O equinoccio de outono vai producirse este venres 22 de setembro.

O equinoccio de outono vai producirse este venres 22 de setembro.

Este venres chega o outono

Comeza unha estación na que veremos no ceo varias conxuncións planetarias

O venres 22 ás 22.02 minutos o Sol atoparase xusto no punto Libra da esfera celeste, atravesando o ecuador celeste dende o hemisferio norte cara o sur. Este instante, o equinoccio de setembro, marca o comezo do outono no hemisferio boreal da Terra e polo tanto a primavera no austral. Nesta época a duración do día e a noite coinciden, ao tempo que esta última pasa a gañar terreo ata o solsticio de inverno (21 de decembro), momento no que a diferenza entre noite e día será máxima no hemisferio norte.

Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, “remata outro verán seco en Compostela”.

Nos meses transcorridos de 2017, o Observatorio da USC leva rexistrados 910,7 litros/m2, máis da metade deles (508) nos meses de febreiro e maio. O total acumulado ata o momento “é xusto a metade da media anual da cidade de Santiago nas últimas décadas, polo que tería que caer outro tanto nos vindeiros tres meses para chegar á media anual”, aclara José Ángel Docobo. O ano mais seco nas últimas décadas foi 2007 con 1.204,4 litros/m2.

Astronomicamente, na nova estación destacan varias conxuncións planetarias e coa Lúa. A primeira delas está prevista na madrugada do 5 ao 6 de outubro coa conxunción de Venus e Marte, visibles antes do amecer. Seguiranlle as da Lúa e Marte e a da Lúa e Venus o día 17 do mesmo mes, igualmente visibles antes do amencer. Xa en novembro o 15 saen xuntos primeiro a Lúa e Marte e posteriormente Venus e Xúpiter, tamén antes do amencer; estando prevista para o día 17 a conxunción Lúa-Xúpiter-Venus.

En decembro, a Lúa, Marte e Xúpiter coincidirán nunha conxunción o día 14 antes do amencer. Para este mesmo día, o profesor Docobo sinala a máxima actividade da choiva de estrelas Xermínidas, aínda que tamén haberá outras choivas como as Dracónidas e Oriónidas de outubro e as Leónidas de novembro, se ben destas últimas non se agarda moita actividade.

 

En canto á visibilidade dos planetas a simple vista, o director do Observatorio universitario apunta que Mercurio estará visible no amencer ata comezos de outubro, ao solpor a partir de comezos de novembro e, de novo no amencer, dende mediados de decembro. Segundo as estimacións do astrónomo atoparase en óptimas condicións de ser observado en torno ao 24 de novembro.

Ademais, Venus será visible antes do amencer polo leste e Marte no final da noite, tamén cara o leste, mentres que Xúpiter poderá ser observado no solpor ata mediados de outubro e no amencer a partir do mes seguinte. Saturno será visible no comezo da noite.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.