compost diputacion cesar mosquera

Edafólogos da UVigo estudarán coa Deputación usar compost para rexenerar solos

A investigación analizará durante tres anos o compost de menor calidade da futura planta de A Canicouva

Investigar como rexenerar os solos do monte da Canicouva con compost de menor calidade, o denominado “bioestabilizado”, é o propósito central do proxecto no que Universidade, Deputación Provincial e Concello de Pontevedra traballarán conxuntamente ao longo dos próximos tres anos nos terreos nos que se proxecta a construción dunha planta de compostaxe, grazas ao convenio dotado cunha contía de 230.000 euros que asinarán estas tres institucións. Baixo a dirección das profesoras da Área de Edafoloxía e Química Agrícola Purificación Marcet e Emma Fernández Covelo, este proxecto estará centrado en buscar posibilidades de mellora deste compost de menor calidade, co propósito de atopar un aproveitamento con garantías nos usos forestais, obtendo así un novo recurso do que actualmente é un residuo.

“A idea é ver se é viable empregar o bioestabilizado, un compost que non se pode utilizar para solos agrícolas, para a rexeneración de solos degradados”, explica Marcet, profesora da EE Forestal, dunha investigación que abrangue en primeiro termo a caracterización deste compost, para posteriormente, mediante a súa combinación “con outros materiais estabilizantes”, estudar na Canicouva “como responde o solo cando llo engadimos”. Para levar a cabo unha investigación que comprende a contratación de dous doutores “especializados en recuperación de solos degradados mediante a aplicación de emendas orgánicas”, Deputación, Concello e Universidade asinarán nas próximas semanas un convenio dotado cunha contía de 230.000 euros, que nesta xornada foi presentado en rolda de prensa polo vicepresidente do ente provincial, César Mosquera, e o asesor de residuos da Deputación, Carlos Pérez, xunto con Marcet e Covelo. Concretamente, está previsto, segundo explicou Mosquera, destinar a este proxecto 100.000 euros no presente ano, 70.000 en 2017 e 60.000 en 2018.

Rolda de prensa de presentación do proxecto.

Rolda de prensa de presentación do proxecto.

O obxectivo xeral do proxecto, explicou Fernández Covelo, é ver a viabilidade da aplicación do material bioestabilizado sobre a calidade do solo de A Canicouva, avaliando os problemas existentes en cada zona e mellorando as cualidades físico químicas do compost, para favorecer a rexeneración natural de cada tipo de solo.

Para iso, o traballo deste equipo de investigadores e investigadoras, que contará tamén coa colaboración do alumnado que queira realizar os seus traballos de fin de grao ou máster sobre compostaxe, abranguerá en primeiro termo a realización dunha serie de probas tanto en invernadoiro como en contedores, no propio terreo da Canicouva. Segundo explicou Marcet, os traballos iniciais darán comezo no mes de novembro, e abranguerán unha serie de probas deste compost para, no último ano, “cos resultados de todas estas experiencias previas”, realizar sobre o terreo unha serie de test de xerminación e avaliación de potenciais contaminacións por lixiviados, entre outras actividades.

Este compost podería usarse en canteiras ou en zonas afectadas por incendios

Segundo explicou Mosquera, a futura planta de A Canicouva ten como obxectivo “producir só compost de gran calidade”, que se poida destinar á comercialización ou fertilización de xardíns. Mais, ante a posibilidade de que nesta planta se produzan partidas de calidade máis baixa, sinalou, “queremos ver como se pode corrixir ese bioestabilizado para buscar un uso beneficioso”. Con ese propósito, explicou o vicepresidente provincial, A Canicouva será “un banco de probas” no que os investigadores e investigadoras da Universidade tratarán de comprobar se é posible mellorar ese bioestabilizado. “A investigación será moi transcendente porque sería extensiva e facilitaríase a rexeneración de solos, facéndoa máis simple e moito máis barata, xa que agora as técnicas son moi complicadas ou custosas”, engadiu o responsable da Deputación.

Con ese propósito, o Concello achega a este proxecto as 10 hectáreas de terreo das que dispón na Canicouva grazas ao acordo da Comunidade de Montes e nas que se proxecta a instalación da planta. Como esta “ocupará pouco máis dunha hectárea, queda moito terreo no que actuar”, explicou Mosquera, que apuntou á existencia nestes terreos de “zonas moi pobres e degradadas, ladeiras que son verdadeiros pedregais ou áreas afectadas polos incendios e existencia de canteiras”, e que servirán precisamente para o estudo dese compost bioestabilizado.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.