A curuxa común (Tyto alba) será a ave deste 2018. Así o escolleu por votación popular, como cada ano, a organización SEO/BirdLife, que destaca o retroceso nas poboacións deste animal, cun descenso global do 13% en España, e que nalgunhas zonas chega ao 50%.
O traballo dos 450 voluntarios e técnicos de SEO que percorren o territorio peninsular permitiu comprobar que o descenso é especialmente significativo na zona mediterránea sur, que engloba Andalucía, Castilla-La Mancha, Murcia, Comunidad Valenciana, Islas Baleares e parte de Aragón, Madrid, Cataluña e Extremadura. Pola contra, a situación é máis optimista no norte de Cataluña e en Castellón, aínda que tamén se aprecia unha baixada que, no último ano, é de arredor do 15%.
A transformación do medio agrogandeiro provocou un retroceso da súa poboación
Segundo os expertos, a perda de poboación do rural e a transformación do medio agrogandeiro é unha das causas deste retroceso. Sinalan que, coa utilización de praguicidas e rodenticidas, a perda de biodiversidade debido aos monocultivos e a contaminación, redúcese a presenza de insectos e roedores, básicos na alimentación de aves como a curuxa.
O despoboamento rural, sinalan desde SEO/BirdLife, tamén afecta a estas aves, xa que perden lugares de nidificación tradicionais como campanarios, caseríos e granxas. “A mala situación da avifauna agraria é un aviso para fortalecer social e ambientalmente o medio rural. Unha cuestión que nos atinxe a todos”, sinala Ascensión Ruiz, directora de SEO.
Así é a curuxa
A especie común (Tyto alba) mide entre 32 e 40 centímetros e pesa entre 430 y 620 gramos. Pódese observar en case todo o mundo, agás nas rexións polares e en zonas desérticas ou moi áridas. Tampouco está nalgunhas illas do Pacífico, Indonesia ou no norte do Himalaya. En Europa é a única especie da familia dos titónidos, dun total de 16, aínda que existen subespecies como a glacilirostris, presente nas illas do oeste de Canarias, e a guttata, procedente do este e o norte de Europa, que chega á península Ibérica en inverno.
Aínda que ambos están moi presentes na cultura popular galega, mouchos e curuxas non son o mesmo. Aínda que pertencen á orde dos estrigtiformes, ou rapaces nocturnas, os mouchos son da familia dos estríxidos. A confusión procese do inglés, onde todas as rapaces nocturnas reciben o nome de owl, precedidas do seu calificativo (barn owl, Ural owl, etc.). As diferenzas están sobre todo nos ollos (amarelos no moucho e negros na curuxa) e un disco facial máis marcado no caso destas últimas, amais dos penachos aos lados da cabeza que ten o búho e dos que carece a curuxa.
Pode triangular a posición dun corpo baseándose no son. Teñen un prodixioso sentido do oído. O seu disco facial actúa como unha antena parabólica que capta e distribúe o son cara os dous oídos, agochados a ambos lados da cara e situados a diferente altura. Así, é capaz de triangular a posición dun corpo ou obxecto só a través do son.
Ven ‘en tres dimensións’: os ollos están en posición frontal; así poden calcular a profundidade e observar a realidade en tres dimensións. Para mirar lateralmente, poden xirar a cabeza 180 grados a cada lado. A súa vista ten casi o dobre de sensibilidade que o ollo humano e percibe todos os movementos.
Voo adaptado á caza: a estrutura das súas plumas está preparada para que a fricción do aire sexa mínima. Así poden xogar co efecto sorpresa á hora de cazar, e poden voar moi lento, o que lles permite localizar mellor ás presas.
Non fan niños: son cavernícolas, polo que aproveitan calquera oco para establecerse, xa que é onde están máis cómodas para protexerse da chuvia e do vento e sentirse seguras.