Imaxes do rorcual avistado o día 20 (esquerda) e o día 8 (dereita). Imaxes: BDRI / Manuel María Caamaño Sendón.

Imaxes do rorcual avistado o día 20 (esquerda) e o día 8 (dereita). Imaxes: BDRI / Manuel María Caamaño Sendón.

Era ou non era a mesma balea azul?

Os biólogos analizan se os dous avistamentos de "Balaenoptera musculus" rexistrados nas costas galegas se corresponden co mesmo exemplar

“De principio parecen dúas diferentes, pero vemos certas semellanzas, así que non nos atrevemos a dar unha conclusión ao 100%”, explica Alfredo López, responsable da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma). Neste extraordinario mes de setembro, con dous avistamentos de baleas azuis nas costas galegas, os biólogos céntranse agora en estudar as imaxes para saber se se trata do mesmo rorcual.

No primeiro dos casos, o do día 8 na ría de Muros e Noia, só se tomaron imaxes de vídeo, así que é difícil estudar o corpo do animal porque as imaxes fixas non teñen a calidade suficiente. Ademais, a aleta dorsal non chegou a emerxer, polo que dificulta máis a identificación. Pola contra, no avistamento do pasado día 20 preto de Ons, si hai material fotográfico de calidade, pero non existe vídeo.

Atopáronse varias coincidencias, pero hai outros datos que non casan

Así, desde a Cemma e o BDRI, instituto mariño do Grove que notificou o segundo avistamento, puxéronse a comparar. “O que fixemos foi coller o mesmo lado, o dereito, e buscar primeiro a serie fotográfica do día 20, con tres imaxes en diferentes posicións. Por outra banda, fomos seleccionando as imaxes conxeladas do vídeo para atopar a mesma secuencia”, explica Alfredo López.

Deste xeito, observáronse varias coincidencias: “As dúas baleas teñen a cabeza escura, a parte traseira do corpo clara, e unha figura semellante á península do Grove na súa pel”. Pero a partir de aí, explica López, non foi posible buscar semellanzas, “xa que pode que a segunda balea teña partes claras que na primeira son escuras”.

Base de datos

Con toda esta información, os biólogos galegos enviaron toda a documentación dispoñible ao banco atlántico de baleas azuis, na illa de Mingan (Canadá). Alí recóllense os rexistros dos rorcuais avistados neste océano. Hai actualmente máis de 740 baleas azuis fotoidentificadas individualmente.

Grazas a este rexistro, é posible facer un seguimento destes mamíferos ao longo do océano. Desde a Cemma destacan o exemplo dunha balea retratada no 2014 nas Azores, que fora fotografada 30 anos antes. Por este motivo, a coordinadora insiste na necesidade de tomar testemuño gráfico dos avistamentos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.