enxame

Enxame sísmico: así é o fenómeno dos terremotos en Pontevedra

O Instituto Geográfico Nacional confirma a existencia deste fenómeno na serie de tremores que sacudiron a provincia

Estase a producir un enxame sísmico en Galicia. Así o explica a GCiencia Emilio Carreño, director da Rede Sísmica do Instituto Geográfico Nacional. A sucesión de terremotos, a maioría deles cunha magnitude superior a 2, que se rexistran desde o martes no interior da comarca de Pontevedra “poderíase clasificar” dentro deste tipo de fenómenos asociados ao movemento continuo e ‘habitual’ das placas tectónicas.

Defínese como enxame sísmico a sucesión de tremores que se producen nun área concreta durante un período determinado de tempo. Poden durar horas, días ou meses, e destácanse, tal e como sinala Emilio Carreño, porque “non existe un sismo que poidamos chamar principal“.

O fenómeno do enxame sísmico adoita producirse con certa periodicidade en Galicia, aínda que a súa intensidade non chega a ser percibida en moitos casos pola poboación. Con todo, hai experiencias recentes de situacións de risco. Foi, por exemplo, o que aconteceu a mediados dos anos 90 no bautizado como ‘triángulo sísmico’, entre as localidades lucenses de Sarria, Becerreá e Triacastela. Centos de tremores de magnitude superior a 3 sucedéronse durante meses. O evento principal produciuse o 21 de maio de 1997, cun tremor de magnitude 5,1 que se sentiu en toda Galicia.

Falla activa na zona do enxame

Tal e como sinalaba tamén a GCiencia o xeólogo Vidal Romaní, e se pode ver na imaxe baixo este parágrafo, hai unha pequena falla activa baixo a zona da provincia de Pontevedra onde se están a producir os sismos. O rexistros históricos tamén dan conta, segundo amosa o mesmo gráfico, da existencia de sucesos semellantes no pasado.

Pequena falla activa na zona do enxame sísmico (en vermello) e datos históricos de sismicidade na zona. Fonte: Juan Ramón Vidal Romaní.

Pequena falla activa na zona do enxame sísmico (en vermello) e datos históricos de sismicidade na zona. Fonte: Juan Ramón Vidal Romaní.

Con todo, non cabería agardar grandes terremotos na zona. “Segundo o ficheiro de fallas activas do IGME – explica Emilio Carreño – non hai na zona ningunha recoñecida como tal. Porén, é certo que en Galicia, en xeral, parece que a sismicidade é debida a multitude de pequenas fallas que, debido á súa curta lonxitude de traza, en principio non teñen por que orixinar terremotos de grandes magnitudes”.

Con todo, e coas debidas precaucións, Vidal Romaní, apunta que poderiamos estar a falar dun episodio “algo máis serio”, xa que “hai unha maior variedade de profundidade nos hipocentros”, o que “podería interpretarse como un síntoma que vai máis aló dun simple reaxuste“, xa que as características dos sismos “parecen indicar un movemento xeral en toda a falla”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.