres veces máis que en 2016 (11.355,24 ha).
As cifras tamén se multiplicaron nas outras provincias. Así, en Pontevedra arderon 21.097,07 ha, o que a converteu na segunda provincia máis afectada do territorio estatal, e cuadriplicou so datos de 2016 (4.961,60 ha). Lugo, afectada por varios incendios graves nos Ancares, multiplicou por 10 a superficie calcinada en 2016 (894,48 fronte a 8.238,43 ha), mentres que A Coruña reduciu en máis dun 40% as cifras do ano anterior (2.256,94 ha fronte ás 3.900,87 de 2016).
Número de incendios
A información do Ministerio amosa, do mesmo xeito, un aumento no número de conatos (menores de 1 ha) e incendios. En 2017, en Galicia houbo 2.302 conatos e 947 incendios, fronte aos 1.872 e 528, respectivamente, de 2016.
Con todo, a gravidade da vaga de outubro do pasado ano está, sobre todo, no número de Grandes Incendios Forestais (GIF), como se coñece aos lumes que superan as 500 hectáreas. En 2017, en Galicia producíronse 22 dos 56 GIF que houbo no territorio español. En 2016, houbo un total de 21 en España, dos que oito foron en Galicia.
Pero alén disto, a superficie afectada nos lumes de 2017 foi moito maior, especialmente entre o 12 e o 16 de outubro. Neses catro días, houbo no noso país 19 incendios que superaron as 500 ha, e que queimaron, en total, preto de 40.000 hectáreas. O maior deles, que comezou en Ponteareas o 15 de outubro, queimou 8.877,79 ha. E en Melón, ese mesmo día, tivo lugar outro incendios de grandes proporcións, con 5.965,86 ha. Neste mapa podes consultar todos:
NOTA: Achega o zoom para ver os datos de Galicia.