Venres 29 Marzo 2024

A UE advirte a Galicia por incumprir a normativa de protección ás aves

O silvestrismo é unha práctica que se desenvolve desde hai séculos en España. Consiste na captura e cría en catividade de frinxílidos, unha familia de aves de pequeno tamaño, peteiro forte e plumaxe vistosa, como poden ser o xílgaro, o verderolo, o xirín ou o pimpín. Despois da súa captura, son ‘adestradas’ para a súa participación en concursos de canto. Non en tanto, as non aptas para estas prácticas deberían ser liberadas de novo ao medio natural.

A Directiva Aves da Unión Europea regula as medidas de conservación destes animais. Entre elas, as excepcións permitidas para a súa captura ou morte. A práctica do silvestrismo non se incluía nestas excepcións, polo que, atendendo á tradición existente en España, o ente comunitario instou ao Estado en xullo de 2011 a substituír progresivamente a “captura sistemática” no medio natural pola cría en catividade destes paxaros para o seu uso recreativo.

Publicidade

A UE dá dous meses de prazo a nove comunidades autónomas para adoptar as medidas requeridas

España informou á UE da adopción e aplicación das medidas indicadas, pero a Comisión Europea reservouse o dereito de manter un control para comprobalo. Pasados varios anos, viuse que o Estado español seguía lonxe de adaptarse a esta normativa de conservación. E ante isto, Europa emitiu hai unhas semanas un ditame no que volve advertir a España e, en particular, a nove comunidades autónomas, entre elas Galicia, do incumprimento da Directiva Aves. Dá, ademais, un prazo de dous meses para que se tomen, dunha vez por todas, as medidas requeridas hai xa varios anos.

O ditame, de 64 páxinas, recolle as peticións e advertencias realizadas desde Bruxelas ao Estado español e ás comunidades autónomas. No caso de Galicia, o ditame lembra que a Xunta xustificou as capturas en relación á creación dunha poboación suficiente de cría en catividade. Porén, a propia UE sinala que a administración autonómica “non ofrece ningunha explicación fundada” que xustifique que o número de frinxílidos en catividade (3.571 en 2014 e 3.011 en 2015) resulte insuficiente.

A Comisión Europea sinala que a Xunta “non ofrece ningunha explicación fundada” sobre os exemplares en catividade

Alén disto, a Comisión pon de manifesto que en respostas anteriores, a Xunta “recoñece que os exemplares capturados que non son aptos para o canto deben liberarse antes do 31 de xaneiro do ano posterior á súa captura, o que confirma que polo menos parte das aves frinxílidas capturadas cada ano con autorización non se destina á creación dunha poboación para a cría en catividade”.

Nun comunicado, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) lembra que en setembro de 2011, a entidade presentou ante a Fiscalía de Medio Ambiente unha denuncia contra a Dirección Xeral de Conservación da Xunta de Galicia por estes incumprimentos, “ante a concesión de permisos de forma reiterada para a captura de frinxílidos por parte de diferentes asociacións de silvestristas”. Aquela denuncia foi rexeitada pola Fiscalía como non constitutiva de delito.

Ante o novo ditame, a SGO sinala que a Xunta estaba “amparándose arbitrariamente nunhas excepcións da Directiva de Aves a fin de xustificar ditas prácticas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Velutinas, porco vietnamita, cangrexo vermello… Así chegan a Galicia as especies invasoras

María José Servia, investigadora da UDC, augura novos exemplares “co foco poco posto nos himenópteros: avespas, formigas e abellas”

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

A UVigo axudará a rexenerar as pradarías submarinas da ría de Aveiro

Este proxecto europeo basearase na maricultura para apoiar as necesidades de plantas e sementes para a súa reintrodución

Un equipo da UVigo avalía o posible impacto da inxección de aerosois na atmosfera para contrarrestar o cambio climático

Os investigadores galegos aseguran que a técnica reduciría a cantidade de enerxía solar que chega á superficie e reduciría a temperatura