Un foco localizado en Cataluña obrigou a sacrificar a finais de febreiro 24.000 parrulos.

Un foco localizado en Cataluña obrigou a sacrificar a finais de febreiro 24.000 parrulos.

O novo avance da gripe aviaria obriga a tomar medidas en Galicia

Os avicultores de sete concellos de Arousa veranse obrigados a pechar ás súas aves de curral para evitar o contacto coas aves silvestres

Hai algo máis de dez anos, a propagación do virus H5N1, un subtipo altamente patóxeno da gripe aviaria, xerou unha alarma mundial. A cepa afecta principalmente ás aves, pero acabou trasladándose a humanos o que obrigou a tomar severas medidas en varias partes do planeta.

Desde finais de 2015, e sobre todo en 2016, outro subtipo da enfermidade, o H5N8, comezou a propagarse por varios países da Unión Europea. Segundo datos dun informe encargado polo Ministerio de Agricultura, desde o 28 de outubro de 2016 ata comezos deste mes de abril notificáronse na Unión Europea 1.095 focos de influenza aviar de alta patoxenicidade (IAAP) en aves domésticas, 49 en aves en catividade e 1.499 en aves silvestres, sobre todo en Alemaña, Francia e Hungría. Con todo, esta variante non é zoonótica, é dicir, que só afecta a especies avícolas, así que non hai risco para humanos.

A influenza chegou a España en xaneiro, cando axentes medioambientais localizaron dous parrulos silvestres mortos na lagoa de La Nava de Fuentes, en Palencia. Confirmouse posteriormente que ambos estaban infectados co virus H5N8. O 21 de febreiro confirmouse un novo caso nunha cegoña morta en Castelló d’Empuries (Girona).  Na mesma provincia, dous días despois, notificouse un foco nunha explotación de engorde de parrulos, que fixera movementos a outras sete explotacións nas que tamén se resultaron positivos. Así, tiveron que sacrificarse, en total, máis de 24.000 animais.

Noutros 28 municipios deberase elaborar un censo nas explotacións

Ante esta situación, o Ministerio de Agricultura publicou en marzo unha orde pola que se incrementaban as medidas de control fronte á influenza. E Galicia conta con varios puntos de alto risco debido, en gran parte, ao tránsito de aves migratorias.

Debido ao maior perigo que entrañan os lugares próximos ás zonas húmidas con elevado tránsito de aves, sete concellos situados no entorno do Complexo Intermareal do Grove-Umia-Carreirón (O Grove, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia, Cambados, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa) están consideradas como zonas de especial risco. Así, quedará prohibida a cría de aves de curral ao aire libre, así como a subministración a estas aves de auga procedente de depósitos aos que poidan acceder paxaros silvestres.

Do mesmo xeito, outros 28 municipios do país quedan catalogadas como zonas de especial vixilancia, polo que os propietarios deberán elaborar un censo das súas explotacións.

Desde 2016, a Consellería de Medio Rural xa toma varias medidas de prevención, entre as que se inclúen o control dos movementos de aves de importación desde zonas con focos declarados e a intensificación da vixilancia das aves silvestres e domésticas, así como o contacto permanente co sector avícula.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.