Venres 29 Marzo 2024

“O noso aceite de oliva sabe a Galicia, a verde, a herba e a humidade”

As oliveiras son hoxe en Galicia o que a vide era hai 30 anos. A frase pode parecer arriscada pero Carmen Martínez, directora de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), sabe moi ben do que fala. Xa viviu a experiencia de ver como practicamente da nada apereceu unha poderosa industria vinícola que hoxe se espalla por toda Galicia e ademais conquista mercados exteriores. Está convencida de que co aceite de oliva pode acontecer algo semellante, pero advirte que nos atopamos nun momento clave no que é necesario definir con rigor científico as variedades autóctonas galegas para poñer en marcha un proceso que pode rematar cunha nova alternativa para desenvolver o medio agrario galego. Hai documentación que confirma o cultivo do aceite de oliva en Galicia polo menos dende o século XVI.

-Sorprendida co número de variedades de oliveiras atopadas no proxecto que están a desenvolver dende a MBG?

Publicidade

-Foi moi sorprendente. Eu non estaba moi convencida de empezar a traballar neste tema porque sempre traballei no terreo da viticultura e pensábamos que igual con sorte atoparíamos unha ou dúas variedades autóctonas e a realidade e que xa levamos trece. O máis sorprendente é que estamos a atopar auténticos bosques de oliveiras centenarias misturadas con carballos e outras especies. É interesantísimo para nós, como científicos, atopar tal variedade de oliveiras. É algo moi semellante ao que ocorreu co tema da vide, tampouco agardabamos atopar tantas variedades de uva e agora a historia repítese coa oliveira.

“Pensabamos que atoparíamos unha ou dúas variedades autóctonas e xa levamos trece”

-Co paso de tempo entón podería chegar a existir unha industria do aceite de oliva en Galicia como a do viño?

Estou convencida de que si, porque temos moi bo produto, hai tradición e contamos cunhas variedades perfectamente adaptadas ao solo e ao clima, que producen aceites de gran calidade e que son moi interesantes dende o punto de vista organoléptico. Nas primeiras análises que temos feito todas as variedades autóctonas cumpren cos parámetros de calidade que establece a normativa. Creo que o futuro en Galicia vai ser semellante ao que pasou co mundo do viño.

-Hai algunha peculiaridade común destas variedades atopadas en Galicia?

-Estamos a estudalas e empezando a describilas; o que está claro é a súa adaptación ao clima e o solo galego e a súa diferenciación doutros aceites que se producen noutros puntos da Península. Cando me preguntan a que saben os aceites de aquí sempre digo que saben a Galicia, a verde, a herba e a humidade. É un aceite moi especial e diferente pero cando acabemos o proxecto poderemos dicir cales son as peculiaridades de cada variedade. Hai que comprobar que as características de cada variedade se mantén cando se plante en distintos lugares. Estamos a facer un traballo estatístico rigoroso para establecer ben as diferenzas entre cada variedade.

“A industria do aceite pode frear o despoboamento do rural galego”

-A lenda de que o clima galego non favorece o cultivo da oliveira non é certa?

-Iso tamén o dicían da vide pero hai que ter en conta que hai variedades que se adaptan perfectamente a este clima. Os oliveiros dinnos que variedades moi coñecidas doutros puntos da Península como Arbequina ou Picual non se dan ben aquí pero as que son autóctonas si.

-Por que agora é un momento clave para plantar unha boa base cara ao desenvolvemento das oliveiras en Galicia?

-Temos que ser moi rigorosos a hora de describir as variedades e evitar a confusión e a picaresca que hai arredor. Teño a experiencia da vide cando todo o mundo dicía que tiña Albariño e non era así. Agora acontece algo semellante, a xente está ansiosa por ter plantas das variedades Brava e Mansa e moitas veces se compran cando aínda non está claro que as plantas sexan destas variedades. Pode crearse unha gran confusión no proceso de comercialización do aceite e pode perderse moito tempo para que se produza o recoñecemento das variedades autóctonas. Supoño que en pouco tempo poderemos contar cunha denominación de orixe para amparar as variedades existentes. Pronto poderemos contar cunha planta estándar das variedades Brava e Mansa co aval dun estudio detrás. Haberá que facer un seguimento do seu comportamento e no caso das outras variedades haberá que emprender un proceso de legalización para que en poucos anos tamén se podan plantar.

“En pouco tempo poderemos contar cunha denominación de orixe galega para os aceites”

-Hai máis produtos que poderían seguir o mesmo camiño que o aceite e o viño en Galicia?

-Sí, temos un potencial enorme no terreo dos frutais e da horticultura, por exemplo. Podería sacarse un rendemento importante e tamén contribuír a dar unha oportunidade de desenvolvemento a zonas despoboadas de Galicia. Agora estamos a atopar moitas cando imos a marcar as oliveiras centenarias e este tipo de iniciativas poden servir para establecer nestas comarcas industrias agrarias rendibles e competitivas. Creo que se poden facer moitas cousas dende a ciencia e tamén coa colaboración entre científicos, agricultores e viveiristas, como se está a facer no tema do aceite. Galicia ten unha gran vantaxe, xa que pola súa orografía e por peculiaridades como o minifundismo conserva unha gran riqueza de variedades de interese agrario que non foron explotadas. Hai un potencial enorme porque os mercados buscan agora produtos vinculados aos territorios, que sexan de calidade, diferentes e que teñan unha tradición. Nós temos moito que ofrecer nesa liña.

3 COMENTÁRIOS

  1. Teño uns 5000 m. Plantado de olivos ,teñen cerca de dous anos.
    Estou moi interesada en traballalos no futuro e vet a maneira de asociarme a alguna denominacion de orixen Rias Baixas ou desarrollo de mercado que se poudese abrir

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os residuos do aceite de oliva serven para depurar fármacos das augas residuais

A científica Silvia Escudero-Curiel, da UVigo, propón un sistema de tratamento dos refugallos industriais para transformalos en adsorbentes de medicamentos

As proteínas de orixe vexetal chamadas a mudar a industria alimentaria

Unha investigación do CSIC demostra que as leguminosas endémicas poden rachar coa dependencia dos mercados estranxeiros para gandaría e consumo humano

A viguesa Elena Cartea, nova vicepresidenta adxunta do CSIC

A científica galega é doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e dirixe dende 2015 a Misión Biolóxica de Galicia

Aceite de oliva: ouro líquido para combater a covid-19

Considérase un dos selos da dieta mediterránea e atribuíronselle numerosos efectos beneficiosos para o mantemento da saúde