“Creo que nunca coñecín a ningún neno que diga que de maior quere ser Enxeñeiro Químico“, di Diego López Barreiro (Santiago de Compostela, 1987). Tampouco era o seu caso. A decisión tomouna “devagar, durante os anos de Bacharelato”. Pero con todo, acabou sendo iso que ningún neno ten exactamente na cabeza. “Gustábame a ciencia básica, pero tamén a aplicación práctica. Enxeñaría Química parecíame (e segue a parecerme) unha das carreiras que mellor combina os aspectos fundamentais da ciencia co enfoque industrial e aplicado típico das enxeñarías”. E tamén influíu o feito de que a carreira se puidera estudar en Santiago, “unha cidade fermosa para ser estudante”. Un camiño que o acabou levando onde está hoxe, no Massachussets Institute of Technology (MIT), unha institución punteira na ciencia mundial, de onde saíron decenas de premios Nobel. A de Diego é unha historia de esforzo e constancia, pero tamén cun trisco de casualidade.
Do Massachussets Institute of Technology saíron decenas de premios Nobel de varias disciplinas
Desde o Bacharelato, Diego xa tiña outra idea clara: “Quería vivir uns anos fóra de Galicia“, lembra. Desde que tivo oportunidade fixo intercambios, prácticas e cursos no estranxeiro, e cursou un Erasmus en Berlín. “Alí entrei en contacto coa investigación en biomasa; interesoume moito o tema e decidín prorrogar a estancia fóra de Galicia uns anos máis para facer a tese”. Grazas a unha bolsa de posgrao da Fundación Barrié conseguiu ter liberdade para elixir a temática da tese. Contactou entón con profesores centrados no estudo da biomasa. “Acabei facendo unha tese doutoral entre a universidade de Gante (Bélxica) e o Karlsruhe Institute of Technology (Alemaña). Saír ao estranxeiro permitiume entrar en contacto con xente de moitos sitios diferentes e coñecer novas técnicas e novas formas de traballar, e é algo que desde logo lle recomendo a todo aquel que poida facelo”.
E foi aquí cando o camiño de Diego se xuntou co do seu actual grupo no MIT. Alí estaban iniciando “unha liña investigadora nunha técnica para producir materiais derivados da biomasa (procesado hidrotérmico) que eu estaba usando na miña tese para producir biocombustíbeis a partir de microalgas”, conta o científico galego. E entón, “un dos meus xefes actuais aquí no MIT sabía dos meus traballos nesa técnica e contactoume cando estaba a rematar a miña tese. Así foi como iniciei un postdoutoramento no MIT”.
Cando estaba rematando a tese, Diego foi contactado por científicos do MIT
Na súa tese, Diego López Barreiro estudou “a conversión hidrotérmica de microalgas para producir biocombustíbeis, e como tratar as augas residuais do proceso, que son unha grande fonte de nutrientes e de compostos orgánicos”. Actualmente segue a empregar o procesado hidrotérmico de biomasa, “pero para obter materiais, non biocombustíbeis”.
A biomasa é unha materia prima con moitos usos potenciais. “Non deixan de marabillarme todas as cousas que somos capaces de derivar da biomasa. Producimos electrodos para baterías, membranas para filtración de auga, sensores de humidade, aditivos para mellorar a durabilidade e sustentabilidade do asfalto, ou materiais para uso biomédico, combinando materiais derivados da biomasa con polímeros derivados de proteínas… Vir ao MIT permitiume expandir as miñas perspectivas sobre o uso da biomasa para a produción de materiais sustentábeis. Nun futuro, espero que poidamos sacar as nosas investigacións do laboratorio e desenvolver materiais que teñan un uso na vida real“.
E que supón vivir e traballar día a día no MIT? “Estar aquí, ou en calquera outro centro de renome, tendo acceso a investigadores de alto nivel e a maiores recursos económicos, é un medio para facer a mellor ciencia que poidas. Se che gusta a investigación científica, o MIT é un sitio apaixonante, por todas as cousas que están a acontecer ao teu arredor”.
