Venres 29 Marzo 2024

Guerra contra a uña de gato

A uña de gato, o ‘Carpobrotus edulis‘ é unha planta invasora que está a colonizar as dunas e praias de Galicia, desprazando á vexetación autóctona. Trátase dun dos problemas máis graves entre as especies que chegan de fóra. Tamén coñecida como ‘herba do coitelo‘, é moi agresiva onde se implanta. Científicos das tres universidades galegas tentan atallar este problema.

O investigador da Coruña Sergio Roiloa.
O investigador da Coruña Sergio Roiloa.

Na Universidade da Coruña, o profesor Sergio Roiloa lidera un proxecto internacional para estudiar os clons da uña de gato, que lle permiten reproducirse doadamente e lle dan vantaxes sobre o terreo. Na Universidade de Vigo, Luis González, do Departamento de Bioloxía Vexetal, investiga a ‘epixenética’ da planta: como o ambiente inflúe na expresión dos seus xenes. Este proxecto está tamén coordinado coa Universidade de Santiago.
Corría o ano 1680 cando ao xardín botánico de Leyden (Holanda) chegaba por primeira vez o ‘Carpobrotus edulis’, unha planta orixinaria de Sudáfrica, que 300 anos despois se converteu, xunto a outras especies exóticas, nunha das principais causas de perda de biodiversidade no mundo. A costa ibérica e nomeadamente Galicia, onde o Carpobrotus, coñecida popularmente por uña de gato ou herba de coitelo, entrou polo Grove a principios do século XX cunha finalidade ornamental, é unha das zonas máis afectadas pola proliferación desta especie que compite coa vexetación autóctona, substituíndo comunidades vexetais e reducindo a biodiversidade nativa. A ausencia de estratexias realmente eficaces para deter o avance desta planta invasora e restaurar as zonas afectadas, están a castigar aos ecosistemas autóctonos, especialmente a vexetación dunar, que é moi sensible.

O equipo da Coruña estuda as vantaxes dos clons da uña de gato

“Hai unha crecente aceptación entre os ecofisiólogos vexetais de que se ten que investir máis esforzo na comprensión dos mecanismos que explican o éxito das especies invasoras co obxectivo claro de contribuír ao seu control”, explica Luís González , director do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo e investigador principal do proxecto Retos na xestión da planta invasora Carpobrotus edulis, financiado polo Programa Estatal de Fomento de la Investigación Científica y Técnica de Retos con 150.000 euros.

Os investigadores de Vigo, baixo a dirección de Luis González.
Os investigadores de Vigo, baixo a dirección de Luis González.

Na Universidade da Coruña, o profesor Sergio Roiloa lidera o proxecto científico CLOiNvader para determinar o papel que o crecemento clonal ten no Carpobrotus edulis, a uña de gato. A súa presenza é alarmante, segundo indica o profesor Roiloa, nos sistemas dunares e a súa investigación se centra nos atributos clonais destas plantas. Coa reproducción por clons (por exemplo os típicos esquexes), as plantas teñen máis doado estenderse polo territorio.
“É probable que os atributos asociados á clonalidade poidan explicar algúns procesos de invasión”, adianta Sergio Roiloa, que sostén que os clons dan a estas plantas unha vantaxe competitiva sobre as especies nativas ás que remata por desprazar.

Publicidade

O equipo de Luis González estuda o ambiente na expresión dos xenes da planta

O proxecto de Vigo, coordinado co Grupo de Ecoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, céntrase na ‘epixenética’ das plantas invasoras. O que significa que analiza como inflúe o medio ambiente na súa expansión, en relación cos seus xenes, que en ambientes distintos poden expresarse dun xeito diferente.

Uña de gato.
Uña de gato.

“Utilizaremos como novidade as características epixenéticas da especie para relacionar a súa capacidade de invasión en distintos hábitats e o efecto que posibles predadores e patóxenos autóctonos como o fungo Sclerotinia sclerotiorum (Lib.) de Bary ou a larva do lepidóptero nocturno Brythis crini teñen sobre poboacións diferentes”, explica Luis González.
Esta investigación dende Vigo analizará aspectos como a calidade do solo, a disponibilidade de auga, a calidade dos nutrientes ou a presenza de predadores tanto para a uña de gato como para as especies autóctonas.  “Esperamos que este coñecemento incremente a porcentaxe de éxito no proceso de restauración de zonas con especial protección da costa”, argumenta Luís González.
Pola súa banda, o investigador Sergio Roiloa quere coñecer “os mecanismos de invasión para poder predicir futuros escenarios de invasión e polo tanto minimizar os impactos das especies exóticas”. E o fai desde a perspectiva dos clons que caracterizan a unlla de gato.
O proxecto CLOiNvader, que dirixe o profesor Roiloa, da Universidade da Coruña, está tamén financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, e inclúe a colaboración de investigadores de Sudáfrica, Chile, California (EEUU), Portugal e Australia. E está enmarcado dentro da rede da Xunta de Galicia Alien Species Network.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha cochinilla, aliada para combater a invasora unlla de gato?

Investigadores da UVigo demostran que a combinación da "Pulvinariella mesembryanthemi" co control mecánico acelera a descomposición nesta planta

As áreas costeiras perturbadas favorecen a presenza da unlla de gato

A científica Yaiza Lechuga presenta na Universidade de Vigo unha tese que constata o avance da especie invasora nos complexos dunares de Galicia

Científicos de Vigo advirten de que as plantas invasoras propagan as pragas

Un estudo que analiza áreas con presenza de uña de gato e mimosa explica a súa contribución ao aumento de bacterias causantes de danos en cultivos

Unha cochinilla, posible arma biolóxica contra a uña de gato

A tese da investigadora Cristina Vieites expón bos resultados en laboratorio no uso da P. mesembryanthemi contra esta especie invasora