A investigación internacional permitiu facer unha nova clasificación das libélulas do Amazonas.

A investigación internacional permitiu facer unha nova clasificación das libélulas do Amazonas.

Estudando os cabaliños do demo do Amazonas

O grupo EcoEvo, de Enxeñería Forestal de Pontevedra, participa nun gran estudo internacional sobre as libélulas selváticas

Animais que a pesares de seren moi diferentes fisicamente forman parte da mesma especie e exemplares aparentemente idénticos que son totalmente distintos a nivel molecular. Iso foi o que atopou un grupo de investigadores e investigadoras de cinco países no estudo que realizaron do grupo de libélulas Polythore que se poden atopar na selva amazónica do Perú. Un estudo que reuniu a expertos de Estados Unidos, Alemaña, Bélxica, Canadá e España e que naceu no ano 2008 dunha iniciativa do grupo de investigación EcoEvo, que dirixe o profesor da EE Forestal Adolfo Cordero. A investigación que iniciaron hai sete anos permitiu constatar o polimorfismo deste xénero de libélulas, que só se poden atopar nas selvas tropicais de América Latina, o que implica, como recoñece Cordero, “que será preciso redefinir o mapa de especies”.

O investigador Adolfo Cordero, na selva amazónica do Perú.

O investigador Adolfo Cordero, na selva amazónica do Perú.

Dentro das 6000 especies de libélulas que existen no mundo, as Polythore constitúen un grupo “pouco coñecido”, respecto do que “se sospeitaba que algunha especie podía ser polimórfica”, como apunta Cordero, que explica que moitas das especies foron descritas a principios do século XX ou mesmo a finais do XIX, “cando aínda non se tiña acceso ás técnicas moleculares”. De aí que a análise morfolóxica e xenética realizada de 21 morfotipos de Polythore lles permitise obter “unha demostración bastante clara” dese polimorfismo, polo que animais con grandes diferenzas na coloración das súas ás eran realmente da mesma especie. Mais a análise xenética realizada tamén lles levou a atoparse co “fenómeno contrario”, con “animais moi diferentes fisicamente pero que xeneticamente son iguais”.

No estudo participan Estados Unidos, Alemaña, Bélxica, Canadá e España

O artigo que este grupo de investigadores de Vigo, das universidades estadounidenses de Rutgers e Santa Clara, da canadiana Carleton University, da belga Universidade de Antwerp e do centro de investigación Alauda de Hamburgo veñen de publicar na revista PlosOne constata pois tanto os polimorfismos nestas especies como a existencia das chamadas especies “crípticas”, termo co que, como explica Cordero, se fai referencia “a organismos que son morfoloxicamente indistinguibles pero que teñen unha completa incapacidade para aparearse entre si”. Nese senso, Cordero incide en que o uso de métodos de identificación molecular permitiu coñecer as diferencias entre especies “que aínda que teñan o mesmo aspecto, levan ás veces centos de milleiros de anos sen ningún tipo de contacto, pese a non estar en zonas moi distantes xeograficamente”, como sería o caso destas Polythore.

Diferentes alas de cabaliño do demo.

Diferentes alas de cabaliño do demo.

Por iso, o investigador principal do grupo EcoEvo salienta que estas constatacións implican “revolucionar este grupo de especies, dado que ao chegar a conclusión de que probablemente algunhas das especies existentes non son tales, senón que se trata de diferentes morfos da mesma, habería que reducir o número de especies. Pero como polo outro lado descubrimos o contrario, que especies que parecían iguais son distintas, teríamos que aumentalo”. De aí que admita que, tras esta publicación, aínda queda moito traballo por diante. “O que nos está indicando isto é se trata dun grupo no que seguen formándose novas especies actualmente”, salienta.

Como recoñece Cordero, o proxecto que deu pé á publicación que asinan 11 investigadores e investigadoras de cinco países “vén de moi lonxe”. De feito, o traballo de campo no que obter as mostras precisas para as análises moleculares foi realizado nas selvas amazónicas do Perú nos anos 2008 e 2009. Uns meses antes, chegara á Escola de Enxeñaría Forestal o norteamericano Christopher Beatty, “que é o máximo responsable final do proxecto” e que por aquel entón era beneficiario dun contrato posdoutoral Juan de la Cierva, grazas ao que se sumou aos proxectos de investigación do grupo EcoEvo. “Como na miña tese de doutoramento estudara o polimorfismo nas libélulas, cando chegou aquí propúxenlle este tema… e desa idea xurdiu todo”, relata Cordero dunha investigación que pouco a pouco comezou a sumar expertos de diferentes países. “Contamos desde o primeiro momento co alemán Joachim Hoffmann, porque é unha persoa que viviu durante moitos anos en Perú, e tamén se apuntou o director da tese de Chris, Thomas Serrat (da Carleton University)”. A estes catro investigadores sumouse na selva o belga Hans Van Gossom, que tamén participou no traballo de campo dun proxecto que foi ampliando horizontes desde a súa concepción inicial grazas á “colaboración entre moitas persoas”.

A revista PlosOne publica os achados nos que participou a Universidade de Vigo

Por exemplo, de Olalla Lorenzo, que durante a súa etapa como investigadora do grupo EcoEvo encargouse das “análises xenéticas iniciais”, ou de Melisa Sánchez, “que precisamente estaba traballando con estes animais en Colombia” e que sumou a este equipo de traballo xunto cos investigadores da Rutgers University de New Jersey William Kuhn e Jessica Ware. Kathleen Harding e Nikole Ankrom da Santa Clara University completan o grupo de autores dun estudo que engloba tamén, como explica Cordero, un novidoso método de identificación automática dos patróns de coloración das ás, un proceso de “informática aplicada” que permite a “caracterización das coloracións mediante mecanismos automatizados e máis obxectivos”, un traballo realizado fundamentalmente por William Kuhn. “Foise establecendo unha rede na que cada un achega a súa parte”, engade o profesor da EE Forestal, que explica tamén que o labor desenvolvido no Perú hai sete anos está a ter continuidade coa análise que actualmente están a realizar das Polythore existentes en Colombia ou Ecuador.

“Moi común no mundo vexetal”, o polimorfismo é un fenómeno pouco habitual no xénero animal que, como sinala Cordero, deixa claro que “a xeración e o mantemento da biodiversidade é un proceso no que concorren fenómenos moi variados”. No caso das Polythore, as principais diferencias entre individuos da mesma especie atópanse nos patróns de coloración das súas ás, un fenómeno para o que “existen moitas posibles explicacións”. Unha delas, dada a complexidade dos patróns de cor sería “a posible imitación dunhas bolboretas” que habitan nesas mesmas zonas, “que son tóxicas para as aves e que teñen unhas cores moi rechamantes, precisamente porque así as aves aprenden de seguido que iso non é comestible”. De feito, os investigadores atoparon, por exemplo, libélulas con ás laranxas en zonas onde existen bolboretas desa cor. Este sería pois, un “mecanismo de evolución” para adaptarse á contorna que, como explica Cordero, tense dado noutras especies, mais este investigador tamén sinala a outras posibles opcións como “que, ao tratarse de cores tan rechamantes, se utilicen nos cortellos sexuais”.

Podes ler aquí
o artigo na revista PlosOne

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.