Xoves 28 Marzo 2024

Esta simpática mascota de acuario está a aniquilar a píntega en Europa

Está de moda nos acuarios. Cada exemplar vale menos de 7 euros. E resulta moi chamativo por combinar a pel negra cunha cor vermella intensa. Pero o tritón ventre de lume (Cynops orientalis) é algo máis que unha simpática mascota. Porque este anfibio de orixe oriental está a aniquilar á píntega común (Salamandra salamandra) en Europa, porque é o vector dun fungo que extermina a poboación local europea.

Salamandra salamandra.
Salamandra salamandra.

A situación das píntegas en Europa é hoxe alarmante. Porque o fungo Batrachochytrium salamandrivorans (o devorador de píntegas) transmite unha enfermidade mortal na pel destes anfibios, e está a poñer en perigo a toda a especie no continente se non se frea a súa expansión, provocada polo tritón ventre de lume importado masivamente para acuarios.

Publicidade

A píntega común atópase en serio perigo de extinción en Europa. Nos últimos anos, a poboación deste anfibio descendeu dramaticamente en Holanda, Bélxica e Alemaña. E a epidemia semella non ter freo. Os datos son alarmantes, tal e como amosa o estudo realizado por investigadores do equipo do científico Benedikt Smichdt, da Universidade de Zúric (Suíza), publicado agora na revista Nature.

“Tan só o 13% das píntegas infectadas sobrevive durante os 10 días seguintes”, explica Smichdt. “Ademais, os resultados mostran que un terzo das píntegas sas se infectan polo fungo nese mesmo período”, engade. Segundo An Martel, coautora do estudo e científica na Universidade de Gante (Bélxica), a este ritmo non é de estrañar que unha poboación infectada perda a máis do 90% dos seus individuos en poucas semanas antes de desaparecer.

O tritón xa foi prohibido en Suíza para frear ó fungo ‘devorador de píntegas’

O “devorador de píntegas” ten unhas propiedades epidemiolóxicas únicas que o converten no patógeno perfecto e nun inimigo mortal para estes anfibios. Os experimentos demostraron que, unha vez infectadas, a píntegas non teñen tempo para reaccionar e resistir á enfermidade. O mero contacto coas súas esporas é dabondo para contraer a infección que lles produce a morte.

Ademais, trátase dun fungo moi resistente ás condicións ambientais e poden sobrevivir durante moito tempo en calquera contorna natural. Se o fungo segue a propagarse polo continente supoñerá un perigo enorme para a diversidade das píntegas europeas, moitas das cales xa se atopan na lista vermella de especies en perigo en varios países.

Tanto Suíza como Estados Unidos prohibiron de xeito preventivo a importación de píntegas e tritones. “Aínda que as restricións poidan ser impopulares, no caso de enfermidades invasoras como esta son unha medida que non se debe obviar”, conclúe Schmidt.

En Galicia aínda non se detectou o fungo ‘devora píntegas’. Pero hai outras ameazas para os anfibios como o ranavirus, que causou unha gran mortalidade no encoro do Pontillón, que abastece á cidade de Pontevedra. Pero o tritón de ventre de lume trae consigo un novo risco para a píntega común, que en Galicia ten ademais unha subespecie propia, compartida con Portugal, chamada Salamandra salamandra gallaica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Este fungo é capaz de provocar unha perigosa infección que controla o cerebro

O escenario posapocalíptico que propón a serie 'The Last of Us' é imposible pola complexidade dos nosos sitemas nervioso e inmunolóxico

O fungo que ataca o ourizo e podrece a castaña

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro analiza mostras de 'Gnomoniopsis smithogilvyi', que se puido volver máis virulento a causa das condicións climáticas

Un fungo letal esta matando ás ras: xa extinguiu 90 especies

Unha investigación internacional na que participa o CSIC describe como a quitridiomicose afecta a centos de especies de ras en todo o mundo