Mais hai, como en todo, unha cara algo menos amable. “Na miña opinión, nos EUA, e en especial en sitios coma o MIT ou Harvard, hai unha forma de traballar demasiado individualista, que se centra moito na carreira profesional e cunha competencia desmedida”. Ademais, sinala Diego, “no eido persoal, pasar de investigar biocombustíbeis a traballar en ciencia de materiais foi complexo e supúxome a aprendizaxe de moitos conceptos novos. Pouco a pouco vou sentíndome cómodo, pero é unha experiencia intensa, desde logo”.
O prestixio da ETSE da USC
Hai uns meses, na clasificación QS, que analiza as puntuacións das mellores universidades do mundo, a USC aparecía entre as 250 mellores no eido da Enxeñaría Química. Unha posición que constatou Diego durante a súa carreira. “Nos países nos que teño traballado até agora (Alemaña, Bélxica, Holanda e Estados Unidos), as investigacións da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC son coñecidas; e no eido medioambiental e dos bioprocesos, a ETSE é unha referencia. Para min é un orgullo ver todas as ferramentas que me subministrou unha universidade pública como a USC. Non podo facer outra cousa que recomendar a ETSE a calquera persoa que estea pensando estudar Enxeñaría Química”, recoñece o investigador do MIT.
Para min é orgullo ver todas as ferramentas que me subministrou unha universidade pública como a USC”
E como se investiga no MIT e nos Estados Unidos? “Observo unha maior tendencia a saír do teu eido habitual de investigación para explorar novas liñas. Creo que é máis doado empezar novas liñas de investigación aquí, e tamén me parece que son máis rápidos á hora de trasladar as últimas innovacións científicas aos programas docentes”, apunta Diego, que engade: “Todo isto tamén vén facilitado pola gran dispoñibilidade de recursos económicos, claro. Pero penso que calquera sitio do mundo é bo para facer ciencia da máis alta calidade, se se aposta por un sistema de atracción de talento que dea liberdade aos investigadores. Non fai falta estar no MIT para facer investigación de alto impacto, e temos varios exemplos en Galicia, como a propia ETSE que citaba antes ou o CIQUS“.
O regreso á Galicia
“É unha pregunta complicada”, recoñece o científico do MIT. “A idea de retornar a Galicia sempre está rondando a cabeza, sobre todo por ter estudado nunha universidade pública galega e ter aceptado posteriormente unha bolsa da Fundación Barrié. Pero nunca sabes se se presentarán as condicións para retornar, nin se as circunstancias persoais o permitirán. Aínda que xa levo varios anos no estranxeiro, sigo intentando establecer proxectos de colaboración con diversos grupos en Galicia, e sempre estou á procura de formas de establecer colaboracións científicas. Se non podo volver fisicamente, gustaríame polo menos seguir vencellado a Galicia a través da ciencia”, sinala.
E que hai que facer para chegar ao MIT?
“Non son moi apropiado para dar consellos sobre como chegar a sitios coma o MIT, xa que a min a oportunidade presentóuseme sen procurala”, apunta Diego. “Pero a miña recomendación para calquera estudante que estea pensando en dedicarse á ciencia sería que, estea onde estea, sexa unha persoa activa, curiosa, involucrada, que intente facer o mellor traballo posíbel para ter un impacto alá por onde pasa. Que busque oportunidades de intercambio, bolsas, que non teña medo de mandar e-mails a ninguén preguntando por colaboracións, por postos de traballo. Eu creo que no meu caso eses factores foron tan determinantes como a carreira que estudei. O certo é que a porcentaxe de xente que chega a sitios coma o MIT é moi reducido, pero iso non quere dicir nada. Fóra do MIT hai excelentes opcións para facer unha investigación de alto impacto. Coa ilusión e entusiasmo necesarios pode chegarse moi lonxe, tamén en Galicia”.
Diego,siempre “Un gran chico”