Venres 19 Abril 2024

Galicia, declarada oficialmente libre de brucelose bovina

Este martes 19 de setembro, Galicia quedou oficialmente libre de brucelose bovina, unha enfermidade infecciosa que provoca numerosos abortos e debilidade nas crías. A Comisión Europea, a través do seu comité permanente da cadea alimentaria e sanidade animal, tomou a decisión baseándose nos criterios marcados pola normativa comunitaria. Segundo declarou a conselleira de Medio Rural Ánxeles Vázquez, precisamente de visita en Bruxelas, “Galicia levaba seis anos sen positivos”. Así, este anuncio supón “un fito de gran importancia para o sector gandeiro galego”, tanto na perspectiva sanitaria como na económica, engadiu Vázquez.

A loita contra esta patoloxía é unha liña prioritaria para a Unión Europea desde hai decenios. Desde a súa entrada no mercado común, España recibe financiamento e axuda para erradicar a doenza no seu gando e leva a cabo, anualmente, plans estatais de erradicación. En 2016, País Vasco, Navarra, La Rioja, Murcia, Canarias e Baleares estaban oficialmente libres da brucelose bovina, zonas ás que se lle sumaron a comezos deste ano as provincias de Asturias, Burgos, Soria e Valladolid. Agora, Galicia súmase a esta lista.

Publicidade

Ánxeles Vázquez estendeu a súa felicitación aos gandeiros galegos e aos técnicos que traballan sobre o terreo, en agradecemento ao esforzo realizado. Como elementos clave, subliñou o rexistro de explotacións bovinas, a identificación individual dos animais e o rexistro de movementos pecuarios. Ademais, a Xunta de Galicia ofreceu tres liñas conxuntas de axudas ás explotacións afectadas para o sacrificio dos animais afectados, o control de pastos e a desinfección que se debía realizar nos casos positivos.

Agora, os esforzos de Medio Rural no sector bovino centraranse na tuberculose, da que se seguen rexistrando casos en Galicia, toda vez que, desde 2013, o noso país tamén está libre de brucelose ovina e cabrúa.

Que é a brucelose bovina?

Coñécese por brucelose bovina un conxunto de infeccións causadas por bacterias do xénero Brucella. En Galicia e España, a maioría dos casos están provocadas pola Brucella abortus e, en moita menor medida, pola Brucella melitensis. Clínicamente, caracterízase pola presenza de abortos, nacemento de crías moi febles, retención de placenta ou inflamación de testículos.

En ocasións pode transmitirse ao ser humano, por contacto directo con animais afectados. Nestes casos, caracterízase por febre intermitente, dor de cabeza, astenia, sudación e malestar xeral.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204