Ameneiros do río Landro.

Ameneiros do río Landro.

En loita contra o mal que ataca ó ameneiro

Santiago e Confederación Hidrográfica do Miño inician un estudo do fungo que ameaza a árbore máis emblemática dos ríos galegos

É a árbore máis emblemática dos ríos galegos. O amieiro, ameneiro ou abeneiro (almus glutinosa), coñecida en castelán como ‘aliso’, está presente en toda a Europa norteña. En Galicia, forma parte da cultura ancestral. Da súa casca, extraíase un tinte negro empregado para a roupa. Tamén, un aceite que protexía contra os mosquitos. E a súa madeira era moi aprezada, especialmente pola súa resistencia á humidade. Aquí se utilizaba para palafitos, muíños e pontes de madeira, ao igual en Venecia era a base para os alicerces dos edificios da cidade das canles.

Sinatura do convenio entre a USC e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Sinatura do convenio entre a USC e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Pero o ameneiro está hoxe en perigo. A vexetación das cuncas hidrográficas Miño-Sil e Limia sofre dende hai anos a doenza denominada ‘decaemento do ameneiro’, que pon en perigo o seu estado de conservación e a funcionalidade ecolóxica en numerosos tramos fluviais da zona, algo que altera as condicións hidromorfolóxicas das masas de auga e o seu estado ecolóxico.

A enfermidade afecta dende 2004 a bosques de ribeira de moitos países coma Inglaterra, Francia, Alemaña, República Checa, Austria, Italia e España. Neste último, as áreas máis prexudicadas están en Galicia, dentro da cunca do Miño-Sil, aínda que tamén se reportou a presenza do patóxeno en Castela e León así como árbores cos síntomas característicos en Asturias, Cantabria e o Norte de Portugal.

O primeiro rexistro desta enfermidade en Galicia data de 2008 na ribeira luguesa do Miño. Dous anos despois, varios grupos de investigadores coñeceron que a causa era o fungo Phytophthora alni subsp. alni Brasier & S.A. Kirk. Nestes momentos a doenza en Galicia está localizada especialmente na Terra Cha luguesa, na cunca do Avia en Ourense e na zona de Limia.

A cunca Miño-Sil é das máis castigadas de Europa polo fungo Phytophthora alni

Para prever e paliar na medida do posible os múltiples efectos negativos que o ‘decaemento do ameneiro’ está producindo nesas zonas o reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, asinaron este xoves un convenio de colaboración que porá a traballar un equipo do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC (Ibader) dirixido por Pablo Ramil na valoración de posibles alternativas destinadas a favorecer a recuperación desta vexetación de ribeira.

Os traballos dos especialistas do grupo de investigación ‘Territorio e Diversidade’ do Campus de Lugo da USC servirán por tanto para avaliar a situación actual e propoñer actuacións de mantemento e mellora do estado ecolóxico das masas de auga afectadas polo deterioro da vexetación de ribeira, que sobre todo está alterando a hidromorfoloxía dos leitos afectados.

O custe de execución do estudo, que deberá finalizar antes de decembro de 2016, estímase en máis de cen mil euros, dos que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil asumirá o 75% e o resto a Universidade compostelá.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.