Xoves 28 Marzo 2024

Denuncian novos danos causados por humanos en niños de píllara das dunas

Un ano máis, a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) ten que loitar contra todos os elementos para poder sacar adiante ás súas crías. Esta ave, en situación vulnerable en Galicia, vive nun fráxil equilibrio que ás veces ráchase por culpa das imprudencias e o vandalismo do ser humano. O ano pasado, unha ou varias persoas destrozaron niños e roubaron ovos na praia de Coroso, en Ribeira. E nesta nova tempada de cría, hai que dar conta de novo de imprudencias que poñen en risco a supervivencia da especie.

Píllara femia (á dereita) e macho (esquerda). Foto: María Vidal.
Píllara femia (á dereita) e macho (esquerda). Foto: María Vidal.

Tal e como denuncia Manuel Mariño, que colabora coa USC e con entidades naturalistas como Axena na conservación dos niños, nas últimas semanas producíronse varios episodios de imprudencias e incivismo que causaron danos en praias de Carballo e a península do Barbanza, dúas das zonas clave para a píllara.

Publicidade

O máis recente foi na praia de Razo, en Carballo, onde se estableceu unha parcela acordoada cun cartel no que se advertía de que non estaba permitido o paso de persoas nin mascotas. Porén, segundo destaca Mariño, “na zona interior había centos de pegadas humanas; poucas veces vin unha parcela tan pisada”. Alén disto, os ovos que días antes estaban dentro da gaiola desapareceran, aínda que non se pode confirmar se se debeu á presión dun humano ou mascota ou á acción natural dos depredadores.

Nas semanas previas tamén se atoparon evidencias de pegadas de humanos e cans dentro das parcelas acoutadas en varias praias da península do Barbanza. Unha situación preocupante, xa que segundo explica Manuel Mariño “a media de polos por parella que sae adiante é de 0,5 por ano“, dentro dunha poboación total en Galicia que probablemente non supera as 100 parellas. E máis tendo en conta que Galicia é a única zona do norte da península onde sobrevive a píllara, xa desaparecida no resto da costa cantábrica.

Só saen adiante 0,5 polos por parella dentro dunha poboación de 100 parellas en toda Galicia

Ademais da acción humana, a acción de depredadores como o lagarto arnal e os temporais ou o efecto das mareas complican aínda máis a conservación da ave. Este ano “a primavera foi moi dura polo mal tempo, polo que fixeron poucos niños; e enriba varias das postas foron arrasadas polas grandes subidas da marea de hai unhas semanas”, explica Mariño.

A píllara das dunas ou píllara papuda é unha das únicas tres especies ameazadas que conta en Galicia cun plan de protección (o último, aprobado en 2014). Grazas a esta normativa, desenvolvéronse medidas para protexer as súas zonas de cría, centradas en medio cento de praias con características favorables para albergar os niños. Establécense limitacións nos usos e accesos da praia, obrígase a levar atadas ás mascotas e a tomar precaucións na limpeza en toda a praia, impedindo o uso de maquinaria pesada, entre outras medidas. Aínda así, seguen sendo frecuentes os incumprimentos desta norma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos

Dez preguntas sobre a ameaza da gripe aviaria en humanos

Ata a data non foi detectada ningunha transmisión de persoa a persoa e os expertos consideran que o contaxio é "difícil"

Os ecoloxistas alertan da “desaparición inminente” da tartaraña cincenta en Galicia

Adega pon o foco na eucaliptización, os parques eólicos e os pesticidas como ameaza principal á Ave do Ano 2023

Un carballo galego, no podio do concurso ‘Árbore do ano en España’

Está situado en Pontevedra e consegue o terceiro posto, por detrás detrás dunha aciñeira cántabra e dun plataneiro valenciano